dezembro 29, 2010

O apalpador volta polo nadal

Un ano máis, e da man da A.C. Almuinha, o apalpador percorrerá as rúas e prazas de Marín o vindeiro 31 de decembro a partir das 5 da tarde acompañado de música e caramelos para todos os nenos e nenas que se acheguen.

O Apalpador non é ningún invento desta asociación cultural senón a recuperación deste personaxe mítico do nadal galego. O ámbito xeográfico no que se recollen os seus testemuños orais é a zona da alta montaña luguesa, terras de Lóuzara, o Caurel e o Cebreiro. Porén, a presenza da lenda podería tamén abranguer Quiroga e os Ancares.

O Apalpador, apalpabarrigas ou pandigueiro nomes polos cales tamén é coñecido vive nas devesas adicado a facer carbón e caracterízase fisicamente polo seu grande tamaño, viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con bagas salvaxes e os porcos que caza no monte. No nadal baixa da súa escura morada para ir visitar os nenos e nenas galegase chega cando estes están durmidos, apálpalles a barriga para ver se están fartos ou se teñen fame. Se están cheos dilles “Así, así esteas todo o ano” e deixalles unha presa de castañas, se pola contra están famentos, fica calado e deixalle tamén unha manchea de castañas.

Mais os tempos mudaron e o noso Apalpador non pode ficar atrás por iso tamén pode facer agasallos, mais a diferenza doutras figuras do nadal son fabricados por el mesmo ou reciclados doutros nenos, fomentando valores como a solidariedade e a xenerosidade entre os máis novos.


dezembro 09, 2010

Palestra Soberanía alimentar e consumo responsábel

Hoxe en día non resulta difícil atopar calquera produto, froita ou alimento doutros países en calquera tenda, froitería ou grande superficie. Isto que para algún a priori pode ser algo bo agocha unha realidade moito máis dura, a dos/as produtores/as. Sexan estes produtores locais ou foráneos ambos os dous sofren as consecuencias do Deus mercado, baixos prezos en orixe e grandes beneficios para os intermendiarios, provocando a precariedade na vida dos produtores e como consecuencia o abandono do rural.

Fronte a estas políticas mercantilistas que gobernan e tiran un grande lucro da nosa alimentación grupos de produtores están a agruparse para traballar polo que se coñece como soberanía alimentar, o dereito que teñen todos os pobos para decidir as súas políticas alimentarias. Tamén son moitos/as os/as cidadáns/ás que concienciados/as se agrupan dacordo con produtores locais para formar cooperativas de consumo responsábel.

Alén das consecuencias económicas para os produtores o cultivo intensivo e o uso de abonos químicos xunto coa plantación de produtos transxénicos están a influir de xeito grave no medio. Para coñecer máis sobre a soberanía alimentar e o consumo responsábel, este venres 10 de decembro a partir das 20h na biblioteca municipal de Marín a A.C. Almuinha organiza unha charla coloquio onde intervirán a líder histórica do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, e unha persoa que forma parte da cooperativa de consumo responsábel e ecolóxico a Gradicela.

dezembro 08, 2010

Feche temporal do Centro Social Almuinha

A A.C. Almuinha comunica que o passado dia 30 de novembro fechamos definitivamente as portas no local no que durante o último ano estivemos realizando as nossas actividades. Queremos aclarar que nom é um feche definitivo, durante as últimas semanas estivemos procurando outro local, mas lamentavelmente foi-nos impossível confirma-lo, polo que durante algum tempo, que agardamos seja o mais breve possível, ficaremos sem Centro Social. Porém, continuarám a se realizar todas as actividades programadas como estava previsto em novas ubicaçons que iremos anunciando.

Agardamos comunicar o mais aginha possível a apertura do nosso novo Centro Social em Marim.