maio 31, 2010

Marcha contra Ence e ceia no centro social

Mais um ano, a A. C. Almuinha quer mostrar o seu apoio à marcha anti-ENCE convocada pola Asociación para a Defensa da Ria de Ponte Vedra para este sábado 5 de junho na que os membros da nossa associaçom participaremos activamente e que partirá as 19,30h como vem sendo habitual das Alamedas de Marim e Ponte Vedra respeitivamente.
Pensamos que este ano a movilizaçom devera ser mais intensa porquanto a intençom da Junta do Partido Popular para o futuro da ENCE som a continuaçom no seu assentamento em Louriçám se atendemos à sua decissom de aceitar a trámite a solicitude de autorizaçom para a instalaçom de umha planta de biomasa no recinto da fábrica por um periodo de 30 anos.
Nesse caso estariamos ante a consolidaçom do complexo contaminte ENCE-ELNOSA para além do ano 2018 tirando por terra o direito do povo da comarca a poder recuperarmos o litoral e a Ria para o desfrute do seu entorno natural e para umha exploraçom económica sustentável que repercuta na melhora da saude e do nível de vida de todas nós gerando mais postos de trabalho dos que agora fornece ENCE-ELNOSA.

À volta da marcha, animamos-vos a todas e todos a participar na ceia a base de ensaladinha, petiscos e bebida que celebraremos no Centro Social Almuinha no número 63 da rua Ezequiel Massoni. Todo aquel que queira reservar pode faze-lo no número 606595310 ou directamente no centro social à volta da marcha. O seu custo será de 5€ para cobrir gastos.

Neste 2010 e mais que nunca: CELULOSE NOM, FORA DA NOSSA RIA !!

maio 21, 2010

Sábado 29 ás 20h torneo de futbolín no centro social

O vindeiro sábado día 29 de maio a partir das 20h celebrarase no centro social Almuinha, na rúa Ezequiel Massoni nº 63, un torneo de futbolín.
Matraquilho, matreco, pebolim, toto, taca taca, fuchín son algúns dos nomes polos cal tamén é coñecido este popular xogo ideado no ano 1937 polo inventor galego Alexandre Campos Ramírez máis coñecido como Alexandre de Fisterra.
A inscripción cuxo prezo é de 4€ por parella poderá facerse no centro social o mesmo día do torneo. A parella gañadora do torneo levarase como premio o 75% do recadado coas inscripcións do torneo e o 25% os segundos clasificados.
Animádevos a participar e buscade unha parella de xogo para este sábado e difundide o torneo entre as vosas amizades e coñecidos/as, canta máis xente xogue maior será o premio.

maio 18, 2010

CENTRO DE SAÚDE 100% PÚBLICO

Nos últimos días, malia non contar con ningunha partida nos orzamentos deste ano, o PP vén de anunciar a través da súa portavoz en Marín, María Ramallo, que pretenden comezar na nosa vila as obras do novo centro de saúde este mesmo ano.

A construción dun novo centro de saúde é umha necesidade para a veciñanza marinense que non se pode demorar por máis tempo, posto que a asistencia sanitaria dispensada no obsoleto edificio da Casa do Mar e no inapropiado centro de saúde deixan bastante que desexar, con moitas carencias e deficiencias tanto para os/as trabalhadores/as como para os/as doentes.

O Partido Popular coa vista posta nas municipais do ano que vén e conscientes da urxencia que ten Marín de contar cun novo centro de saúde tentan con este anuncio tirarlle proveito electoral ao inicio das obras aproveitando ademais a crise e a por eles proclamada “austeridade” para dar un paso máis na privatización da sanidade.

O novo centro de saúde construirase seguindo os principios que se pretenden aplicar para a a construción dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra e que están a xerar un grande malestar social. O financiamento, a construción e a xestión vanse pór nas mans dun consorcio privado de construtoras, aseguradoras e bancos supoñen un paso adiante no desmantelamento da sanidade pública o que xa provocou que milleiros de persoas saisen ás rúas para amosar o seu rexeitamento a estas políticas privatizadoras.

Este modelo de construción e xestión de hospitais que se pretende levar a cabo tamén co centro de saúde de Marín xa ten demostrado as súas carencias noutras comunidades autónomas, resultando máis cara e aumentando a precariedade dos/as traballadores/as e empeorando a asistencia pública, resultando unicamente beneficiadas unhas empresas privadas que no canto de seren castigadas por ser parte da crise que atravesamos son premiadas co goloso pastel da sanidade.

A.C. Almuinha considera que non podemos nin debemos consentir que a sanidade sexa posta en mans privadas, submetida ás regras do mercado, subordinando as necesidades dos/as doentes ao lucro de varias empresas privadas máis interesadas en acadar beneficios que en proporcionar un bo servizo aos/ás doentes aforrando custes para incrementar beneficios.

Se Marín non conta aínda cun novo centro de saúde,tan necesario dende hai anos, é pola deixadez e a falla de interese en Marín dos distintos gobernos autonómicos e a manifesta incompetencia dos políticos de turno que ocuparon e ocupan a poltrona municipal. Dende A.C. Almuinha reclamamos a construción urxente dun novo centro de saúde na nosa vila mais só aceptaremos que sexa construido, financiado e xestionado de xeito totalmente público.

maio 09, 2010

Sábado 15 de maio: FESTA DA LINGUA

O vindeiro sábado 15 de maio con motivo do día das Letras Galegas a A.C. Almuinha organiza un ano máis e por terceiro consecutivo a Festa da Lingua.

Fronte a actitude etnocida do Partido Popular no goberno da Xunta de convertes aos galegos e galegas do futuro en analfabetos na lingua propia da nosa terra, o noso sinal de identidade máis importante, a nosa asociación prepara unha xornada festiva e reivindicativa para facer ver a todo o mundo que a nosa lingua está viva e que como veñen demostrando milleiros de persoas no último ano hai xente disposta a defendela.

A festa terá lugar no entorno da alameda de Marín a partir das 11 da mañán e haberá distintas actividades destinadas a públicos de todas as idades: contacontos, malabares, globoflexia, música e baile tradicional, recital de poesía colectivo e unha solta de libros viaxeiros.

Ao remate das actividades na alameda a festa trasladarase ao centro social Almuinha, na rúa Ezequiel Massoni nº 63, tendo lugar un xantar popular a base de carne ao caldeiro ou ben prato vexetariano, sobremesa, café e licores cun prezo de 10€. Reservas no teléfono 677049789, no correo a.c.almuinha@gmail.com ou ben achegándose ao centro social.

Para o venres día 14 ás 20:30 na biblioteca municipal de Marín a A.C. Almuinha en colaboración co Grupo Cultural o Ronsel proxectará o documental "O salario do silencio" realizado por Enrique Banet onde se relata o que está a suceder en Ferrol terra coa planta de gas de Reganosa. Haberá tamén un coloquio onde intervirán o propio director do documental, Enrique Banet, a actriz, Mabel Rivera e o membro do Comite Cidadán de Emerxencia de Ferrol, Alexandre Carrodeguas. Ao rematar a proxección haberá unha pequena recepción a base de petiscos no centro social Almuinha.


Actuación de Almuinheira na anha urbana

maio 06, 2010

Anha urbana en Pontevedra

Este vindeiro sábado día 8 de maio o grupo de pandereteiros e pandereteiras da nosa asociación, Almuinheira, participará un ano máis da anha urbana xunto con outros grupos da comarca e arreodores organizada pola asociación cultural Trépia.
A anha comezará as 11:30 da mañá na praza de Mugartegui en Pontevedra. As persoas que se acheguen poderán gozar dun dos itens culturais máis peculiares da nosa terra, a música con sachos, para recordar unha tradición que dende a nosa asociación pretendemos manter aínda viva.