novembro 29, 2013

O “CIRCO” DAS SUBVENCIÓNS CULTURAIS

Cando a Sra. Alcaldesa chegou no ano 2.011, manifestou que “ela non tiña responsabilidade algunha do que fixera o goberno anterior e que as axudas do 2.009 quedaban “finiquitadas” (non chegaron a resolverse porque xa non se dispoñían dos cartos orzamentados a tal partida) e no 2.010 e 2.011 deran axudas para actividades concretas “de ti a ti”, (descoñecemos cal é o procedemento para optar a elas e a ausente concelleira de cultura négase a recibirnos para explicárnolo, tras solicitar en repetidas ocasións unha reunión por tódolos medios: rexistro, teléfono, correo electrónico...).

En marzo de 2.012, o BOP publica unha convocatoria de axudas para ese ano. Un ano despois, 2.013, chega a resolución (xa sen entrar a valorar a subxectividade da mesma, que leva entre outras cousas a que a Almuinha se lle puntúe con 3 puntos sobre 5 no uso do galego, cando como todo o mundo sabe que é a lingua que empregamos no 100% de actividades e comunicacións), e case no 2.014 Almuinha segue a agardar polas axudas xa concedidas do ano 2.012.

Agora vimos de saber que o Concello esgotou o orzamento de 2.013, polo que, terá que tirar do orzamento de 2.014 para aboar as xa resoltas subvencións do 2.012. O que supón que xa non convocará subvencións no 2.013 e sospeitamos que tampouco no 2.014.

Almuinha, ben porque as axudas do 2009 non se resolveron, as de 2010 e 2011 non se convocaron, as de 2012 “valen” por 2012-2013-2014, e que descoñecemos cal é o procedemento para optar á concesión de axudas para actividades concretas, que son concedidas “de ti a ti” (depende da vontade da concelleira de cultura?), NON RECIBIU AXUDA ALGUNHA DENDE O ANO 2.008. E podemos afirmar, sen temor a equivocarnos, que somos a única entidade cultural do Concello de Marín que non recibe ningún tipo de axuda do noso Concello nos últimos anos.

É lamentable... As asociacións temos que facer mil e unha para facer actividades, poñendo cartos dos nosos petos e investindo o noso tempo libre. Non queremos gañar cartos, queremos poder promover a nosa e lingua e cultura ofrecendo máis e mellores actividades dirixidas a todas e todos.


ESIXIMOS QUE:
-ACABE O “CIRCO DAS SUBVENCIÓNS”. XESTIÓN EFICAZ XA!
-ABONEN AS SUBVENCIÓNS DO ANO 2.012.
-DEFINAN “PUBLICAMENTE” CAL É O PROCEDEMENTO PARA O ACESSO ÁS AXUDAS PARA ACTIVIDADES CONCRETAS.

novembro 20, 2013

Nom máis prórrogas a ENCE-ELNOSA !!


Manifestación "Nom máis prórrogas a ENCE-ELNOSA"

Sábado 23 de novembro ás 19:30h. desde a Praça da Ferraría (Ponte Vedra).