O pasado 19 de marzo María Ramallo informou aos medios de comunicación a súa decisión de non retomar o expediente das subvencións culturais do ano 2009.
Ante isto, queremos recalcar que Almuinha levaba meses esixindo unha resposta ante esta cuestión, solicitándose incluso por Rexistro unha reunión coa Concelleira de Cultura, e da que non obtivemos resposta. Parécenos lamentábel e de pouco “talante” que non nos convocasen a unha reunión (ou aínda que só fose unha chamada) e tres meses despois atopemos a resposta nos medios de comunicación: a paralización do expediente.
Se ben é certo que a resolución destas bases non correspondía ao actual goberno, sí lle correspondeu a decisión de “transpapelar” ou non o expediente. E lamentabelmente, María Ramallo deu por “zanxada” a polémica ofertando as axudas deste presente ano. A dúbida que se nos plantexa e que acontece entón cos 14000 € que estaban presupostados para esta partida, mais con bastante probabilidade nunca o saibamos.
Con respecto ás convocatorias 2010 e 2011, María Ramallo pronunciouse con que non se convocarían, xa que se tramitaron e concederon axudas individuais durante estes anos.
Almuinha quere apuntar que neses anos solicitou este tipo de axudas para a realización da súa tradicional “Festa da Lingua” e a concelleira de cultura nese momento, Esther Crespo, afirmaba que as axudas serían por convocatoria pública. Non podemos se non criticar a “parcialidade” na concesión destas axudas e a exclusión da nosa asociación en particular que non puido ser beneficiaria nin das axudas puntuais nin das anuais. Probabelmente, haberá máis...
Todo isto consecuencia directa dunhas nefastas xestións e un escaso compromiso co fomento da nosa lingua e cultura.
Almuinha leva realizando actividades culturais na nosa vila dende a súa creación no 2008 e tan só un ano recibimos axuda algunha por parte do Concello. ESIXIMOS SEXA TRAMITADO O EXPEDIENTE E SE RESOLVAN AS SUBVENCIÓNS CORRESPONDENTES AO ANO 2009.