Para este mes de outubro a A.C. Almuinha organiza unhas xornadas audiovisuais sobre patrimonio. Nestas xornadas proxectaranse unha serie de documentais cunha posterior conferencia sobre o patrimonio arqueolóxico, natural e etnográfico.
Con estas xornadas a A.C. Almuinha pretende dar a coñecer o amplo, variado e rico patrimonio que posuimos os galegos e galegas e que polo escaso valor que lle atribuimos provocado polo descoñecemento do mesmo está en perigo polo urbanismo máis salvaxe e os intereses privados. Así durante anos fomos testemuñas da destrución de numeroso patrimonio arqueolóxico e natural por culpa de polígonos industriais, autovías, parques eólicos, encoros...
Mais tamén hai un patrimonio que a pesares de non ser físico é tan ou máis importante ca este posto que forma parte da xeito de ser do pobo galego, fala, lendas, tradicións, costumes...que tamén se están a perder a causa da globalización uniformizadora.
A programación durará todo o mes de outubro e consta das seguintes xornadas:
- venres 1 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO INMATERIAL que inclúe a proxección de "Galeg@s universais. Historias do mar" e posterior debate co arqueólogo e director do documental Lukas Santiago.
- venres 8 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO NATURAL ( Río dos Gafos, patrimonio recuperado) que inclúe a proxección de "A Loita pola luz no Río dos Gafos" e posterior conferencia a cargo do presidente da asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho.
- venres 15 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO que inclúe a proxección do documental " O´Neixón: Historia viva dun castro" e posterior debate co arqueólogo e director do documental Lukas Santiago.
- venres 22 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO ETNOGRÁFICO que inclúe a proxección do documental "O Monte do Seixo: A montaña máxica" e posterior conferencia dos membros do Grupo Etnográfico Serpe Bichoca, directores do documental, Calros Solla, João Bieitez e Rafael Quintía.
- venres 29 ás 20:30 xornada adicada ao PATRIMONIO MARINENSE que inclúe a presentación do Espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños, coa estrea dunha pequena presentación do proxecto e posterior debate a cargo dos membros da comisión xestora do proxecto.
Sem comentários:
Enviar um comentário