outubro 29, 2010

Presentación do Espazo Natural e Arqueolóxixo dos Sete Camiños

Este venres 29 de outubro ás 20:30 terá lugar a última das sesións das Xornadas audiovisuais sobre patrimonio que se viñeron desenvolvendo durante todo o mes de outubro no centro social Almuinha, rúa Ezequiel Massoni nº 63 baixo.

Durante todas as xornadas a través de distintos documentais os/as asistentes puideron comprobar a grande variedade e riqueza do noso patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico e inmaterial e a importancia de que este continue vivo para o desfrute de vindeiras xeracións.

Para este último día a A.C. Almuinha deixou a presentación en Marín do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, un proxecto ideado polo arqueólogo Lukas Santiago e apoiado por máis de vinte colectivos entre os que se atopa a A.C. Almuinha. O espazo alén da súa riqueza paisaxística e natural conta cunha grande variedade de elementos arqueolóxicos: o Complexo rupestre do Pornedo, o Complexo rupestre do Piñeiral de Caeiro, os Petroglifos dos Sete Camiños, o Complexo rupestre do Regato dos Buratos/Outeiro da Mina, os Petroglifos da Cachada do Vello, os Petroglifos de Pumariño, o Abrigo rochoso da Campá, , as Mámoas de Chan da Lagoa nº1 e 2 e a Mámoa de Catadoiro.

Para esta presentación do proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico do Sete Camiños, contarase coa presenza dos membros da Comisión Técnica que está a traballar na súa posta en marcha, que explicarán as razóns que xustifican este proxecto e os distintos elementos que o compoñen, e cunha proxección en primicia: o pase previo do documental: "Sete Camiños, encrucilada do tempo".

outubro 20, 2010

"O Monte do Seixo, a montanha mágica"


A Associaçom Cultural Almuinha de Marim convida a todas e todos, vizinhos/as de Marim e comarca a assistir a um novo acto das jornadas audiovisuais adicadas ao conhecimento, conservaçom, recuperaçom e posta em valor do nosso património natural, etnográfico e arqueológico.

Esta semana temos programado a projecçom de um documentário titulado "O monte do Seixo: a montaña máxica" realizado polo Grupo de estudos etnográficos Serpe Bichoca. Intervirám Rafael Quintía, Joao Bietes e Calros Solla que ademais apresentarám o 1º número da revista Fol de Veleno. Calros Solla é também autor de duas obras sobre este monte: "Reivindicación da Montaña Máxica" de 2007, e a reediçom ampliada e melhorada "Monte do Seixo. O santuário perdido dos Celtas" de 2008, nos que se basea o audiovisual.

Com duraçom de 125 minutos o documentário acerca-nos o patrimonio natural, material e inmaterial do monte do Seixo, em Terra de Montes, onde convergem os concelhos de Cerdedo, Cotobade e Forcarei e mais do de Beariz. Localiza-se na Serra do Cando e O Outeiro do Coto (1.015 metros de altitude) é un mirador privilegiado sobre as Rías Baixas.


O traballo audiovisual fai un repaso das trinta estacións míticas do monte e as súas riquezas patrimoniais: mámoas, petroglifos, gravados de termo, a «ara solis» da Cruz do Seixo, Portalém, a Porta do Outro Mundo, a importante perafita do Marco do Vento; os milhadoiros da Fonte da Urce e Onde Morreu o Home; as rodeiras do Campo Juncal, a neveira de Cimadevila; O Castro Grande, olimpo da mitología popular, e a Laxa Mosqueira, penedo de fertilidade.No monte do Seixo seguem-se a celebrar na actualidade romarias que constituem a cristianizaçom de antigos ritos paganos.

Serpe Bichoca reclama a conservaçom do monte e a sua potencialidade como parque temático da mitología galaica.

No audiovisual colaborarom informantes, actores afeiçoados, arqueólogos e historiadores, e pretende ser também umha homenagem aos narradores orais, aos maiores das aldeias da contorna do monte que transmitirom a súa sabedoría, herdada dos seus devanceiros.

Na banda sonora do filme participa a agrupación O Chichisos. Destaca o trabalho de animaçom de Joao Bieites e as estampas de seres míticos do Seixo elaborados por Francisco Sutil e Mónica García.

O acto terá lugar o próximo venres 22, sexta-feira, no Centro Social Almuinha da rua Ezequiel Massoni, número 63 a partires das 20,30 horas.

outubro 01, 2010

Outubro: Xornadas audiovisuais sobre patrimonio

Para este mes de outubro a A.C. Almuinha organiza unhas xornadas audiovisuais sobre patrimonio. Nestas xornadas proxectaranse unha serie de documentais cunha posterior conferencia sobre o patrimonio arqueolóxico, natural e etnográfico.
Con estas xornadas a A.C. Almuinha pretende dar a coñecer o amplo, variado e rico patrimonio que posuimos os galegos e galegas e que polo escaso valor que lle atribuimos provocado polo descoñecemento do mesmo está en perigo polo urbanismo máis salvaxe e os intereses privados. Así durante anos fomos testemuñas da destrución de numeroso patrimonio arqueolóxico e natural por culpa de polígonos industriais, autovías, parques eólicos, encoros...
Mais tamén hai un patrimonio que a pesares de non ser físico é tan ou máis importante ca este posto que forma parte da xeito de ser do pobo galego, fala, lendas, tradicións, costumes...que tamén se están a perder a causa da globalización uniformizadora.

A programación durará todo o mes de outubro e consta das seguintes xornadas:

  • venres 1 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO INMATERIAL que inclúe a proxección de "Galeg@s universais. Historias do mar" e posterior debate co arqueólogo e director do documental Lukas Santiago.
  • venres 8 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO NATURAL ( Río dos Gafos, patrimonio recuperado) que inclúe a proxección de "A Loita pola luz no Río dos Gafos" e posterior conferencia a cargo do presidente da asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho.
  • venres 15 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO que inclúe a proxección do documental " O´Neixón: Historia viva dun castro" e posterior debate co arqueólogo e director do documental Lukas Santiago.
  • venres 22 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO ETNOGRÁFICO que inclúe a proxección do documental "O Monte do Seixo: A montaña máxica" e posterior conferencia dos membros do Grupo Etnográfico Serpe Bichoca, directores do documental, Calros Solla, João Bieitez e Rafael Quintía.
  • venres 29 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO MARINENSE que inclúe a presentación do Espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños, coa estrea dunha pequena presentación do proxecto e posterior debate a cargo dos membros da comisión xestora do proxecto.