setembro 08, 2010

Setembro, xornadas a prol da folga


A crise económica que estamos a vivir está a ser aproveitada polo capital e os seus acólitos, partidos liberais e disque socialistas, para lanzar unha brutal ofensiva contra os dereitos laborais e sociais conquistados durante anos de loita da clase traballadora.

Na A.C. Almuinha consideramos que existen suficientes motivos para apoiar a mobilización da clase traballadora para parar este ataque do capital que fai repercutir as consecuencias da crise do capital financeiro internacional e de sectores como a construción, sector do automóbil, etc, sobre os traballadores en forma de reformas laborais que precarizan todavía máis a situación laboral dos empregados e animan ao despedimento; recortes nos salarios dos empregados públicos, conxelación das pensións, precarización e privatización dos servizos públicos como a sanidade e a educación, axudas ao sector privado a cargo do diñeiro público.

Mais a ofensiva do capital non rematará se non lle poñemos freo con esta reforma laboral, cernese sobre a clase traballadora medidas como a reforma do sistema de pensións, o aumento da idade de xubilación e incremento de número de anos cotizados para ter dereito á mesma, o copago da sanidade e posterior privatización e moito máis.

A folga xeral convocada para o 29 de setembro non pode ser o fracaso que desexan os sindicatos do capital, CCOO e UXT, ten que ser un primeiro paso para recuperar os nosos dereitos, un primeiro paso para recuperar a nosa dignidade como clase traballadora. É por isto que a A.C. Almuinha quere pór unha pequena pedra na construción do camiño da dignidade e organiza unhas xornadas que durarán todo o mes e que consistirán na proxección de documentais e filmes e nunhas charlas dirixidas a animar e a concienciar á clase traballadora da necesidade dunha verdadeira folga.

setembro 01, 2010

A A.C. Almuinha presenta alegación ás DOT

As Directrices de Ordenación do Territorio, DOT, deben ser o instrumento de futuro que defina un modelo territorial para Galiza que permita un crecemento ordenado e sustentábel compatibilizando as actividades económicas coa conservación do noso medio.

Aínda que no documento redactado hai múltiplas referencias ao crecemento sustentábel sempre aparece subordinado este ao obxectivo, para a Xunta, máis importante do crecemento económico. Aposta así a Xunta pola continuidade dun modelo depredador dos nosos recursos naturais en benificio duns poucos, no canto de apostar por un outro modelo que poña límite á destrución do noso territorio.

A Xunta dacordo co Plano MOVE proxecta a construción de grandes infraestruturas viarias fomentando aínda máis o uso do transporte privado fronte a un transporte colectivo de calidade e para todos/as. A construción destas estradas de alta capacidade levará aparellada consigo a destrución do medio e lonxe de reducir os problemas de tráfico agravaráos aínda máis debido ao efecto chamada contribuíndo ao empeoramento dos efectos do cambio climático.

No que a Marín e ao Morrazo respecta a Xunta o documento redactado deixa sen protección a espazos de incalculábel valor ambiental, paixasístico e patrimonial como os Montes do Morrazo, o entorno de Cotoredondo, lagoa de Castiñeiras, cabo Home e Barra abrindo a posibilidade de que se leven a cabo agresións a estes espazos que poderían incluso significar a desaparición destes tal como os coñecemos.

Chama significativamente que o entorno de Cotoredondo e a lagoa de Castiñeiras, espazos naturais até o de agora protexidos, sendo unhas das paraxes que pola súa beleza e valor ambiental son mellor valoradas pola poboación se lles quite agora a protección.

Son múltiplos os xacementos arqueolóxicos catalogados nos espazos que agora se deixan sen protección que se poden ver ameazados por infraestruturas viarias, polígonos industriais, existindo un interesante proxecto de creación de espazo arqueolóxico apoiado xa por distintos colectivos e comunidades de montes “afectadas” polo proxecto. Este proxecto pódese consultar no seguinte enderezo web: www.espazosetecaminhos.tk

Debería ser propio dunha sociedade do século XXI, tendo en conta o cambio climático, sumar cada vez máis entornos naturais á rede de espazos protexidos para poder así salvagardar da destrución lugares de interese natural, ecolóxico e patrimonial para futuras xeracións no canto de ir cara atrás e eliminar a protección aos espazos xa protexidos.

Mais unha vez máis imponse o lucro desta sociedade en crise capitalista e moito nos tememos que a desaparición da protección dos Montes do Morrazo teña que ver coa intención de construír dous polígonos industriais nas zonas do Monte Pornedo e na Pastoriza, no concello de Marín. A construción destes dous polígonos ademais de supor unha enorme agresión ambiental terían un enorme impacto visual, xa que no caso do monte Pornedo o polígono podería verse dende calquera punto da ría de Pontevedra, por situarse nun lugar destacado da paisaxe, e o estar no anfiteatro natural de Marín, a vila quedaría encaixonada entre o porto e o polígono; e no caso do polígono de Pastoriza, sería visto dende gran parte da Ría de Pontevedra e da Ría de Vigo, por sitúase nun lugar destacado da paisaxe dende ambas.

A construción do polígono no monte Pornedo suporía un enorme impacto arqueolóxico ao contar a zona con numerosos xacementos como o conxunto de gravados rupertres do Pornedo, conxunto de gravados rupestres do Piñeiral do Caeiro, petroglifo dos Sete Camiños, mámoa de Catadoiro, mámoas de Chan da Lagoa.

Os numerosos e brutais desmontes que habería que realizar para a construción dos polígonos debido á pendiente, especialmente no caso do monte Pornedo, xunto coa grave afección natural e patrimonial chocan de fronte co criterio das propias DOT que di que “na elección das alternativas das áreas empresariais primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio fronte á súa corrección, mitigación ou compensación, polo que se considerarán as limitacións derivadas dos condicionantes topográficos, da proximidade de asentamentos de poboación, da posible afección ó ámbito de influencia do patrimonio natural e cultural ou doutras actividades produtivas primarias ou terciarias, da visibilidade ou fraxilidade paisaxística, etc., e deberase xustificar neste senso a idoneidade da localización finalmente seleccionada”.

Dende A.C. Almuinha queremos amosar o noso total rexeitamento, como xa fixemos en anteriores ocasións, ao polígono proxectado no monte Pornedo e é por iso que non podemos máis que amosar o noso asombro, aínda que non sorpresa, pola actitude da corporación municipal que na súa totalidade acordaron solicitar da Xunta a cualificación dos Montes do Morrazo como espazo natural protexido mais deixando fóra o monte Pornedo para así poder axilizar canto antes a construción do polígono industrial na zona.