outubro 28, 2011

Revanchismo e Jaime Janer


Nas últimas semanas estamos a receber o embate dunha parte da sociedade marinense que se resiste a aceitar a normalidade democrática e a mudanza de rexime xá hai mais de 30 anos. E como consecuéncia da chegada ao poder do Partido Popular ao Concello de Marin achan a Rua Rosalia de Castro xá pasou tempo de mais sen o nome de un militar.

Non queremos entrar se Marin deve ou non agradecer a trazida da Escola Naval Militar a esta personaxe, importa-nos mais a actitude de revanchismo político con a que algun dos nosos viciños viven a sua participación nos asuntos públicos. Desde o noso ponto de vista a eliminación do nome de un militar pré-constitucional do noso rueiro local é algo do que a nosa sociedade deve orgullar-se, por iso saímos na defesa da nomenclatura actual da Rua Rosalia de Castro, e lamentamos profundamente que certos axitadores procuren o escudo do Concello en maos do Partido Popular para a voltar aos tempos de antes.

Que o Concello volte à anterior denominación, só vai significar o resurximento do espírito do bando nacional durante a Guerra Civil, que na nosa comarca tanto sofremos, con cuadrillas de delincuentes comuns misturadas con funcionários públicos fazendo mal a quen simplesmente pensava diferente.

Por iso exiximos ao Concello de Marin que sexa capaz de manter o nome da nosa rua e non caia refén dos nostálxicos que pretenden que todo sexa igual a como era durante a sua infáncia. Afortunadamente a nosa sociedade mudou, esperemos portanto que o revanchismo como forma de fazer política non apareza na cena política marinense nunca mais.

Marim a 28 de Outubro de 2011

outubro 19, 2011

Apoio à movilizaçom contra ENCE-ELNOSA

A A. C. Almuinha de Marim apoia a movilizaçom organizada pola Asociación pola Defensa da Ría de Ponte Vedra que sairá da ponte vedresa Praça da Ferraria às 20,30 h dá próxima sexta-feira (venres) dia 21 de outubro, para mostrar a oposiçom à renovaçom da concessom por parte da Junta de Galiza, das Autorizaçons Ambientais Integradas (AAI), ao complexo industrial contaminante de ENCE-ELNOSA.


Unimos a nossa voz à da Asociación pola Defensa da Ría enquanto a exigir que o actual governo galego nom renove umha concessom aprovada hai três anos polo anterior governo bipartido da Junta em condiçons irregulares porquanto o complexo industrial nom cumpria daquela nem cumpre nesta altura a legalidade vigorante em matéria meioambiental.


Nem cumpre a Lei de Águas Residuais Urbanas nem a Lei de Águas de Galiza. Continua a realizar verquidos contaminantes por acima dos limites permitidos sendo umha ameaça para a saúde das pessoas, da fauna, flora e meio marinho das margens da Ria.

E também é um freio para um outro desenvolvimento racional dos recursos, marisqueiros, pesqueiros, florestais e turísticos.

Convidamos, pois a participar da movilizaçom a todas aquelas pessoas que desejam viver em umha comarca livre de contaminaçom e com futuro desde o ponto de vista económico.


ENCE-ELNOSA FORA JÁ!


NOM Á RENOVAÇOM DAS AUTORIZAÇONS AMBIENTAIS A ENCE E ELNOSA

outubro 12, 2011

Roteiro dos Sete Caminhos este vindeiro sábado 15 de Outubro

A Asociación Cultural Almuinha, en colaboración coa Asociación Cultural A Revira, organiza para o vindeiro sábado 15 de outubro o Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A saída será ás 10:00 horas da Área Recreativa do Pornedo e a visita ó espazo será guiada por un arqueólogo.


Desta maneira, ambas asociacións queren mostrar o seu apoio ó proxecto de creación deste Espazo Natural e Arqueolóxico no contorno dos Sete Camiños, entre as parroquias de Lourizán, Salcedo e San Xulián, que xa apoian unha vintena de colectivos da bisbarra, e colaborar deste xeito na divulgación da riqueza patrimonial que atesoura.


A instalación da Liña de Alta Tensión (LAT) Lourizán-Cangas e a construción da Variante de Marín en 2003 afectaron ós xacementos arqueolóxicos existentes neste lugar. En 2009 produciuse, con total impunidade por parte da Brilat, a destrución da Mámoa de Louredo. Outras ameazas, como o proxecto do Concello de Marín do polígono industrial do Pituco ou a Franxa de Seguridade da Brilat, fan máis necesario que nunca o impulso a este Espazo Natural e Arqueolóxico para garantir a conservación dos elementos patrimoniais existentes e o seu desfrute por parte da cidadanía.

Coa realización deste roteiro, Almuinha e A Revira queren reivindicar a importancia da conservación dos montes periurbáns das cidades como cintos verdes e zona de esparcemento da poboación, máis importante aínda no caso de Marín, ameazado polo proxecto do polígono do Pituco, e que suporía o encorsetamento da vila entre o porto e o polígono.

E por outra banda, reivindicar a defensa do espazo natural dos Montes do Morrazo, do que forma parte o espazo dos Sete Camiños, denunciando a actitude cínica da Xunta de Galicia, que pretende construír un parque eólico en plena Serra de Domaio, despois de desestimar as alegacións de diversos colectivos ás DOT para que os Montes do Morrazo conservasen a protección como espazo natural, argumentando que xa estaban suficientemente protexidos.

É deber de todos reivindicar a importancia do patrimonio histórico, natural e paisaxístico, e esixir de forma inmediata a recuperación ambiental e patrimonial desta zona, que permita a explotación racional do monte con criterios baseados na revalorización dos seus propios recursos e non na especulación urbanística e na espoliación do noso monte.

Em apoio da sanidade pública em Marim

A A.C. Almuinha apoia a manifestaçom da Plataforma em Defesa da Sanidade Pública de Marim que terá lugar esta sexta-feira (venres) dia 14 de Outubro as 20,30 h desde a Alameda de Marim. Convidamos a toda às pessoas conscientes da gravidade da situaçom a manifestar o seu rechaço das políticas anti-sociais implementadas e a mostrar-se em prol de uns serviços públicos de qualidade.