março 12, 2012

Reivindicando a Rosalía: obradoiro de poesía con Emilio Xosé Ínsua

Despois do éxito do recital colectivo feminino do pasado xoves 8, Día Internacional da Muller, as asociacións Almuinha e Queremos Galego Marín continuamos realizando esta semana máis actividades para reivindicar a figura de Rosalía e reclamar un espazo público co seu nome en Marín.

Este venres 16 a partir das 20hs no museo Manuel Torres haberá un obradoiro de poesía a cargo do profesor e escritor Emilio Xosé Ínsua no que os e as asistentes poderán aprender a ler, interpretar e crear versos.

Emilio Xosé Ínsua é doutor en filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Compostela e profesor de lingua e literaturas galegas. Forma parte da redacción da revista Cerna, editada por Adega. Foi socio fundador da Mesa pola Normalización Lingüística e membro durante o periodo 1997-2002 do consello da editora "Letras de Cal".

Como poeta, ademais de colaborar en diversos volumes colectivos e participar en numerosos recitais por toda Galiza, publicou no ano 1995 o libro "Devalar das esperas" e no ano 2002 resultou gañador da IV edición do Premio de Poesía "Prados Ledesma" do concello de Viveiro co poemario "Acontece ás veces a tenrura".

De Almuinha e Queremos Galego Marín queremos agradecer a Defende o Pituco, Asociación de Mulleres o Abeiro, Asociación de Mulleres de Moaña, Mulheres Nacionalistas Galegas, Memoria Histórica de Marín, Marcha Mundial das Mulleres e persoas a título individual que participaron no recital de poesía lendo, cantando e pintando a pancarta reclamando un espazo público para Rosalía que posteriormente foi pendurada nun balado continuo á praza 8 de Marzo onde transcorreu o acto. Pódense ver fotos do acto premendo
aquí.

Sem comentários: