janeiro 30, 2012

A CULTURA GALAICA E A ROMANIZAÇOM

A A. C. Almuinha informa que o vindeiro dia 3 de fevereiro, sexta-feira (venres), organizamos umha palestra com o título "A Cultura Galaica e a Romanizaçom" que terá lugar a partires das 20,30 horas no Salom de Actos da Biblioteca Pública de Marim a cárrego de D. André Pena Granha, Doutor em Arqueologia e História Antiga, e convidamos a assistirem a todas e todos os interessados nas raiceiras mais fondas do nosso Pais.


André Pena Granha (Ferrol, 1955) é um dos historiadores galegos que com máis paixom vive o seu trabalho. Historiador, arqueólogo e arquiveiro do Concelho de Narom, poucos temos coma él para falar com a sua erudiçom do nosso passado, da cultura atlántica que vincula aos nossos antergos com os demais povos das costas ocidentais da Europa desde as Ilhas Orcadas até a façada atlántica peninsular.

Ademais é um dos promotores do Instituto Galego de Estudos Célticos IGEC, sociedade científica estabelecida em 2009, cujo principal objectivo é a promoçom da investigaçom multidisciplinar no campo dos Estudos Célticos na Galiza, norte de Portugal e Europa Atlântica. Também difunde o conhecimento geral da história, cultura e sociedade da Galiza, além do intercâmbio académico e científico e visa recuperar e preservar – em base a informaçons contrastadas – elementos da cultura céltica presentes e visíveis na sociedade galega contemporânea.


O IGEC também fornece serviços de consultoria e assessoramento numa série de áreas, como educaçom, promoçom turística, e gestom do património, entre outros.


Algumas das conferências ministradas por André Pena:
“O celtismo e as origens da Gallaecia”
“Galiza, o berço dos Celtas da Europa Atlántica”
“Caminhos milenários”
“Breogám, Hércules e a Torre de Brigantium”
Algumhas das suas obras:
Narón un concello con historia de seu, Volume I, II, III. Sotelo Blanco, 1991,
Narón. Unha historia ilustrada na Terra de Trasancos', xunto con Eva Merlán Bollaín e Alfonso Filgueira López. Baía Edicións, 1995
La Pesquera Tradicional de Mareas. Un ejemplo de arqueología industrial. Concello de Narón, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Ciprián e Metalurgica Galaica, S.A. 1998.
A orixe dos coutos, das xurisdicións dos escudos e das bandeiras municipais galegas. Narón: Vexiloloxía e heráldica. Concello de Narón, 2002
Santa María Maior de O Val, Narón: Unha Parroquia con Celtas Reminiscencias na Terra de Trasancos. Fundación Terra de Trasancos, 2004.
Santo André de Teixido: O Camiño dos Celtas. Equona 2006.

janeiro 27, 2012

O GOBERNO LOCAL ATENDE O NOME DAS RÚAS E DESATENDE ÁS ENTIDADES CULTURAIS

“Panem et circenses” (“Pan e circo” dicía Julio César para “entreter” a súa “plebe”). Vimos de asistir a semana anterior a un acto con motivo da celebración do cambio de rúas, ao tempo que as entidades culturais levan dende o ano 2010 sen recibir unha axuda por parte do goberno local para desenvolver as súas actividades.

No ano 2010 resolvéronse as subvencións culturais do ano 2008 e dende o 2009 non se volveron convocar esas axudas. Estando na actualidade pendente a resolución do ano 2009 e pendentes de convocatoria os anos 2010, 2011 e 2012.

Dende hai dous meses, A.C. Almuinha leva procurando información ao respeto, mais apesares de dirixirse persoalmente a Intervención, á Consellería de Cultura e facer unha solicitude formal por Rexistro, ninguén da unha resposta, nin sequera unha chamada.

Sen embargo, vemos asombrados/as que apesares de xa levar dous anos mudado os nomes das rúas, a xente ter xa familiarizado/asimilado o cambio, queren respostar ao seu obxectivo “electoralista” dándolles “circo”. Mais, esquecendo que a xente precisa “pan”.

Dende A.C. Almuinha ESIXIMOS unha RESPOSTA INMEDIATA en referencia a esta cuestión, ao tempo que, o remate desta política “propagandística”, que esquece a súa vila e as súas necesidades.



janeiro 19, 2012

RUA ROSALIA DE CASTRO

A A.C. Almuinha quere denunciar que esta quinta-feira, 19 de janeiro, o governo local de Marim, do PP, vai consagrar com toda “la pompa y el salero” ao mais puro estilo Torrente a volta aos tempos de antes.

Era urgente desde o ponto de vista da crise que nos embarga mudar rapidamente o nome da rua da nossa poeta nacional por excelência pelo de um casposo militar; pois todos sabemos que a poesia não ajuda à economia local mas sim as balas e os barcos de guerra. Obrigado senhora alcaldesa porque a sua liderança e presença nestes actos de ressarcimento à família Janer e a sua calada quando não há serviço de ambulância nocturno e no fecho de Factoria Naval demonstram que os votos que a trouxeram ao gabinete municipal sabiam o que realmente é importante.

A senhora alcaldesa, e deve ser uma enfermidade que se apanha no seu partido, pois todos os presidentes de instituições públicas sofrem desta doença, falam muito mas não fazem nada, e são grandes espertos em desviar a atenção para assuntos tão fulcrais como este. Nunca antes na nossa história houve tantos desempregados nas nossas paróquias e nas nossas casas, tantos novos a ir para fora. Mas o importante é enviar mensagens aos navegantes e demonstrar que o revanchismo político é a bandeira com a que a direita se alimenta e trabalha, que há coisas com as que não se brinca e que devem ser como foram toda a vida, vamos como deus manda, com missa e todo como neste caso. Já nos imaginamos à nossa grande alcaldesa vestida de peineta e mantilha bendizendo, com padre incluído, a volta ao status quo.

O estado da política local é uma maldição que as gentes de Marim parece que nos merecemos. O PP, que ganhou as últimas eleições mais por deméritos dos adversários que por méritos próprios, na quinta-feira vai reclamar o que é seu, pois entendem a administração pública como um botim do que há que tirar o máximo partido varrendo para casa sempre que seja possível.

janeiro 17, 2012

CABALOS CON PEXAS, CADEAS E CORDAS NAS PATAS NOS MONTES DO MORRAZO

Cavalo com pexas em Chao de Gestoso
Enviamos nota de prensa sobre a práctica de pór pexas, cordas e cadeas nas patas dos cabalos nos Montes do Morrazo: 

 Malia as denuncias feitas nos últimos anos por colectivos ecoloxistas, pro dereito dos animais e persoas a nivel particular aínda persiste a práctica das pexas nas patas de cabalos asilvestrados en réxime de gandeiría extensiva.

No espazo natural dos Montes do Morrazo esta práctica de tortura animal que os propietarios dos cabalos utilizan para controlar a mobilidade do animal e obstaculizar así os seus movementos, segue a verse sen dificultades en Chan de Arquiña, Chan de Xestoso, Chan de Gagán, Chan de Pedras Negras ou no monte Pornedo...

Esta práctica de tortura produce en moitas ocasións malformacións e roturas das extremidades nos cabalos afectados. Asi mesmo a escasa mobilidade e obstaculización nos movementos dos animais provoca en moitos casos a morte do propio animal por atropelos en accidentes viarios, chegando a convertirse nunha trampa mortal en caso de incendio forestal como sucedeu na vaga de lumes do 2006.

Por outra banda estes métodos son ilegais xa que van en contra da Declaración Universal dos Dereitos do Animal aprobada pola UNESCO e a ONU, infrinxindo flagrantemente tamén a Directiva 98/58/CE a nivel europeo e o R.D. 348/2000 a nivel estatal, relativos á protección do animal nas explotacións gandeiras.


Os cabalos teñen unha función ecolóxica moi importante no medio natural, formando parte como especie autóctona da súa biodiversidade e sendo auténticos desbrozadores e abonadores naturais do solo, feito polo que na Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estamos a favor da súa presenza nos Montes do Morrazo, mais opoñémonos ás prácticas de tortura animal mencionadas.

Aínda que a responsabilidade destes maltratos recae directamente nos propietarios, consideramos que as administracións públicas competentes, concellos e principalmente a Xunta, non deberan tolerar nin ser permisivas con estas prácticas ilegais perseguindo e multando a aqueles propietarios e abolindo de maneira definitiva este tipo de prácticas cara ós cabalos.

O Morrazo 16 de xaneiro de 2012,

Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
defendeomorrazo.wordpress.com
defendeomorrazo@gmail.com

janeiro 10, 2012

DOCUMENTÁRIO “SETE CAMIÑOS: ENCRUCILLADA DO TEMPO” A SEXTA DIA 13

Recolhemos o anúncio desta apresentaçom:

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres 13 de xaneiro, a partir das 20:30 horas e con entrada libre, a proxección do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”. Este traballo pretende poñer en valor o importante patrimonio natural, cultural e paisaxístico do espazo dos Sete Camiños, situado nunha estribación da serra de Domaio entre os concellos de Pontevedra, Marín e Vilaboa.

“Sete Camiños: encrucillada do tempo” é unha coprodución da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e Faro de Ons Producións. O realizador e arqueólogo Lukas Santiago e mais o antropólogo e economista Rafael Quintía, son os responsables do guión e da dirección deste traballo audiovisual, que tamén conta con João Bieites na realización técnica.

Ao longo de 45 minutos, o documental xustifica a necesidade de conservar os diferentes elementos patrimoniais existentes no contorno dos Sete Camiños, do Monte Pornedo e do Monte Catadoiro: xacementos arqueolóxicos, como mámoas e petroglifos; vestixios etnográficos, como valados, fontes ou restos de antigas canteiras; lendas tradicionais, no eido do patrimonio inmaterial; e elementos naturais de interese, entre os que destacan miradoiros ou formacións rochosas singulares.

Pero tamén alerta das ameazas que destruirían parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán en Pontevedra, e de San Xulián en Marín, hipotecando as posibilidades de poñer en valor o rico patrimonio deste espazo.

O proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta co apoio dunha vintena de colectivos veciñais, sociais e culturais da comarca. O documental que se estrea o 13 de xaneiro ponlle voz e imaxes a un proxecto sustentable que supón unha estratexia colectiva na súa aposta pola xestión racional dos montes, pola revalorización do patrimonio que estes albergan, e por unha visión a longo prazo que garanta unha digna herdanza para as xeracións futuras.

MÁIS INFORMACIÓN:
www.espazosetecaminhos.tk
espazosetecaminhos@gmail.com


janeiro 09, 2012

NOTA DE IMPRENSA DA PLATAFORMA EM DEFESA DOS MONTES DO MORRAÇO

"A XUNTA DEIXA SEN PROTECCIÓN EUROPEA OS MONTES DO MORRAZO



Ante a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 feita pública o pasado 21 de decembro pola Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu malestar ante a tan cativa proposta que deixa fóra lugares susceptíbeis de pertencer á Rede Natura coma os Montes do Morrazo.


Galicia é un territorio moi rico en hábitats e especies prioritarias de interese europeo o cal non se ve correspondido co seu actual e escaso 12% do seu territorio protexido por Rede Natura. A raquítica proposta elaborada pola Xunta de Galicia só ampliaría o territorio protexido até un 15%, moi lonxe aínda da media estatal, un 27%, e de territorios veciños como Asturies e Castela e León co 29% e 26 % do seu territorio, respectivamente, protexido pola Rede Natura.


A escasa conciencia ambiental da Xunta do goberno do PP reflectida nesta escasa ampliación xunto coa modificación da Lei do Solo para especular co chan rústico, un plan de ordenación do litoral (POL) permisivo, unha Lei de Industria feita ac doc para aprobar determinados proxectos e un Plano Director da Rede Natura que permite proxectos agresivos, como o das piscifactorías, poñen á venda e ao servizo dos intereses privados o territorio galego.


Por outra banda esta pobre proposta de ampliación seguiría provocando que tanto os LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) xa aprobados como os novos propostos, sigan aillados dentro das súas proteccións e sen os necesarios corredores naturais que os comuniquen ecoloxicamente, principalmente na franxa litoral, onde a maioría do espazo protexido é superficie marítima.


Un deses espazos naturais necesarios e susceptíbel de pertencer á Rede Natura é o dos Montes do Morrazo que xunto co Carballal de Coiro son os auténticos corredores ecolóxicos existentes na península do Morrazo e que serven de enlace natural cos LIC que existen na comarca, Enseada de San Simón, Costa da Vela e Cabo Udra.


Tanto os Montes do Morrazo como o Carballal de Coiro, na actualidade protexidos como solo rústico de protección de espazos naturais polas normas subsidiarias de planeamento provinciais, conteñen hábitats de interese comunitario e fauna e flora salvaxe como para formar parte desa Rede Natura a nivel europeo. Porén, unha vez máis a Xunta segue sen ter en conta a este espazo, igual que lle sucede a outros moitos, para esa ampliación de espazos protexidos a nivel europeo.


Tal como está a acontecer con outros espazos as causas deste esquecemento por parte da Xunta son os intereses urbanísticos e especulativos que seguen a primar por riba da protección e da conservación dos nosos espazos naturais dentro dun modelo de desenvolvemento claramente insustentábel.


No caso concreto dos espazo natural dos Montes do Morrazo, tal como temos denunciado publicamente con anterioridade, prima por riba da súa protección medioambiental os proxectos do parque eólico en Pedras Negras, os proxectos de parques industriais no Monte Pornedo, na Cruz da Maceira e na Pastoriza e o proxecto de desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo en autovía.


Malia os múltiplos intereses especulativos e os atrancos que poñan as distintas administracións a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo seguirá insistindo en que este espazo teña a debida protección esixindo a súa entrada na Rede Natura polo ben do mesmo, da comarca e para que axude a que a patética porcentaxe actual de territorio protexido a nivel europeo se achegue e sexa acorde coa media estatal e europea.

O Morrazo 7 de xaneiro de 2012
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo"
defendeomorrazo.wordpress.com
defendeomorrazo@gmail.com