O sistema capitalista impúxonos unha lóxica de competencia, progreso e crecemento ilimitado que leva á destrución do planeta, a diversidade cultural e os dereitos dos pobos. Baixo o capitalismo a terra convértese en fonte só de materias primas e as persoas en medios de produción e consumidores que só valen polo que teñen e non polo que son.
O cambio climático é a maior ameaza para o futuro do noso planteta. A humanidade está fronte a unha grande disxuntiva continuar polo camiño do capitalismo, a depredación e a morte, ou emprender o camiño da harmonía coa natureza e o respecto á vida. Precisamos cambiar o modelo de produción capitalista e de sociedade e a forma de entender a nosa relación coa natureza, restablecer a harmonía entre o medio e a humanidade para termos unha natureza viva e un futuro digno para todos e todas.
“Manual de uso para unha nave espacial” é un documental realizado por Amigos da Terra e trata sobre o cambio climático no noso entorno máis próximo. Non fai falla ver como se derreten os polos, basta con observar ao noso redor para entender en que consiste. Arte, novas, natureza e sociedade de consumo son os temas deste documental; catro curtametraxes entrelazadas cóntannos distintas realidades entorno a un mesmo problema e unha visión de fondo: somos astronautas dunha nave espacial da que non temos manual, mais aínda así debemos aprender a ser pilotos da nave Terra.
A proxección terá lugar a partir das 20:30 h no centro social Almuinha, rúa Rosalía de Castro nº 46, e coma sempre a entrada é de balde.