abril 13, 2011
Inauguración do novo centro social Almuinha
abril 08, 2011
Propostas de Almuinha para as eleiçons locais
- Em quanto à Lingua e Cultura consideramos necesárias actuaçons precisas que garantam a defessa e promoçom da nossa lingua e da nossa cultura. O galego continúa perdendo falantes e é imprescindível que se tomem medidas urgentes desde o concelho, dentro das suas competências, para reverter esta situaçom, mentres a nossa cultura (música, desportos...) continúa sem ter o apoio necesário que a dignifique.
- Por outra banda, vivemos num sistema económico profundamente inxusto, desigual e discriminatório que nestes tempos de crise está a aprofundar os seus efeitos sobre a imensa maioria da populaçom. É precisa umha política económica radicalmente distinta desde o concelho, e de apoio às classes trabalhadoras.
- No que se refire aos Serviços Públicos, nós apostamos sem dúvida por eles e estamos contra as privatizaçons, que conleva que as empresas se beneficiem economicamente da prestaçom de determinados serviços, mentres se empiora o serviço prestado e as condiçons laborais dos seus trabalhadores/as.
- Por outra banda é fundamental compatibilizar o progreso e o trabalho com o respeito do ambiente. Nom podemos aceitar que se destrúa o ambiente a cambio de um número determinado de postos de trabalho, que hipotecam o futuro da nossa terra e das geraçons vindeiras. É imprescindível a criaçom de trabalho, mas respeituoso com o ambiente.
- No que se refire à Democracia Participativa, o sistema político desincentiva a participaçom e fomenta a apatia da cidadania, reduzindo-se a participaçom à emisom de um voto cada 4 anos. Consideramos fundamental o estabelecemento de medidas que garantam a participaçom da cidadania na toma de decisons, fomentando a corresponsabilidade e a transparência nos asuntos públicos.
- Em quanto à E.N.M. cremos que é importante iniciar o debate em relaçom à sua permanência no nosso concelho. Marim vive de costas ao mar, e em boa medida por causa da E.N.M., que ocupa uns terreos, moitos dos quais estám completamente infrautilizados, que poderiam ser aproveitados para o goce da cidadania de Marim. Amais disto, estamos em contra da sua permanência, entre outras cousas, polo papel das Forças Armadas, encarregadas de defender a integridade terrotorial do Estado espanhol, negando com isto o direito democrático mais fundamental de qualquer povo (reconhecido em multitude de acordos internacionais), que é o direito de autodeterminaçom, que é simplesmente que cada povo poida decidir livremente o seu futuro.
abril 07, 2011
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
O espazo natural dos Montes do Morrazo, abrangue 1032 Has. de solo protexido a nivel provincial compartido polos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Nel están ubicados:
Os cumios da comarca, Faro, Coto do Home e Cotorredondo, a máis de 600 metros de altitude con fermosas e amplas vistas panorámicas das Rías Baixas, Illas Atlánticas e serras do interior de Pontevedra ata Ourense e Portugal.
As áreas arqueolóxicas dos Sete Camiños e as de Chan de Castiñeiras, Chan de Armada e Chan de Arquiña, que a parte dos gravados rupestres representa como máximo valor a práctica totalidade dos monumentos megalíticos existentes na comarca e un referente tamén a nivel galego.
Os parques naturais da Lagoa de Castiñeiras e de Chan de Arquiña son áreas de lecer de gran interese ecolóxico, social e cultural.
Os nacementos dos ríos Lameira, Loira, da Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, da Freixa, Miñouba, Riomaior e Toimil coas súas áreas de ribeira de interese natural, fluvial, hídrico, etnográfico e incluso marisqueiro por formar algúns intermareais nas súas desembocaduras.
Bosque autóctono e de repoboación xunto con outras de mato e pasteiros en monte privado e mancomunado de interese natural, forestal e gandeiro.
As brañas de Castiñeiras e de Corno Pineda, incluídas xunto coa lagoa de Castiñeiras no inventario de humidais de Galicia.
O GR59 Roteiro Ecolóxico do Morrazo, como principal arteria do sendeirismo na comarca, asimesmo como roteiros sinalizados de bicis de montaña e puntos de despegue, voo e aterraxe de afeccionados ao parapente.
No entanto e sumado ás afeccións consumadas de saturación paisaxística e electromagnética de antenas de telecomunicacións e o impacto medioambiental producido pola construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, están as ameazas futuras dun parque eólico de 42 MW aprobado pola Xunta de Galicia en Pedras Negras, entre os cumios do Faro e o Coto do Home; un parque industrial de 229.330 m2 no monte Pornedo planificado polo Concello de Marín no seu PXOM , e un macroparque industrial de 1.500.000 m2 aprobado pola Xunta de Galicia que conxugaría o de 460.000 m2 planificado polo concello de Moaña a traveso do seu PXOM na Cruz da Maceira e o de 1.152.021 de m2 planificado como reserva na Pastoriza polo Concello de Marín no seu PXOM; máis o desdobramento do corredor de alta capacidade en autovía e as obras de ampliación da estrada PO-313 Marín-Moaña contempladas no Plan Vigo Íntegra, agora Plan Move; dentro dun modelo de desenvolvemento claramente especulativo e totalmente insustentable por parte das Administracións.
A protección actual deste espazo natural, solo rústico de proteción de espazos naturais, prohíbe calquera actividade industrial no terreo protexido.
Ademais este espazo é susceptible de cumprir cos parámetros para a entrada nunha futurible ampliación da Rede Natura europea dadas as súas condicións bioxeográficas, tanto pola existencia de fauna e flora silvestre como de hábitats naturais prioritarios no seu seo, e mesmo para a súa conversión en Parque Natural.
E por engadido pasa por ser xunto cos montes de Lourizán, montes de Salcedo, montes de Vilaboa, montes de Figueirido, monte das Penizas, montes de Santa María do Campo e de San Tomé de Piñeiro, montes Sobareiro e da Cova, carballeiras de Pastoriza, Ardán e Cela, monte Bermello, monte Castelo, monte Paralaia, monte do Ermelo, Carballal de Coiro, serra da Magdalena, montes de Varalonga, Borrallido e Campelo, montes do Hio, monte de Tirán, Outeiro de Campolongo e monte Cernello, monte de Cabalo; e as áreas fluviais de ribeira dos vales contíguos; un corredor ecolóxico de suma importancia para permitir a supervivencia das especies animais e vexetais que conforman a biodiversidade, e a viabilidade das súas poboacións, ó conectar as rías de Vigo e Pontevedra, e os espazos da Rede Natura existentes no litoral da comarca e península do Morrazo, a Enseada de San Simón, Costa da Soavela e Cabo Udra, entre si e coas terras do interior; dentro dunha comunidade autónoma que destaca tristemente por estar no vagón de cola do Estado e de Europa en protección de espazos naturais.
Polo arriba citado e máis solicitamos que se cumpra coa legalidade e se proceda á protección íntegra, real e efectiva do espazo natural Montes do Morrazo.