junho 28, 2012

Valedor do Povo apoia Almuinha ante a regedora de Marim Maria Ramalho (PP)

“O VALEDOR DO POBO DÁ A RAZÓN A ALMUINHA NA SÚA QUEIXA CONTRA O CONCELLO DE MARÍN POLA PÉSIMA XESTIÓN DAS SUBVENCIÓNS CULTURAIS”


O pasado 3 de maio presentabamos ao Valedor do Pobo a nosa queixa contra o Concello de Marín ante a súa negativa a recibirnos e ofrecernos información acerca das subvencións.

Onte, 27 de Xuño, a A.C. Almuinha recibía o informe do Valedor do Pobo no que se transcribía textualmente o informe remitido pola Alcaldesa, Maria Ramallo, no que recoñece a situación denunciada (“falta de notificación, negativa a recibir e informar, a paralización dunha axuda”) xustificando que “tomou posesión ó 11.06.2011”, que como non se resolveu a convocatoria 2009 “non xerou dereito económico algún” e que no 2012 convocou as axudas.

Ante dito informe o Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández Rodríguez, recorda ao Concello de Marín que ten obriga de: INFORMAR ás asociacións sobre a paralización do expediente (“o feito de que unha convocatoria non se resolva non exime ao órgano convocante de dirixirse as persoas, físicas ou xurídicas, que concorreron a ela xustificando os motivos polos que a convocatoria queda sen resolver”); XUSTIFICAR o problema orzamentario e cal foi o destino final dos fondos asignados; CONTESTAR POR ESCRITO a todas as solicitudes de información (INCLUIDA Á DA A.C. ALMUINHA).

Ademais, engade “e deixando à marxe a responsabilidade dun concreto equipo municial, O CERTO É QUE NIN O DERRADEIRO NIN O ACTUAL TEÑEN OBSERVADO A NORMATIVA REGULADORA DOS DEREITOS DE PARTICIPACIÓN E INFORMACIÓN DOS VECIÑOS PREVISTOS NA LEI”.

Neste senso, o Valedor remite ao Concello de Marín un RECORDATORIO DOS SEUS DEREITOS LEGAIS e solicítalles unha resposta de resolución.

Sentímonos satisfeitos porque todo apunta a que pronto tamén teremos unha reunión persoal cos responsables políticos onde intentaremos coñecer por que o Concello de Marín non resolve a convocatoria do ano 2009, por que non se convocaron as de 2010 e 2011 e a que entidades se lles concedeu axudas individuais e baixo que criterio. E por outra banda, esixir que, sendo coñecedores/as da situación de desamparo na que deixa a paralización do expediente a moitas entidades coma a nosa, retomen o expediente e o resolvan.

Amais, a nosa maior satisfacción é que a nosa queixa tamén valerá para que o resto de asociacións reciban as comunicacións por escrito e na forma correspondente. Un dereito conquistado para todos/as.

junho 27, 2012

Instamos a proteçom do nosso património ante a barbárie destrutora

Intáncia apresentada no Concelho de Marim pola nossa associaçom:

"Enterados/as que dentro das actividades da VII Concentración Mototurística Vila de Marín, promovidas polo Concello de Marín e o Moto Club Pontus Veteris Pontevedra, o vindeiro 1 de xullo ás 9 da mañá está previsto a celebración dunha proba do Campionato Galego de Trial nas instalacións municipais do Eco-parque do Bosque do Cadro, onde figura tamén como organizador o Motor Club de Aldán. Polo que informamos e denunciamos que;

No recinto do citado lugar e dentro de solo rústico de protección de espazos naturais Montes do Morrazo, localízase o complexo rupestre denominado "Petróglifos do Bosque do Cadro", xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce consistente en 5 grupos de petróglifos e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia co nº de Rexistro GA36026024, englobado na categoría de "Ben de Interese Cultural" (BIC).

Segundo a Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia calquera actuación no seu ámbito de protección necesita de autorización por parte da Consellaría de Cultura, da que non temos constancia.

A parte da área integral, a área de protección dentro de solo rústico de protección patrimonial, segundo o art. 30 de ordenanza reguladora do solo non urbanizable de protección do patrimonio incluída na Orde 14/5/1991, de 14 de maio, polo que se aproban as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra é de 200 metros para os restos arqueolóxicos, incluídos os petróglifos, a partir do vestixio máis exterior do ben que se protexe, ou , cando varios elementos singulares se articulan en conxunto, trazarase a partir dos elementos exteriores do conxunto abarcando a totalidade del.

Unha parte dos petróglifos, debido a décadas de abandono, están na actualidade ilocalizables polo que, xa simplemente por precaución, entendemos que non debería autorizarse a citada proba no lugar ante posibles danos ao patrimonio existente.

A realización desta proba pode ter unha afección negativa sobre estes petróglifos, sobre todo se temos en conta o tipo de proba, dado que o trial ten apetencia polas rochas ao ar libre e que para a organización da proba e o deseño do circuito non se tivo en conta a presenza dos petróglifos.

Polo exposto;

SOLICITA:

A comprobación dos feitos e que non se autorice a citada proba do campionato galego de trial na área de protección nin nas proximidades do complexo rupestre dos Petróglifos do Bosque do Cadro.

A recuperación e posta en valor do citado complexo rupestre.

A inspección e catalogación dun novo petróglifo atopado nas proximidades do Bosque do Cadro, sito a maior altitude, no alto dos Pedrouzos e preto do xacemento medieval catalogado de Castelo de Barbudo (GA36026005), dentro da súa área de protección."

junho 19, 2012

Escolhe bem: escolhe o galego para as tuas filhas e filhos

Nestes dias dará começo o praço de matrícula no Ensino Infantil na Galiza, e no momento da sua formalizaçom, o Centro Escolar, por mandato da Consellería de Educación, entregará aos pais e às nais umha enquisa em relaçom com o uso do galego, que determinará a lingua que será empregada nas aulas com os/as cativos/as, ainda que esta informaçom é ocultada de jeito intencionado.

A familia e a escola som as 2 instituiçons mais importantes na educaçom dos/as nossos/as filhos/as e pra transmisom da nossa lingua, que está numha situaçom límite na nossa vila. Esta afirmaçom basease na realidade que podemos observar nas aulas e nos parques da nossa vila, onde nom resulta moi difícil corroborar esta afirmaçom, lugares nos que podemos comprobar como a porcentagem de nen@s galegofalantes é practicamente do 0%. Se @s nen@s nom usam o galego, quem o vai falar no futuro? É este o futuro que queremos para a nossa lingua?

Se bem a o ámbito familiar é moi importante para o futuro da lingua, a escola nom o é menos, já que é nela onde os/as nenos/as passam umha boa parte da sua vida, onde se relacionam com outros rapaces/zas, e é bem conhecido que a escola foi um factor fundamental na desgaleguizaçom do nosso pais. Ainda que no ámbito familiar se empregue o galego, @s noss@s filh@s cambiam ao castelám na escola.

Escolher o galego nesta enquisa é apostar por el e garantir o seu futuro. Hai poucas semanas vivimos um novo Dia das Letras Galegas, onde a práctica totalidade d@s galeg@s manifestamos o orgulho de ter umha lingua própria e os nossos desejos de que tenha futuro. Mas a lingua, ao igual que qualquer outra cousa, nom se defende com palavras, senom com factos, com umha actitude comprometida, consequente e coherente. De pouco vale dizer que queremos moito o galego se logo nom fazemos nada na nossa vida cotiá por el, se nom o usamos e o mantemos afastado da nossa vida, ao igual que de pouco serve dizer que queremos um medio ambiente limpo e logo botamos o lixo no monte.

Este é um momento no que os pais e as nais podem amosar a sua implicaçom com a lingua, apostando por ela, e garantindo que tenha futuro. Por isso, fazemos um chamamento aos pais e às nais para que na enquisa que lhe será entregada polo seu Centro Escolar seleccionem o galego no momento de formalizar a matrícula do Ensino Infantil, já que este é o único jeito de garantir umhas competências mínimas na lingua do nosso pais. A lingua é o maior património que temos @s galeg@s, umha construçom colectiva do nosso povo feita ao longo de mais de 1000 anos, e que nas últimas décadas está a ser acurralada pola imposiçom do castelám.

Por último, queremos denunciar este procedemento empregado polo governo galego do PP, que dum jeito escuro e manipulador, procura obter a legitimidade social a través dumha enquisa-engano pra continuar promovendo o dominio do castelám. Resulta lamentável que o governo de tod@s @s galeg@s estea empenhado em discriminar o galego e favorecer o castelám, é umha actitude vergonhenta contra a lingua e a cultura do próprio pais, que devera levar aparelhado o mais absoluto rejeitamento por parte de toda a populaçom. Com o Decreto actualmente em vigor, elaborado polo PP, o galego fica totalmente desprotegido nas áreas mais castelanizadas, que é onde se deveram aplicar medidas positivas cara o galego, para poder garantir o futuro da nossa lingua, já que deste jeito temos ámbitos, sobre todo os urbanos, onde o galego fica marginado socialmente e o ensino promove e favorece essa discriminaçom. Desde logo, nestes ámbitos amplamente castelanizados, haverá rapaces que esteam mais familiarizados com o castelám e ainda com o inglés que com o galego, sendo umha situaçom que nom se pode definir doutro jeito que de lamentável.



junho 14, 2012

Contra os recheios no Rego de Maceira


Publicamos a continuaçom a alegaçom apresentada no Concelho de Marim pela Associaçom Cultural Almuinha contra os recheios no Rego de Maceira (Concelho de Marim), incluído nas áreas naturais de Outeiro da Carvalhosa e Sam Lourenço, integradas dentro do espaço natural dos Montes do Morrazo dentro de solo rústico de especial protecçom de espaços naturais polas NN CC e SS de Planeamento da Província de Ponte Vedra, onde nom som permitidos os recheios nem armazenamentos de inertes dentro dos seus usos.

A Associaçom Cultural Almuinha:

EXPÓN:


Que estando en información pública con expediente de clave DH.W36.14902 a solicitude de autorización para recheo e nivelación de terreo para almacenamento de inertes nos lugares de Alto da Cruz da Maceira, San Lourenzo e Outeiro da Carballosa, no concello de Moaña, por parte da empresa EXCONGAL SL, formula as seguintes ALEGACIÓNS;

1. O Concello de Moaña fai constar no seu escrito de 26 de abril de 2012 “necesitamos precisar de xeito indubidable a posición das distintas actuacións solicitadas a fin de que sean adecuadamente valoradas pola Xunta de Goberno Local, polo que débese superpoñer aos distintos planos topográficos as coordenadas UTM nos vérticas e posicións máis salientables”. En base a isto Augas de Galicia remite este informe a EXCONGAL o 7 de maio, mais non consta na presente información pública de solicitude de autorización ningún dos datos solicitados anteriormente polo concello.

2. As áreas naturais de Outeiro da Carballosa e San Lourenzo están integradas dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo dentro de solo rústico de protección forestal polas NN CC e SS de Planeamento da Provincia de Pontevedra, onde non están permitidos os recheos nin almacenamentos de inertes dentro dos seus usos.

3. A única evidencia de terreos que aporta a na memoria descriptiva dos traballos a realizar expostos na información pública, están sitos en solo rústico de especial protección forestal e de ribeiras, canles e augas na parcela 922 do polígono 40, cunha superficie de 10.952 m2, na parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, do Concello de Marín, perto do Alto da Maceira, que non se corresponde coa parcela 156 do polígono 54 nin cos 23.500 m2 propostos na presente información pública.

4. A parcela está enriba do nacemento do rego da Maceira, afluente do Loira, e con data 14/11/2011 existen senllos informes ténicos do enxeñeiro de camiños, canais e portos Alberto Bosquet Herreros desfavorables á autorización solicitada ó existir dous regatos que constitúen dominio público hidráulico (artigo 2 do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real Decreto 849/1986, do 11 de abril) ocupando as obras a zona de servidume dun dos regatos.

5. A intención por parte da empresa de efectualo recheo só pola marxe dereita do regato deixando libres os 5 metros da zona de servidume extraída do informe de comprobación sobre as obras de recheo e almacenamento de inertes realizado o 22-02-2012 polo guarda fluvial GE-36346, forma parte dunha longa serie de incongruencias e nalgunhas veces falsidades dentro do conxunto da tramitación desta solicitude de autorización como se comproba no informe técnico elaborado o 14/11/2011 polo enxeñeiro de camiños, canais e portos Alberto Bosquet Herreros ou o do biólogo titulado superior ambiental do Servizo de Conservación da Natureza, Santiago Perez Poza, que o 21/05/2012 expón “Con relación á solicitude das obras de referencia, unha vez inspeccionado o lugar e revisada a documentación remitida, informámoslle que con data 3/05/2012, levouse a cabo unha reunión con representantes da empresa solicitante, confirmándose que as actuacións reflectidas na memoria non se corresponden coa obra que pretenden realizar, xa que obsérvanse contradicións na situación das obras, que se sitúan primeiro no concello de Moaña e despois no concello de Marín. Segundo a versión da empresa, as distintas localizacións que se contemplan na memoria corresponden a antigos proxectos xa descartados, e que as obras que se solicitan sitúanse nunha leira das que aparecen no anexo fotográfico, pero que non se corresponden cos datos catastrais facilitados. Con tal motivo, Ignacio Piñeiro, en representación da empresa EXCONGAL S.L. comunicou a súa decisión de presentar unha nova solicitude corrixindo os erros, ante a imposibilidade de informar sobre a presente petición”.

6. EXCONGAL SL non é unha empresa que destaque polo respeto pola legalidade e o medio ambiente e de feito con data 18-01-2008 o Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Consellería de Política Territorial remitiu Informe Proposta con nº OT107A-2007/57-4 de inicio de expediente de Reposición da Legalidade Urbanística por movementos de terras e recheos en solo rústico de protección forestal sen autorización autonómica e sen licenza e inicio de expediente sancionador contra desta mesma empresa pola autoría de verquidos no Alto da Cruz da Maceira.

Eses verquidos sen autorización (onde non só se verqueron terras e pedraplén como agora di pretender realizar senón que daquela tamén se verqueu entullos de obra como anacos de pavimento asfaltado, formigon e cerámicas esmaltadas converténdose nun vertedeiro incontrolado, que aínda se pode observar na actualidade pola zona), son os que están anexos ao extremo oeste da parcela onde agora a empresa solicita a presente autorización de recheo para almacenamento de inertes, co que na realidade EXCONGAL SL pretende ampliar partindo dunha ilegalidade a superficie de verquido para maior impacto ambiental e paisaxístico.

A memoria descriptiva do proxecto, ocultando esta realidade, desvaloriza o medio de xeito totalmente interesado e velaí parágrafos como “ trátase de monte baixo principalmente, pois a parcela foi talada recientemente”, “a fauna da zona de estudo repoboará a parcela canto cese a actividade”, “dada a escasa entidade do proxecto, que a parcela encóntrase nunha zona xa alterada e que só e visible dende a estrada PO-313 pode considerarse que os traballos provocarán un impacto leve”, “esta liña de auga que percorre non ten capacidade incisiva para marcar un leito ben definido e só funciona como eixo de evacuación das augas pluviais” ou “o arroio da Maceira discorre cun caudal exíguo que os meses ou épocas de sequía desaparece e é a única corriente de auga que percorre a conca hidrográfica da área de estudo”.

E pretende obviar premeditadamente que estamos ante un proxecto que en solo rústico de especial protección forestal anexo a outro de especial protección de espazos naturais Montes do Morrazo, contempla recheos de ata 10 metros de altura nunha superficie de 23.500 m2 cun volume aproximado de 53.300 m3 na fonda conca de nacemento do rego da Maceira arredor dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, onde existe xa un tupido bosque de ribeira de asociación ameneiro, salgueiro e bidueiro e augas sin apenas alteración nin contaminación ao non existir edificacións, industrias ou poboación humana residente, e que mais abaixo esas augas forman parte do fértil val de Miñán e Piñeiro, en plena zona de actividade rural e agrícola, antes de enlazar co rego principal do Loira.

5. Afecta tamén as áreas de protección e seguridade do tendido eléctrico de alta tensión Lourizán-Cangas e da PO-313 dentro de solo rústico de protección de infraestruturas

Polo alegado;

SOLICITA:

O informe desfavorable e anulación da solicitude con expediente de clave DH.W36.14902 a solicitude de autorización para recheo e nivelación de terreo para almacenamento de inertes nos lugares de Alto da Cruz da Maceira, San Lourenzo e Outeiro da Carballosa por parte da empresa EXCONGAL SL

Marín, a 11 de xuño de 2012