maio 30, 2016

Marcha "Móvete pola Ría"

Este sábado 4 de xuño terá lugar unha nova Marcha até a fábrica de Ence en Lourizán. Mais desta volta non será unha Marcha máis. Baixo o lema "Móvete pola Ría" esta mobilización producirase no contexto da prórroga por 60 anos que o goberno español en funcións (PP) ven de outorgarlle a Ence recentemente.

Unha decisión que, malia que o goberno español se esforza en disimular como un "trámite administrativo", non parece moi apropiada e a ninguén se lle escapa que ten un claro compoñente político, e pon de manifesto unha vez máis a estreita relación e connivencia entre o PP e a empresa pasteira.

E desde logo non é unha decisión acertada, pois a permanencia da fábrica en Lourizán hipoteca o futuro da ría e destrúe emprego. E queremos incidir especialmente na destrución de emprego, pois é un argumento repetidamente alegado pola empresa para defender a súa permanencia na ubicación actual. Destrúe emprego ao danar a ría e por conseguinte a economía pesqueira e marisqueira, e impide coa súa presenza o desenvolvemento dunha economía turística e o estabelecemento dun sector económico limpo baseado no respeito ao medio.

Que esta é unha convocatoria especial ponse de relevo tamén nas entidades convocantes. Nesta ocasión a Marcha estará convocada pola Plataforma Ence Fóra da Ría para Sempre, da que a A.C. Almuinha forma parte, e pola Federación Ecoloxista Galega (F.E.G.).

O sábado reivindicarase o traslado da fábrica de Ence fóra da nosa ría; mais tamén a fin do monocultivo de eucalipto e o establecemento dunha política forestal racional que favoreza unha explotación ordenada e sostíbel dos nosos montes; así como o saneamento integral da ría.

A Marcha partirá o vindeiro sábado 4 de xuño ás 19:30h. das Alamedas de Marín e Pontevedra, e desde a A.C. Almuinha queremos facer un chamamento á cidadanía para que apoie de xeito masivo esta convocatoria. Hai diferentes vías postas en marcha para impedir a permanencia de Ence na ría e a conseguinte destrucción da nosa ría, mais a mobilización social é un factor imprescindíbel. Sen unha resposta social contundente, na que fique ben claro que non queremos ese monstro no medio da nosa ría, a saída da empresa será máis difícil e o noso futuro máis negro.

maio 26, 2016

O Faiado de Marín, información da nosa vila

O pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, desde a A.C. Almuinha puxemos en marcha unha páxina de facebook de información de Marín, para falarmos de nós e das nosas cousas.

Dálle "Gústame" e acompáñanos neste novo proxecto.


maio 09, 2016

Non se pode consentir! Coidemos os nosos montes!

O pasado sábado 7 de maio desde a A.C. Almuinha organizamos un roteiro, o Roteiro polo río Lameira, quinta e última andaina desta tempada dentro do programa que bautizamos co nome "Coñecendo o noso entorno". 

Durante o percurso atopámonos cun moi desagradábel espectáculo no entorno do lago de Castiñeiras. 
 
Hai uns días tivo lugar unha proba de BTT, que comezou nun lugar moi próximo ao lago de Castiñeiras. 

Cómpre salientar, en primeiro lugar, que desde a A.C. Almuinha nos parece perfecto a organización de calquera tipo de evento deportivo na natureza, e non dubidamos de que a inmensa maioría de participantes en dita proba aman e gozan da natureza, pois esta é unha práctica deportiva na que o contacto coa natureza é particularmente intenso. 

Mais o que non é de recibo, é unha auténtica porcallada, é deixar o monte como nolo atopamos. O lugar desde onde saiu a proba estaba cheo de botellas baleiras de auga, as cintas que demarcaban o circuito polo chan e outras moitas permanecen aínda colocadas polo circuito. 

Amais disto, no descenso cara Marín atopamos un colchón atado a unha árbore, que descoñecemos se garda relación coa mencionada proba deportiva ou non, mais que en calquera caso parece que garda relación con esta práctiva deportiva e nos parece intolerábel a súa presenza, pois dá unha imaxe lamentábel.
 
Imos poñer en coñecemento do Concello de Marín esta situación para que tome as medidas oportunas, e tamén exixir un maior control por parte do Concello de Marín cando se autoriza calquera tipo de evento, sexa do tipo que sexa. Parécenos do máis mínimo sentido común que cando se utilizan unhas instalacións municipais ou a propia natureza para a realización de calquera tipo de evento, ao seu remate o lugar ten que quedar nas mesmas condicións que estaba antes da súa realización, e aí o Concello ten responsabilidade. 

Xuntamos varias fotos que acreditan a nosa denuncia.

maio 08, 2016

VII Festa da Lingua!!!

Entre os días 12 e 14 de maio terá lugar a VII Festa da Lingua, organizada pola A.C. Almuinha coa colaboración da A.F. Pousos da Area e a A.C.D. Gharaboto.
 
O día 17 de maio é o Día das Letras Galegas, e desde a A.C. Almuinha sempre consideramos que, se ben a celebración dun día para a nosa lingua é un puro formalismo, inútil e absurdo se non vai acompañado de actuacións coherentes o resto do ano, si que é un bo momento para manifestar o apoio e compromiso coa lingua, visibilizar o orgullo de termos unha lingua propia, e declarar o noso anhelo dun futuro digno para o galego.
 
A continuación informamos das actividades organizadas:
 
- Xoves 12 de maio - Charla "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra" a cargo de Marta Dacosta (Poeta e mestra de Lingua e Literatura Galega, forma parte d@s "Amigos e Amigas da Casa-Museo Manuel María). Comezará ás 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín.
 
- Venres 13 de maio - Cantos de Taberna co grupo Maravallada. Ás 21:00h. na Adega da Capeleira e ás 22:00h. na Taberna La Navarra, con entrada de balde. 
 
- Sábado 14 de maio:
11:30h. Pasarrúas con Pousos da Area 
12:30h. Acto Poético-Musical na Alameda Rosalía de Castro 
· Lectura Colectiva de Poemas de Manuel María*
· Intervencións Musicais: Pousos da Area e Gharaboto

* Na lectura colectiva pode participar toda persoa que o desexe. Tan só pedimos que nolo comunique previamente para a organización do acto. 

Pousos da Area son un grupo de música tradicional de Marín que se adica á recollida e interpretación de cantares e bailes tradicionais galegos, imparte cursos de diferentes instrumentos, de canto tradicional e de artesanía, como corte e confección e elaboración de colares. Son os organizadores do Serán Pousos da Area, que ten lugar en Marín e este ano cumpriu a súa terceira edición.

Gharaboto é unha asociación cultural e deportiva de Marín. Entre as súas actividades destacan a promoción dos xogos tradicionais e a música tradicional. Como agrupación musical son máis coñecidos como "Os de Marín".
 
O POVO que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada, 
aquela que lle é propia e singular;
a que é unicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.

MANUEL MARÍA

Cantos de Taberna con Maravallada!!!

A A.C. Almuinha organiza unha actividade de Cantos de Taberna en Marín, da man do grupo Maravallada, dentro dos actos que estamos a programar para a VII Festa da Lingua.

Até non hai moito tempo era do máis normal entrar nunha taberna de Marín e atopar xente compartindo momentos mentres cantaba cancións populares. Esta tradicion, por desgraza, foise perdendo nos últimos tempos e nós queremos rememorar esas experiencias, e ogallá actividades como estas, que se organizan en diferentes localidades da nosa Terra serviran para recuperar unha tradición do máis fermosa.
 
Xa sabedes, o venres día 13 de maio vinde con ganas de cantar. Ás 21:00h. estarán na Adega da Capeleira, e ás 22:00h. na Taberna La Navarra. A entrada é de balde.
 
Nesta primeira ocasión contaremos coa presenza de Maravallada. Maravallada é un grupo dunha gran calidade cun repertorio baseado na música tradicional, afincado en Pontevedra, e está composto por cinco mozas e tres mozos.
 
Agardámosvos!

Charla "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra"

O vindeiro xoves 12 de maio ás 20:30h. a A.C. Almuinha celebrará unha charla no Museo Manuel Torres na que abordaremos a figura de Manuel María, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, nun acto que terá por título: "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra".

Amais da súa faceta literaria, a vida de Manuel María destaca polo seu firme compromiso con Galiza.

Neste acto, enmarcado no programa de actividades da VII Festa da Lingua que organizamos desde a nosa asociación, contaremos coa participación de Marta Dacosta, poeta e profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino medio, que fai parte do grupo de "Amigas e Amigos da Casa-Museo Manuel María".

Marta Dacosta Alonso naceu en Vigo o 29 de setembro de 1966. Licenciada en 1989 en filoloxía galego-portuguesa. É profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Moitos dos seus poemas foron publicados en revistas como Olisbos, Dorna, Festa da Palabra Silenciada, en diversas publicacións colectivas e antoloxías...

Aínda que na súa producción literaria destaca a poesía ten tamén publicado algúns ensaios sobre lingua e literatura.

Comeza a publicar en revistas como Congostra, Olisbos ou A Peneira, diario no que obtén o I premio de poesía xuvenil en 1986, ou Lúa nova, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, onde gañou o III premio Rosalía Castro.

O seu primeiro libro veu a luz en 1994, Crear o mar en Compostela, e desde entón ten publicado case unha ducia de libros.

Recibiu numerosos premios como o Premio de Poesía O Grelo (1993), Premio Miguel González Garcés (1995), Premio de Poesía Martín Códax (1997), Accésit Premio Esquío de Poesía (1999), Premio Johán Carballeira de Poesía (2013) e o I Premio de Poesía Figurante (2013).

Na actualidade exerce como docente do ensino medio, adícase á actividade sindical na CIG, forma parte da directiva da AELG.