"O sistema eléctrico a debate"
O vindeiro venres día 10 de febreiro a partir das 20:00h. no Museo Manuel Torres organizamos unha charla que levará por título "O sistema eléctrico a debate".
Contaremos coas intervencións de Fernando Branco Parga (Secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG) que nos falará do funcionamento do sistema eléctrico e da demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega, e Xosé M. Golpe Acuña (Asesor enerxético) que dará unha explicación sobre o recibo eléctrico.
É un tema de notoria actualidade, tras as noticias que vimos recibindo desde que comezou o ano. Por unha banda, a importante suba do prezo do recibo da luz, calculado en arredor de 100 euros de media, e por outra banda, os enormes beneficios acadados polas grandes empresas do sector. Noticias de difícil dixestión para a inmensa maioría dos fogares galegos.
E mais tendo en conta que Galiza é un país produtor de enerxía. Na nosa Terra soportamos os custes sociais e ambientais de producción, exportamos electricidade a outros territorios e non recibimos ningún tipo de beneficio por isto, pois a nosa condición de País produtor e exportador non se ve reflectido nin na factura da luz nin en calquera outro concepto.
Mais por se isto fora pouco, hai escasos días milleiros de fogares galegos ficaron sen luz durante horas, e en moitos casos durante varios días, chegando a levarse por diante a vida dunha persoa. Cómpre ser razonábeis nestes casos, e ser conscientes de que as condicións climatolóxicas foron moi adversas, mais non é menos certo que as instalacións, sobre todo no rural galego, deixan moito que desexar e son manifesta e necesariamente mellorábeis.
O vivido estes pasados días en Galiza non é propio dun país de primeira.
Consideramos moi importante abordar o tema do sistema eléctrico nun acto que permita achegarnos a como funciona este sector no Estado español; por que a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega constitúe unha importante reivindicación de importantes sectores sociais, sindicais e políticos do noso País; como entender o recibo da luz e por que pagamos as cantidades que pagamos como consumidores/as, así como tratar a importante subida anunciada para este ano nos recibos da luz; e a falar do servizo que recibimos.
Por todo isto, e xa por último, queremos animar a que a xente asista ao acto e participe, pois é un tema de moita relevancia e actualidade.