dezembro 27, 2016

O Apalpador 2016

O Apalpador volta a Marín!

O sábado 31 de decembro a partir das 17:00h. percorrerá as rúas de Marín acompañado dos seus músicos ("Os de Marín"), e ás 18:00h. estará na carpa da Feira de Artesanía (Alameda Rosalía de Castro) onde repartirá os premios do II Concurso de debuxo "Debuxando o Apalpador".

Organizado pola A.C. Almuinha, A.C.D. O Gharaboto e a Asociación de Artesáns Marinenses.

dezembro 17, 2016

II Concurso de Debuxo "Debuxando o Apalpador"

O Apalpador visitará Marín o vindeiro 31 de decembro!

A A.C. Almuinha, A.C.D. Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns estamos a organizar a chegada do Apalpador a nosa vila, que terá lugar o vindeiro Sábado 31 de decembro. A partir das 17:00h. percorrerá as rúas de Marín acompañado do seu grupo de músicos, achegándose á rapazada e repartindo doces. Ás 18:00h. chegará á carpa da Feira de Artesanía, que se atopa na Alameda Rosalía de Castro, onde fará entrega dos premios do II Concurso de Debuxos "Debuxando ao Apalpador".

Mais para aliviar a espera, onte inauguramos o posto do Apalpador na carpa da Feira de Artesanía, onde instalamos unha imaxe xigante do carboeiro para facer un Photocall, e quen o desexe poderá tirarse unha foto facendo de Apalpador,

E por outra banda, organizamos o II Concurso de debuxo "Debuxando o Apalpador", cuxas bases engadimos a continuación, e animamos aos/ás máis pequenos/as a que participen e leven os seus traballos á carpa até o día 30 de decembro. O ano pasado participaron máis de 50 nenos/as, así que este ano agardamos que sexan máis!

Bases do I Concurso "Debuxando ao Apalpador":

1.­ Os debuxos deberán versar sobre a figura do Apalpador, e levará un lema escrito en galego.

2.­ Haberá tres categorías. Unha primeira para nenos/as entre 3 e 5 anos. A segunda para nenos/as con idades entre 6 e 8. E a terceira será para nenos/as entre 9 e 12 anos.

3.­ Para poder participar no concurso, cada neno/a deberá presentar un deseño orixinal, con calquera material ou técnica, relativo á figura do Apalpador. O deseño será presentado nunha folla de papel ou cartolina de tamaño A4.

4.­ Entregaranse 9 premios, para os tres mellores debuxos de cada categoría.

5.­ Os traballos terán que ser entregados como data tope o 30 de decembro de 2015 na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín. Os debuxos serán expostos na Carpa desde o momento da entrega.

6.­ Para identificar os traballos, na parte de atrás dos debuxos deberá constar o nome e apelidos do autor, así como a súa idade.

7.­ O xurado estará composto por 4 persoas: unha da A.C.D. O Gharaboto, outra da A.C.Almuinha, outra da Asociación de Artesáns de Marín e o propio Apalpador.

8.­ O veredicto do xurado darase a coñecer e os premios entregados polo propio Apalpador o día 31 de decembro ás 18:00h. na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín.

9.­ A participación no concurso supón a autorización expresa para a difusión das imaxes. 10.­ A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das presentes bases, así como o criterio das 3 entidades organizadoras da actividade na resolución de calquera cuestión non prevista nestas bases.

novembro 26, 2016

Lembrando a Francisco Carballo


Este martes día 29 de novembro a A.C. Almuinha organiza un pequeno e sinxelo acto de lembranza da figura de Francisco Carballo Carballo, coincidindo coa data do seu pasamento.

O acto terá lugar na Alameda Rosalía de Castro de Marín ás 20:00h. e consistirá nunha ofrenda floral e na lectura dunhas breves palabras coas que lembraremos, e dalgún xeito homenaxearemos, a Francisco Carballo.

Contaremos ademais coa participación do grupo “Os de Marín” que interpretarán dúas pezas: A Marcha do Antigo Reino de Galiza e o Himno Galego.

Francisco Carballo naceu en Maceda no ano 1925 e finou en Salamanca o 29 de novembro de hai 2 anos, en 2014. Escritor, profesor, historiador, sacerdote e teólogo, a súa vida estivo marcada polo seu profundo compromiso coa Terra.

Foi unha persoa moi vinculada a Marín, xa que estivo durante moitos anos no colexio San Narciso, como profesor e aínda como director do centro algún anos.

Con 16 anos foi estudar a Madrid cos Padres Paúles onde estaría 4 anos, até que marchou a Cuenca para seguir os seus estudos filosófico-teolóxicos outros 4 anos máis, e máis tarde licenciouse en Historia cun Sobresaliente pola Universidade Complutense de Madrid.

O seu forte compromiso coa Terra levouno a participar intensamente da cida cultural, relxiosa e política galega.

Foi un dos fundadores do semanario A Nosa Terra en 1977, xornal de referencia no movemento nacionalista galego e un colaborador constante en innumerábeis ámbitos.

No ano 1979 presentouse como candidato ao Senado polo BNPG e en 1981 foi condenado a 6 meses de prisión e a unha multa por calumnias á policía na obra colectiva “Historia de Galicia”

Autor dun bo número de libros, nos que tratou diferentes temáticas como os relacionados coa igrexa galega, a historia de Galiza e figuras importantes da nosa historia como Castelao, Alexandre Bóveda, Martín Sarmiento, Moncho Reboiras ou Xosé Chao.

A súa meirande producción escrita foi en galego, como non podía ser doutro xeito, debido ao seu forte compromiso con Galiza e cos seus sinais de identidade, mais tamén deixou algunha publicación en castelán.

outubro 21, 2016

Presentación "O anxo negro" de Manuel Gago

O vindeiro venres 28 de outubro a A.C. Almuinha organiza a presentación en Marín da novela de Manuel Gago "O anxo negro". O acto celebrarase no Museo Manuel Torres a partir das 20:30h. e intervirá o autor do libro. Esta será a segunda vez que temos o privilexio de contar coa presenza de Manuel Gago nun acto da A.C. Almuinha. A anterior foi aló por novembro do 2010, cando baixo o título "República de homes libres: na procura dos Lordomani" abordou o sempre interesante tema dos normandos e da súa presenza en Galiza.

Manuel Gago Mariño (Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. É editor de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), un dos blogs referentes da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais galegos. Mantén a columna Vermello contra o mar en La Voz de Galicia e a sección As efeméridas no programa Galicia por diante da Radio Galega. 

No ámbito da difusión e investigación no ámbito arqueolóxico, Gago ten participado en proxectos como a escavación do poboado da Lanzada (2010) e ten promovido e coordinado iniciativas de arqueoloxía e comunicación pública nos sitios arqueolóxicos de Pena Furada (Coirós), Torre dos Mouros (Lira, Carnota, 2012), Castro de Mallou (Carnota, 2013), Croas de Niñóns (Ponteceso, 2013) ou As Croas de Cerqueda (Malpica, 2014, en curso). É fundador de patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia. 

Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público. Nos últimos anos, é coautor do libro Rías Baixas, Gourmet Territory (2011), unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia a un público de foodies e gourmets. En 2012 publicou, canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora). No 2013 editou o libro de narrativa “Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia” (Ed. Xerais). E en 2015 Platos Rotos. Textos Gastronómicos (2003-2015), unha antoloxía da produción xornalística de Gago ao redor da relación entre viño, comida e sociedade. En 2016 foi un dos autores do libro colectivo Historia das Historias de Galicia (Xerais, 2016) e publicou a súa primeira novela: O Anxo Negro (Xerais, 2016).

SINOPSE
"A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña da que son moi devotos.
A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa.
Unha novela trepidante coa que Manuel Gago se mergulla nas raíces profundas da cultura popular galega."

A HISTORIA
"Finais de 1981. Nun remoto mosteiro en ruínas desde tempos da Desamortización, unha comunidade rural coida con devoción unha pequena e escangallada imaxe de santa Mariña que ten moito que ver con eles, a súa identidade e a súa memoria. Un día, uns descoñecidos vanse facer coa imaxe da santa e desencadearán unha serie de incontrolados feitos. Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante recén retirado e Andreu Meis, propietario dun bar local e contrabandista de tabaco ocasional, recibirán o encargo da parroquia para recuperar a santa. Movida por intereses que van moito máis alá do relixioso, a comunidade local enteira colaborará, non sempre con métodos legais no seu sentido contemporáneo, para recuperar a figura, intimamente conectada, dunha forma incrible, co pasado recente de boa parte das familias da parroquia. En O anxo negro un lector avisado viaxará ao longo de épocas, lugares e síntomas, descubrindo que en Galicia calquera historia encobre outras moitas. 

Esta é unha historia de moitas historias silenciadas e silenciosas: a do expolio a gran escala do patrimonio relixioso do rural galego a partir da década de 1960, a historia da Mariña Mercante, clave no devir da costa galega durante moitos anos, e a das comunidades rurais dos anos 80, esquencidas pola Administración, que deciden como sempre fixeron sobre si mesmas e de acordo coa xustiza. Pero é tamén unha novela pensada para disfrutar, para engancharse e pasar páxina a páxina querendo saber que virá logo, chea de secretos e referencias que abren numerosas posibilidades para quen queira adentrarse polas portas abertas deste relato. "

setembro 27, 2016

Únete ao Grupo de Sendeirismo A.C. Almuinha

Tras o verán, o domingo 11 de setembro o Grupo de Sendeirismo da A.C. Almuinha retomou a súa actividade cunha andaina pola Ruta da Pedra e da Auga, entre os concellos de Ribadumia e Meis (fotos: https://www.facebook.com/Grupo-de-Sendeirismo-AC-Almuinha-918714451557172/photos/?tab=album&album_id=1058389814256301).
 
Este domingo terá lugar unha nova saída, desta volta será a Ruta do Foxo do Lobo no concello de Cotobade. A saída será ás 10:00h. na entrada do aparcadoiro do porto, ao carón da Escola Naval, para dirixirnos en coches até o punto de inicio da ruta, que temos previsto comezar ás 10:30h.
 
O Sendeirismo é unha práctica que goza dunha gran popularidade nos nosos días. Cada fin de semana os camiños e montes da nosa Terra énchense de persoas desexosas de contacto coa natureza, practicar deporte e achegarse a moitos elementos, do máis diverso, propios da nosa cultura.
 
O obxectivo desta actividade é fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o amor e o respeito pola natureza e o achegamento ás máis diversas manifestacións culturais propias do noso país, aspirando a acadar un maior coñecemento da nosa Terra.
 
O Grupo de Sendeirismo da A.C. Almuinha comezou as súas actividades no mes de marzo deste ano e xa realizou varias andainas destinadas, na súa maioría,  a todos os públicos, coa intención de iniciar aos máis cativos nesta práctica.
 
Queremos animar a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas nesta actividade, que é totalmente de balde, a poñerse en contacto con nós, ben a través do noso correo electrónico (a.c.almuinha@gmail.com) ou ben a través de mensaxe privada polo Facebook.
 

julho 15, 2016

VIII Romaría do Día da Patria


O vindeiro sábado día 23 de xullo a A.C. Almuinha organiza a VIII Romaría do Día da Patria. Nesta ocasión celebraremos unha cea a partir das 21:00h. na taberna de Lucho (Santo Tomé de Piñeiro), que terá un prezo de 17 euros e estará amenizada con algunha intervención musical. Para asistir á cea é preciso apuntarse por correo electrónico (a.c.almuinha@gmail.com) ou por mensaxe privada no Facebook da A.C. Almuinha.

É un encontro de confraternidade ao que convidamos a todas as persoas que sintan a necesidade de que a nosa Terra sexa dona de si mesma e conte con poder de decisión real para afrontar os importantes retos da nosa sociedade nuns tempos de crise que determinan un futuro incerto para a supervivencia do noso pobo.

Desde a A.C. Almuinha, como asociación sociocultural comprometida coa realidade na que vivimos, e polo tanto co noso País, consideramos que o 25 de xullo, Día Nacional de Galiza, convírtese nun momento de especial relevancia para a reivindicación dos plenos dereitos da nosa Terra, polo que desde o nacemento da nosa asociación alá polo ano 2008 vimos organizando na nosa vila unha actividade para celebrar esta data, coa única excepción do ano pasado.

Partimos do convencemento de que o desenvolvemento integral dos povos só se acada cando se dispón dos mecanismos de decisión suficientes para poder levar a cabo políticas favorábeis ás maiorías sociais, así como que só nestas circunstancias se producen as condicións para que as expresións e manifestacións de todo tipo de calquera colectividade, incluidas por suposto as culturais, se manifesten na súa plenitude.

Animamos, pois, a todas aquelas persoas que apostan porque o pobo galego teña a capacidade de determinar libremente o seu futuro a que se apunten á cea, e a gozar dunha boa noite entre compañeiros/as, con independencia das diferentes interpretacións e plantexamentos que cada quen poida ter para acadala.

maio 30, 2016

Marcha "Móvete pola Ría"

Este sábado 4 de xuño terá lugar unha nova Marcha até a fábrica de Ence en Lourizán. Mais desta volta non será unha Marcha máis. Baixo o lema "Móvete pola Ría" esta mobilización producirase no contexto da prórroga por 60 anos que o goberno español en funcións (PP) ven de outorgarlle a Ence recentemente.

Unha decisión que, malia que o goberno español se esforza en disimular como un "trámite administrativo", non parece moi apropiada e a ninguén se lle escapa que ten un claro compoñente político, e pon de manifesto unha vez máis a estreita relación e connivencia entre o PP e a empresa pasteira.

E desde logo non é unha decisión acertada, pois a permanencia da fábrica en Lourizán hipoteca o futuro da ría e destrúe emprego. E queremos incidir especialmente na destrución de emprego, pois é un argumento repetidamente alegado pola empresa para defender a súa permanencia na ubicación actual. Destrúe emprego ao danar a ría e por conseguinte a economía pesqueira e marisqueira, e impide coa súa presenza o desenvolvemento dunha economía turística e o estabelecemento dun sector económico limpo baseado no respeito ao medio.

Que esta é unha convocatoria especial ponse de relevo tamén nas entidades convocantes. Nesta ocasión a Marcha estará convocada pola Plataforma Ence Fóra da Ría para Sempre, da que a A.C. Almuinha forma parte, e pola Federación Ecoloxista Galega (F.E.G.).

O sábado reivindicarase o traslado da fábrica de Ence fóra da nosa ría; mais tamén a fin do monocultivo de eucalipto e o establecemento dunha política forestal racional que favoreza unha explotación ordenada e sostíbel dos nosos montes; así como o saneamento integral da ría.

A Marcha partirá o vindeiro sábado 4 de xuño ás 19:30h. das Alamedas de Marín e Pontevedra, e desde a A.C. Almuinha queremos facer un chamamento á cidadanía para que apoie de xeito masivo esta convocatoria. Hai diferentes vías postas en marcha para impedir a permanencia de Ence na ría e a conseguinte destrucción da nosa ría, mais a mobilización social é un factor imprescindíbel. Sen unha resposta social contundente, na que fique ben claro que non queremos ese monstro no medio da nosa ría, a saída da empresa será máis difícil e o noso futuro máis negro.

maio 26, 2016

O Faiado de Marín, información da nosa vila

O pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, desde a A.C. Almuinha puxemos en marcha unha páxina de facebook de información de Marín, para falarmos de nós e das nosas cousas.

Dálle "Gústame" e acompáñanos neste novo proxecto.


maio 09, 2016

Non se pode consentir! Coidemos os nosos montes!

O pasado sábado 7 de maio desde a A.C. Almuinha organizamos un roteiro, o Roteiro polo río Lameira, quinta e última andaina desta tempada dentro do programa que bautizamos co nome "Coñecendo o noso entorno". 

Durante o percurso atopámonos cun moi desagradábel espectáculo no entorno do lago de Castiñeiras. 
 
Hai uns días tivo lugar unha proba de BTT, que comezou nun lugar moi próximo ao lago de Castiñeiras. 

Cómpre salientar, en primeiro lugar, que desde a A.C. Almuinha nos parece perfecto a organización de calquera tipo de evento deportivo na natureza, e non dubidamos de que a inmensa maioría de participantes en dita proba aman e gozan da natureza, pois esta é unha práctica deportiva na que o contacto coa natureza é particularmente intenso. 

Mais o que non é de recibo, é unha auténtica porcallada, é deixar o monte como nolo atopamos. O lugar desde onde saiu a proba estaba cheo de botellas baleiras de auga, as cintas que demarcaban o circuito polo chan e outras moitas permanecen aínda colocadas polo circuito. 

Amais disto, no descenso cara Marín atopamos un colchón atado a unha árbore, que descoñecemos se garda relación coa mencionada proba deportiva ou non, mais que en calquera caso parece que garda relación con esta práctiva deportiva e nos parece intolerábel a súa presenza, pois dá unha imaxe lamentábel.
 
Imos poñer en coñecemento do Concello de Marín esta situación para que tome as medidas oportunas, e tamén exixir un maior control por parte do Concello de Marín cando se autoriza calquera tipo de evento, sexa do tipo que sexa. Parécenos do máis mínimo sentido común que cando se utilizan unhas instalacións municipais ou a propia natureza para a realización de calquera tipo de evento, ao seu remate o lugar ten que quedar nas mesmas condicións que estaba antes da súa realización, e aí o Concello ten responsabilidade. 

Xuntamos varias fotos que acreditan a nosa denuncia.

maio 08, 2016

VII Festa da Lingua!!!

Entre os días 12 e 14 de maio terá lugar a VII Festa da Lingua, organizada pola A.C. Almuinha coa colaboración da A.F. Pousos da Area e a A.C.D. Gharaboto.
 
O día 17 de maio é o Día das Letras Galegas, e desde a A.C. Almuinha sempre consideramos que, se ben a celebración dun día para a nosa lingua é un puro formalismo, inútil e absurdo se non vai acompañado de actuacións coherentes o resto do ano, si que é un bo momento para manifestar o apoio e compromiso coa lingua, visibilizar o orgullo de termos unha lingua propia, e declarar o noso anhelo dun futuro digno para o galego.
 
A continuación informamos das actividades organizadas:
 
- Xoves 12 de maio - Charla "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra" a cargo de Marta Dacosta (Poeta e mestra de Lingua e Literatura Galega, forma parte d@s "Amigos e Amigas da Casa-Museo Manuel María). Comezará ás 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín.
 
- Venres 13 de maio - Cantos de Taberna co grupo Maravallada. Ás 21:00h. na Adega da Capeleira e ás 22:00h. na Taberna La Navarra, con entrada de balde. 
 
- Sábado 14 de maio:
11:30h. Pasarrúas con Pousos da Area 
12:30h. Acto Poético-Musical na Alameda Rosalía de Castro 
· Lectura Colectiva de Poemas de Manuel María*
· Intervencións Musicais: Pousos da Area e Gharaboto

* Na lectura colectiva pode participar toda persoa que o desexe. Tan só pedimos que nolo comunique previamente para a organización do acto. 

Pousos da Area son un grupo de música tradicional de Marín que se adica á recollida e interpretación de cantares e bailes tradicionais galegos, imparte cursos de diferentes instrumentos, de canto tradicional e de artesanía, como corte e confección e elaboración de colares. Son os organizadores do Serán Pousos da Area, que ten lugar en Marín e este ano cumpriu a súa terceira edición.

Gharaboto é unha asociación cultural e deportiva de Marín. Entre as súas actividades destacan a promoción dos xogos tradicionais e a música tradicional. Como agrupación musical son máis coñecidos como "Os de Marín".
 
O POVO que deixa perder a súa palabra
creada, herdada, usada, revelada, 
aquela que lle é propia e singular;
a que é unicamente súa,
está empobrecendo o mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio.

MANUEL MARÍA

Cantos de Taberna con Maravallada!!!

A A.C. Almuinha organiza unha actividade de Cantos de Taberna en Marín, da man do grupo Maravallada, dentro dos actos que estamos a programar para a VII Festa da Lingua.

Até non hai moito tempo era do máis normal entrar nunha taberna de Marín e atopar xente compartindo momentos mentres cantaba cancións populares. Esta tradicion, por desgraza, foise perdendo nos últimos tempos e nós queremos rememorar esas experiencias, e ogallá actividades como estas, que se organizan en diferentes localidades da nosa Terra serviran para recuperar unha tradición do máis fermosa.
 
Xa sabedes, o venres día 13 de maio vinde con ganas de cantar. Ás 21:00h. estarán na Adega da Capeleira, e ás 22:00h. na Taberna La Navarra. A entrada é de balde.
 
Nesta primeira ocasión contaremos coa presenza de Maravallada. Maravallada é un grupo dunha gran calidade cun repertorio baseado na música tradicional, afincado en Pontevedra, e está composto por cinco mozas e tres mozos.
 
Agardámosvos!

Charla "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra"

O vindeiro xoves 12 de maio ás 20:30h. a A.C. Almuinha celebrará unha charla no Museo Manuel Torres na que abordaremos a figura de Manuel María, o escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, nun acto que terá por título: "Manuel María: Literatura e Compromiso coa Terra".

Amais da súa faceta literaria, a vida de Manuel María destaca polo seu firme compromiso con Galiza.

Neste acto, enmarcado no programa de actividades da VII Festa da Lingua que organizamos desde a nosa asociación, contaremos coa participación de Marta Dacosta, poeta e profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino medio, que fai parte do grupo de "Amigas e Amigos da Casa-Museo Manuel María".

Marta Dacosta Alonso naceu en Vigo o 29 de setembro de 1966. Licenciada en 1989 en filoloxía galego-portuguesa. É profesora de lingua e literatura galegas no ensino medio. Moitos dos seus poemas foron publicados en revistas como Olisbos, Dorna, Festa da Palabra Silenciada, en diversas publicacións colectivas e antoloxías...

Aínda que na súa producción literaria destaca a poesía ten tamén publicado algúns ensaios sobre lingua e literatura.

Comeza a publicar en revistas como Congostra, Olisbos ou A Peneira, diario no que obtén o I premio de poesía xuvenil en 1986, ou Lúa nova, da Asociación Cultural Rosalía Castro de Cornellá, onde gañou o III premio Rosalía Castro.

O seu primeiro libro veu a luz en 1994, Crear o mar en Compostela, e desde entón ten publicado case unha ducia de libros.

Recibiu numerosos premios como o Premio de Poesía O Grelo (1993), Premio Miguel González Garcés (1995), Premio de Poesía Martín Códax (1997), Accésit Premio Esquío de Poesía (1999), Premio Johán Carballeira de Poesía (2013) e o I Premio de Poesía Figurante (2013).

Na actualidade exerce como docente do ensino medio, adícase á actividade sindical na CIG, forma parte da directiva da AELG.

abril 26, 2016

Roteiro polo Río Lameira


O vindeiro sábado 7 de maio ás 10:30h. a A.C. Almuinha organiza unha nova andaina, a última desta tempada, no marco do proxecto que bautizamos como "Coñecendo o noso entorno". Nesta ocasión achegarémonos ao Lago de Castiñeiras, seguindo o curso do río Lameira. A saída será desde o palco da música da Alameda Rosalía de Castro de Marín.

Tras o Roteiro das Praias, o Roteiro do Monte Penizas, o Roteiro das Mámoas e o Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, nos que contamos cunha importante participación, esta será a quinta andaina que organizamos coa intención de fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o contacto coa natureza e o seu respecto, así como o coñecemento, a promoción e a posta en valor dos lugares de maior interese presentes no noso concello.

Durante o percurso do roteiro pasaremos por lugares de gran interese, como son lavadoiros, un muíño no Sequelo (no que asistiremos a unha breve explicación mentres observamos o seu funcionamento), a fraga do río Lameira, o propio río Lameira e o Lago de Castiñeiras.

É unha ruta circular, e levaranos aproximadamente unhas 3 horas realizala.

abril 25, 2016

Charla "A LOMCE e as probas de avaliación e reválidas"


O próximo xoves 28 de abril ás 20:30h. a A.C. Almuinha celebrará unha charla no Museo Manuel Torres na que o responsábel comarcal do Morrazo de CIG-Ensino, Guillerme Ignacio Costa, nos falará da nova lei de educación (LOMCE) e nos explicará as novas probas de avaliación para primaria, ESO e bacharelato recollidas na nova lei da LOMCE.

Hai uns días fixéronse públicas as datas nas que se celebrará por primeira vez a avaliación a alumn@s de sexto de primaria que serán os días 11, 12 e 13 de maio, e por segunda vez a alumn@s de terceiro de primaria os días 24 e 25.

Debido á falta de información e a preocupación nas familias, convidamos a todas as persoas interesadas a asistir a dita charla e poder aclarar calquera dúbida coa axuda de Guillerme Ignacio Costa.

abril 13, 2016

Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

O vindeiro domingo 17 de abril ás 10:30h. a A.C. Almuinha organiza unha nova andaina no marco do proxecto que bautizamos como "Coñecendo o noso entorno". Nesta ocasión achegarémonos ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, entre os concellos de Marín e Pontevedra. A saída será desde a área recreativa do Monte Pornedo (San Xulián-Marín).

Tras o Roteiro das Praias, o Roteiro do Monte Penizas e o Roteiro das Mámoas, nos que contamos cunha importante participación, esta será a cuarta andaina que organizamos coa intención de fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o contacto coa natureza e o seu respecto, así como o coñecemento, a promoción e a posta en valor dos lugares de maior interese pres...
entes no noso concello.

O roteiro conta con abundantes elementos de gran relevancia que fan que camiñar por esta zona sempre sexa un gran pracer. Na ruta atoparemos restos arqueolóxicos como petróglifos (entre outros o conxunto rupestre do Pornedo) e mámoas (a de Sete Camiños ou a do Catadoiro), así como un fermoso entorno natural e unhas espectaculares vistas da ría. Mais tamén nos achegaremos a alguna das lendas propias desta zona.

Nesta ocasión contaremos coa participación de Lukas Santiago, arqueólogo marinense e Presidente da Comunidade de Montes de Lourizán. Foi unha das persoas impulsoras do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, así como da posta en valor deste entorno privilexiado, e durante a andaina achegaranos información en relación co patrimonio desta zona, tanto no que se refire aos restos arqueolóxicos como ao patrimonio inmaterial, como por exemplo as lendas propias destes lugares.

abril 04, 2016

Protección e Promoción da Pedrafita de Currás

Fotografía tomada o día 31 de marzo, no percurso da andaina
 organizada pola nosa asociación polo Roteiro do Monte Penizas
A A.C. Almuinha ven de presentar un escrito no rexistro do Concello de Marín, dirixido ás concellarías de Cultura, Festas e Dinamización e de Turismo e Comercio, solicitando a protección e a promoción da Pedrafita de Currás, un menhir de aproximadamente uns 4.500 anos, cunha característica que o fai único e singular en Galiza: cunhas 9 toneladas e media de peso é o único que se atopou enteiro no noso país.

A continuación engadimos o escrito:
No Concello de Marín contamos con importantes restos arqueolóxicos que forman parte da historia da nosa terra, elementos imprescindíbeis para unha mellor comprensión do noso pasado. Entre outras numerosas manifestacións propias de épocas máis achegadas aos nosos días existen numerosas mostras de época Neolítica, da Idade do Bronce e da Idade do Ferro, algunhas dunha importancia que trascende os límites do noso concello, entre as que podemos destacar o petróglifo coñecido como Labirinto de Mogor.
Mais amais deste importante petróglifo contamos cun bo número de gravados rupestres, como o Conxunto de Champás; de poboados da Idade do Ferro, como o Castro da Subidá; e de monumentos megalíticos, como a Mámoa de Chan de Armada e a Mámoa de Pedralonga, ou a Pedrafita de Currás. Mención especial merece este último, un menhir de aproximadamente uns 4.500 anos, cunha característica que o fai único e singular en Galiza: cunhas 9 toneladas e media de peso é o único que se atopou enteiro no noso país.
O pasado 31 de xaneiro na A.C. Almuinha organizamos o Roteiro do Monte Penizas, que chega até Santo Tomé de Piñeiro, no marco dunha iniciativa bautizada como "Coñecendo o noso entorno". Era a segunda andaina, tras a Ruta das praias, dun proxecto co que pretendemos fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o contacto coa natureza e o seu respecto, e o achegamento, a promoción e a posta en valor dos lugares de maior interese presentes no noso concello.
O Roteiro do Monte Penizas achéganos a través do seu percorrido a elementos de especial relevancia e interese do noso concello, como pode ser o Castro da Subidá, o Monte Penizas coas fermosas vistas que nos ofrece desde o seu cumio da ría e da vila de Marín, as igrexas románicas de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro..., e a Pedrafita de Currás.
Non son moitos os menhires presentes en Galiza na actualidade, se ben no seu momento deberon ser numerosos, mais o paso do tempo pasoulles factura a este tipo de restos arqueolóxicos e provocou que na actualidade contemos con moi poucos no noso país. Amais, e como xa comentamos anteriormente, estamos ante o único menhir atopado nunha soa peza en Galiza, unha gran pedra de máis de 9 toneladas.
Malia a importancia deste menhir, que foi desprazado do seu emprazamento orixinal coa construción da circunvalación de Marín, sendo trasladado a unha finca próxima, chama moito a atención que non se mencione a presenza deste importante elemento na publicidade da ruta, cando esta pasa por diante mesmo do menhir, así como que non se sinalice a súa presenza mediante postes indicadores, nin exista un panel informativo no lugar no que se atopa que nos achegue un mínimo de infomación do que temos diante. Tal estado de abandono fai que o menhir pase totalmente desapercibido para calquera visitante que realice a ruta de sendeirismo.
Por outra banda, o concello de Marín carece da máis mínima publicidade e infomación en relación coa existencia deste importante recurso arqueolóxico presente no noso concello. Deste xeito é imposíbel que ninguén se achegue a ver o menhir e con total seguridade moita xente, tanto a propia veciñanza como sendeiristas que fagan a ruta, pasarán por diante del sen decatarse sequera do que teñen ao seu carón.
Esta situación parécenos absolutamente inaceptábel e denota unha falta de sensibilidade por parte das nosas administracións en relación co noso patrimonio. As administracións públicas son as primeiras que teñen que velar polo noso patrimonio, pola súa protección, promoción e divulgación, como así sinala a lexislación vixente. Se non se protexen, se non se coñecen, se non se difunden os elementos relevantes da nosa cultura e da nosa historia, a súa posta en valor resulta completamente imposíbel.
POLO QUE SOLICITAMOS
A protección e a promoción de tan relevante elemento existente no noso concello, como é a Pedrafita de Currás, mediante actuacións moi sinxelas e que non implican importantes gastos económicos, polo que son moi asumíbeis e doadas de levar a cabo:
* A sinalización do menhir, en puntos próximos e visíbeis, de cara a informar da súa existencia e facilitar a súa localización dun xeito doado por todas aquelas persoas que desexen achegarse a velo.
* A colocación dun panel explicativo no lugar onde se atopa o menhir coa finalidade de informar ao visitante do que está vendo.
* A inclusión do menhir como elemento destacábel na publicidade do Roteiro do Monte Penizas.
* A inclusión do menhir como elemento de especial relevancia na publicidade turística do noso concello.

Marín, a 29 de marzo de 2016

março 08, 2016

Lago de Castinheiras: palestra e roteiro


Nos últimos meses estase a producir un importante debate na sociedade marinense en relación coa situación de abandono do entorno do Lago de Castiñeiras.

O Lago de Castiñeiras, situado a uns 400 metros sobre o nivel do mar, atópase situado dentro do Parque da Natureza de Cotorredondo. O Parque da Natureza de Cotorredondo, entre os Concellos de Marín e Vilaboa, é un dos parques forestais máis antigos de Galiza, e ocupa unha superficie dunhas 70 Ha.

A área recreativa do Lago de Castiñeiras foi durante décadas un privilexiado espazo de lecer para todas aquelas persoas que procuraban algo de tranquilidade en contacto coa natureza, onde familias enteiras pasaban o día nos meses de primavera o verán.

No entorno do Lago atópase o Mirador de Cotorredondo, desde onde podemos gozar dunhas espectaculares vistas das rías de Vigo e de Pontevedra, podendo divisar tamén a ría de Arousa en días claros.

É un lugar perfecto para a práctica de diferentes deportes e para a realización de paseos en bicicleta, a cabalo ou a pé.

No Parque da Natureza de Cotorredondo atópanse tamén importantes xacementos arqueolóxicos do período Megalítico e da Idade de Bronce, como mámoas e petroglifos, destacando entre as mámoas a Mámoa do Rei (Vilaboa), a Mámoa de Chan de Armada (Marín) e a Mámoa de Chan de Arquiña, xa en Domaio no Concello de Moaña.

Na actualidade continúa sendo un fermoso lugar para escapar do asfalto e do cemento das vilas e cidades, mais o deterioro do entorno da Lagoa como consecuencia do seu abandono fan que vexa reducido de xeito notábel o seu atractivo.

Estamos a falar, pois, dun espazo cun atractivo turístico de primeiro nivel, cunha potencialidade inmensa, mais este privilexiado lugar está a sufrir un importante deterioro que limita e impide un maior aproveitamento dos recursos que nos ofrece.
 
Desde a A.C. Almuinha non ficamos alleos a este interesante debate e queremos aportar o noso graniño de area e contribuir deste xeito a abordar un asunto de tanta actualidade na nosa vila, de cara a tentar acadar que o Parque da Natureza de Cotorredondo sexa tomado en serio por parte das distintas administracións e se inicie un proceso de recuperación deste privilexiado lugar.

Por todo isto, nos vindeiros días organizaremos dúas actividades:

O vindeiro xoves 10 de marzo organizamos unha Charla-Coloquio "Lago de Castiñeiras, Riqueza Natural e Cultural". Nela contaremos coa participación de Daniel Rosales (Presidente da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Piñeiro) e Juan Carlos Castro Carrera (Arqueólogo que dirixiu as excavacións das mámoas do entorno do Lago de Castiñeiras). Será a partir das 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín.

E o domingo 13 de marzo organizamos a terceira andaina no marco do programa "Coñecendo o noso entorno". Será o Roteiro das Mámoas, e con ela queremos aproveitar para poñer en valor a riqueza natural e arqueolóxica do Parque da Natureza de Cotorredondo. A saída será ás 10:30h. da Lagoa de Castiñeiras, e contaremos, doutra volta, coa presenza de Daniel Rosales e Juan Carlos Castro. A duración estimada é de 3 horas, e pasaremos polas principias mámoas da zona como son a Mámoa do Rei (Vilaboa), a Mámoa de Chan de Armada (Marín) e a Mámoa de Chan de Arquiña, xa en Domaio no Concello de Moaña. O roteiro non é circular polo que agradeceríamos que aquelas persoas que teñan posibilidade deixen un coche no final da andaina, na Mámoa de Chan de Arquiña, para facilitar a volta ao punto de partida.

Breve biografía do arqueólogo Juan Carlos Carrera, que participará nestas actividades:

Director da sociedade Anta de Moura S.L., que cofundou en 1992. Redacta, dirixe e coordina un gran número de proxectos no eido do patrimonio cultural, principalmente o arqueolóxico, relacionados con: escavación e conservación, rehabilitación, posta en valor, musealización, divulgación, planificación ou xestión. En relación co megalitismo, destacan as actuacións dirixidas de escavación e rehabilitación de distintas mámoas no Morrazo, entre elas as coñecidas Mámoa do Rei (no Lago de Castiñeiras, Vilaboa) e Chan de Armada 1 (Marín), ou máis recentemente as mámoas 1 e 3 da Tomada de Martínez, no Parque Empresarial de Castiñeiras (Bueu), finalizada o pasado decembro. Actualmente é asesor da Fundación Lago de Castiñeiras nos temas relacionados coa arqueoloxía e en particular as mámoas: conservación, exposición, divulgación, etc.

Xa por último, queremos aproveitar para convidar a todas as persoas interesadas na protección e promoción da riqueza natural e cultural existente no noso concello a que se acheguen a estas actividades.

março 05, 2016

Grupo de Sendeirismo A.C. Almuinha


Desde a A.C. Almuinha queremos informar que vimos de crear un Grupo de Sendeirismo.
 
O Sendeirismo é unha práctica que goza dunha gran popularidade nos nosos días. Cada fin de semana os camiños e montes da nosa Terra énchense de persoas desexosas de contacto coa natureza, practicar deporte e achegarse a moitos elementos, do máis diverso, propios da nosa cultura.
 
O obxectivo desta actividade é fomentar hábitos saudábeis e a práctica do deporte, o amor e o respeito pola natureza e o achegamento ás máis diversas manifestacións culturais propias do noso país, aspirando a acadar un maior coñecemento da nosa Terra.
 
O Grupo de Sendeirismo da A.C. Almuinha comezará as Andainas este domingo 6 de marzo co Roteiro do Río da Fraga, en Moaña, e faremos andainas para todos os públicos, coa intención de iniciar aos máis cativos nesta práctica.
 
Queremos animar a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas nesta actividade, que é totalmente de balde, a poñerse en contacto con nós, ben a través do noso correo electrónico (a.c.almuinha@gmail.com) ou ben a través de mensaxe privada polo Facebook.
 

fevereiro 18, 2016

Sendeirismo en Marín


A A.C. Almuinha solicita ao Concello de Marín unha política ambiciosa que conleve as actuacións precisas para converter Marín nun referente do sendeirismo, coa creación nunha primeira fase de dúas novas rutas de sendeirismo: a Ruta das Mámoas e a Ruta do Río Lameira; a suficiente publicidade do Roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; e claridade en canto a Ruta do Monte Penizas.

Engadimos o escrito dirixido ás Concellarías de Cultura, Festas e Dinamización; Deportes e Xuventude; Medio Ambiente e Benestar Social; e Turismo e Comercio do Concello de Marín:

O sendeirismo é unha práctica deportiva que cada vez conta con máis afeccionados na Galiza. Cada fin de semana centos de persoas saen das súas casas a percorrer os carreiros e camiños do noso país coa intención de facer deporte ao mesmo tempo que gozar da natureza, cultura e paisaxes da nosa Terra.
 
En Marín até hai pouco contabamos con dúas fermosas rutas sinalizadas: a “Ruta das Praias”, que parte do aparcadoiro previo á Praia de Portocelo e chega até a illa do Santo percorrendo a práctica totalidade do litoral do noso concello, e a “Ruta do Monte Penizas”, que saíndo do lavadoiro do río Lameira no centro de Marín chega até a igrexa de Santo Tomé de Piñeiro.
 
A estas dúas rutas hai que engadirlle o “Roteiro do Espazo dos Sete Camiños”, que foi inaugurado o pasado mes de xuño; en breve o interesante “Roteiro dos Cinco Miradoiros”, que estará rematado nun futuro próximo; e... outra "Ruta do Monte Penizas"!!!
 
O pasado domingo 31 de xaneiro desde a A.C. Almuinha organizamos unha andaina pola “Ruta do Monte Penizas”, a segunda dentro do programa "Coñecendo o noso entorno" co que pretendemos difundir o patrimonio cultural e natural do noso concello, dando a coñecer e poñendo en valor os elementos máis destacábeis, ao tempo que fomentar hábitos saudábeis, e na organización desta actividade atopámonos cuns paneis informativos, de recente colocación, da "Ruta do Monte Penizas" (un que está na estrada que vai cara a Moreira e o outro no Castro da Subidá), nos que se sinaliza unha ruta que é ben diferente da que existiu até agora con ese mesmo nome.
 
Mentres a páxina web do Concello de Marín (http://concellodemarin.es/roteiros/), e outras como a de Terras de Pontevedra (http://www.terrasdepontevedra.org/es/visitar-marin/670-ruta-do-monte-penizas.html), recollen a tradicional “Ruta do Monte Penizas”, que remata na igrexa románica de Santo Tomé de Piñeiro, nos paneis mencionados a ruta desvíase ao chegar a Penizas baixando por Castro, Sete Espadas e volta ao Castro da Subidá para rematar en Marín, polo aínda que coinciden na primeira metade do percorrido, logo convírtense en rutas completamente diferentes (unha remata en Santo Tomé de Piñeiro e a outra volta a Marín nun percorrido circular). O feito de que existan dous roteiros de sendeirismo co mesmo nome leva a confusión de todas aquelas persoas que procuran información.
 
Desde a A.C. Almuinha vemos con bos ollos, como non podía ser doutro xeito, a sinalización de novos roteiros que aumenten as posibilidades de lecer no noso concello, mais non entendemos como se anuncian desde o propio Concello de Marín dúas rutas de sendeirismo co mesmo nome. Posto que os paneis son de recente colocación, significa isto que se vai abandonar a anterior “Ruta do Monte Penizas” que chega até Santo Tomé de Piñeiro? De confirmarse este extremo parecerianos un erro importante, pois suporía abandonar un roteiro que nos achega a elementos de gran importancia cultural do noso concello, como son o menhir de Currás e as igrexas románicas de Santa María do Campo e Santo Tomé de Piñeiro.
 
Outra cuestión que queremos trasladar en relación cos roteiros é que no noso concello existe outro roteiro sinalizado, o “Roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, entre Marín e Pontevedra. É un roteiro dunha gran beleza natural cunhas espectaculares vistas da ría e da vila de Marín e dunha gran importancia cultural, pois achéganos durante o seu percorrido a numerosos petróglifos e mámoas, como a Mámoa dos Sete Camiños ou a do Catadoiro, os petróglifos de Pinal de Caeiro, ou o Conxunto Rupestre do Pornedo.
 
Mais desde a A.C. Almuinha, como unha das asociacións que apoiou o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, consideramos incomprensíbel a falta de publicidade por parte do Concello de Marín desta ruta de sendeirismo, que carece da máis mínima información na páxina web do Concello p.e., máis alá da organización dunha andaina o pasado mes de outubro, andaina que aínda que valoramos positivamente resulta absolutamente insuficiente para a publicidade do Roteiro.
 
Por outra banda, na área do Lago de Castiñeiras e arredores atópase un dos conxuntos de mámoas máis importantes da Galiza, localizadas en montes comunais de varias parroquias dos concellos de Marín, Vilaboa e Moaña. Nesta zona localízanse numerosos dólmenes, mais destacan Chan de Armada (Marín), a Mámoa do Rei (Vilaboa) e Chan da Arquiña (Moaña).
 
Hai uns anos, concretamente no ano 2007, iniciáronse os traballos para a criación dun roteiro duns sete quilómetros e medio, a “Ruta das Mámoas”, que conectaba todas estas mámoas, baixo a coordinación dos comuneiros das parroquias afectadas, dos Concellos de Marín, Vilaboa e Moaña e as consellarías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura, estando subvencionado con fondos europeos.
 
É un proxecto dun gran interese natural e arqueolóxico, que os seus promotores agardaban estivera operativa no verán de 2008. Durante un tempo traballouse na limpeza e adecuación do camiño, mais cando faltaba pouco máis que a sinalización da ruta e uns paneis informativos nas mámoas, o proxecto ficou abandonado.
 
Desde a A.C. Almuinha consideramos dunha gran importancia retomar o proxecto desta ruta de sendeirismo, pois permitiría a posta en valor destes xacementos prehistóricos, elementos arqueolóxicos dunha gran importancia e interese cultural, ao tempo que completar a oferta que debe ofrecer un espazo provilexiado de lecer como é o Lago de Castiñeiras.
 
Por último, queremos manifestar o apoio da A.C. Almuinha á moción aprobada no pasado Pleno do Concello de Marín celebrado o pasado día 9 de febreiro relativa á criación da “Ruta do Río Lameira ou Río de Castiñeiras”, que comunica Marín co Lago de Castiñeiras seguindo o curso do río Lameira. É unha ruta pola que a nosa asociación xa realizou un roteiro no ano 2013 e nesa andaina puidemos constatar, con pesar, o seu completo abandono.
 
Desde a A.C. Almuinha consideramos que de levarse a cabo estas actuacións o noso concello situariase como un referente do sendeirismo ao dotarse dunha ampla rede de roteiros, seis concretamente, aumentando deste xeito as posibilidades de lecer no noso concello, ao tempo que se fomenta a práctica deportiva e os hábitos saudábeis entre a poboación, e que percorrerían os lugares de maior interese do noso concello, permitindo a posta en valor de moitos elementos que hoxe en día non gozan de promoción axeitada.

POLO QUE SOLICITAMOS
 
1.- Unha solución á confusión provocada pola existencia a día de hoxe de dúas rutas co mesmo nome de "Ruta do Monte Penizas". Posto que a nova ruta xa está sinalizada en paneis, co conseguinte gasto económico, e tendo en conta que o certo é que o nome parécenos máis axeitado para denominar a nova ruta, pois ao chegar ao Monte Penizas dá a volta, desde a A.C. Almuinha proporiamos mudar o nome da anterior ruta polo de "Roteiro do Monte Penizas - Santo Tomé de Piñeiro". Mais en calquera caso, solicitamos que non se abandone a ruta que chega a Santo Tomé de Piñeiro.
 
2.- A colocación de dous postes indicadores no alto do Monte Penizas, no lugar exacto onde as dúas rutas se separan, que sinalicen con claridade a continuación das dúas rutas: "Ruta do Monte Penizas" por unha banda e "Ruta do Monte Penizas - Santo Tomé de Piñeiro" por outra, coa intención de evitar confusións ao atoparnos na actualidade con sinais cara direccións opostas.
 
3.- A colocación de postes indicadores coa nova denominación da ruta que chega até Santo Tomé de Piñeiro ao longo da mesma.
 
4.- O inicio das actuacións necesarias para a criación da “Ruta das Mámoas”.
 
5.- A execución do acordo do Pleno do Concello de Marín do pasado día 9 de febreiro en relación a criación da “Ruta do Río Lameira ou Río Castiñeiras”.
 
6.- A colocación de paneis informativos ao comezo e final das distintas rutas de sendeirismo, así como nos principais elementos de interese que nos atopamos nos distintos roteiros para, dun xeito pedagóxico e ameno, aumentar o coñecemento dos mesmos e favorecer a súa posta en valor.
 
7.- A publicidade e difusión por parte do Concello por todos os medios ao seu dispor (folletos, páxina web...) de todas as Rutas de Sendeirismo existentes no noso concello, e queremos salientar especialmente o “Roteiro do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, que malia ser inaugurado o pasado mes de xuño aínda carece da necesaria publicidade por parte do Concello de Marín.

Marín, a 15 de febreiro de 2016