dezembro 21, 2017

Xa chega o Apalpador!!!

O día 31 o Apalpador percorrerá as rúas de Marín outro ano máis. Será pola tarde, antes de achegarse á carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín, para entregar a partir das 18:00h. os premios do III Concurso de debuxo "Debuxando ao Apalpador".

E mentres non chega o día, a rapazada pode ir facendo a espera máis levadeira facendo debuxos do noso xigante carboeiro, e de paso participar no III Concurso de debuxo "Debuxando ...ao Apalpador".

Os debuxos teñen que entregarse na Carpa da Feira de Artesanía como data tope o 30 de decembro. Deixámosvos as bases do concurso. Ánimo e a participar, que o Apalpador está a chegar!!!

Bases do III Concurso "Debuxando ao Apalpador":

1.­ Os debuxos deberán versar sobre a figura do Apalpador, e levará un lema escrito en galego.
2.­ Haberá tres categorías. Unha primeira para nenos/as entre 3 e 5 anos. A segunda para nenos/as con idades entre 6 e 8. E a terceira será para nenos/as entre 9 e 12 anos.
3.­ Para poder participar no concurso, cada neno/a deberá presentar un deseño orixinal, con calquera material ou técnica, relativo á figura do Apalpador. O deseño será presentado nunha folla de papel ou cartolina de tamaño A4.
4.­ Entregaranse 9 premios, para os tres mellores debuxos de cada categoría.
5.­ Os traballos terán que ser entregados como data tope o 30 de decembro de 2015 na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín. Os debuxos serán expostos na Carpa desde o momento da entrega.
6.­ Para identificar os traballos, na parte de atrás dos debuxos deberá constar o nome e apelidos do autor, así como a súa idade.
7.­ O xurado estará composto por 4 persoas: unha da A.C.D. O Gharaboto, outra da A.C.Almuinha, outra da Asociación de Artesáns de Marín e o propio Apalpador.
8.­ O veredicto do xurado darase a coñecer e os premios entregados polo propio Apalpador o día 31 de decembro ás 18:00h. na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín.
9.­ A participación no concurso supón a autorización expresa para a difusión das imaxes.
10.­ A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das presentes bases, así como o criterio das 3 entidades organizadoras da actividade na resolución de calquera cuestión non prevista nestas bases.

abril 26, 2017

"A Arte Rupestre" - Xornadas "Francisco Carballo" de Historia de Galiza

Este vindeiro venres 28 de abril terá lugar a segunda conferencia das Xornadas "Francisco Carballo" de Historia de Galiza que estamos a organizar desde a nosa asociación. Tras abordar o Megalitismo no primeiro acto destas xornadas, desta volta o tema a tratar será "A Arte Rupestre". A conferencia terá lugar a partir das 20:30h. no Museo Manuel Torres de Marín e contaremos coas intervencións de Alia Vázquez, Miguel Carrero e Benito Vilas, investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.

Con estas xornadas tratamos por unha banda de achegarnos ao noso pasado, á Historia da nosa Terra coa finalidade de coñecela e divulgala, e por outra pretendemos aportar elementos que nos permitan estar en mellor situación de comprender o noso presente, o que hoxe somos, que non é nin máis nin menos que o resultado dun longo proceso histórico. É por isto que resulta evidente que para comprender o noso presente cómpre analizar o noso pasado, a nosa Historia.

Nesta ocasión abordaremos o interesantísimo tema da Arte Rupestre, cuxa manifestación máis sobranceira son eses característicos gravados sobre pedras ou rochas coñecidos como petróglifos. Os petróglifos galegos non son un fenómeno único da nosa Terra, mais si destacan a nivel mundial pola súa riqueza.

A maioría dos petróglifos galegos foron realizados sobre granito, aínda que tamén empregouse a lousa e o xisto, e podemos distinguir dous tipos de petróglifos: naturalistas, con representacións zoomorfas, antropomorfas e de armas; e xeométricos, dos cales descoñecemos o seu significado, entre os que atopamos circulos concéntricos, labirintos (entre os que destaca o labirinto de Mogor), deseños reticulados, espirais, puntos e coviñas.

En Marín dispoñemos de abundantes exemplos de arte rupestre, destacando especialmente o petróglifo de Mogor coñecido como O Labirinto, cuxa relevancia traspasa as nosas fronteiras.

É, pois, un tema de gran interese, e para falar del contaremos coa presenza de tres persoas moi cualificadas como son Alia Vázquez, Miguel Carrero e Benito Vilas, dos cales achegamos unha breve biografía:

Alia Vázquez Martínez (Investigadora USC-GEPN AAT). Licenciatura en Historia da Arte e Máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade compaxina a realización da súa tese doutoral, onde estuda a arte rupestre ao aire libre de Galicia dende unha perspectiva espacial, coas novas tecnoloxías de representación en 3D aplicadas a arqueoloxía.

Miguel Carrero Pazos (Investigador USC-GEPN AAT). Licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Arqueoloxía e Territorio pola Universidad de Granada. Na actualidade compaxina a realización da súa tese doutoral, onde estuda o fenómeno megalítico galego dende unha perspectiva espacial, coa aplicación de ferramentas informáticas ao estudo e representación en 3D tanto da arte megalítica, como da arte rupestre da Idade do Bronce.

Benito Vilas Estévez (Investigador Universidade de Vigo). Licenciatura en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Máster en Cultural Astronomy and Astrology da Universidade de Gales Trinity Saint David. Actualmente compaxina o estudo da arqueoastronomía megalítica, coa aplicación de ferramentas informáticas ao estudo e representación en 3D tanto da arte megalítica, como da arte rupestre da Idade do Bronce.
A maiores proxectarase unha curtametraxe tremendamente interesante realizada polo arqueólogo Lukas Santiago, na que recolle o achádego dun novo petróglifo en Campo Lameiro e o proceso seguido para a súa análise e estudo.

Despois do bo sabor de boca que deixou a primeira conferencia destas Xornadas, simplemente animámosvos a que asistades a este acto co que nos achegaremos a un tema tan interesante como a arte rupestre.

março 25, 2017

Charla "O Entroido dos Quinteiros"

O vindeiro mércores 29 de marzo a A.C. Almuinha celebrará unha charla sobre o Entroido no rural de Marín dos anos corenta.

Contaremos co testimonio de Ángel Estévez, veciño de Santomé que nos relatará os recordos da sua infancia sobre as celebracións do Entroido. Tamén contaremos con Queta Molas que aportará datos sobre as celebracións na vila. A charla terá lugar no Museo Manuel Torres ás 20 horas.

O Entroido galego é unha celebración de longa tradición na cultura popular, unha festa motivo de persecución e represión nos anos de ditadura pero pese a prohibición continuouse celebrando nalgunhas zonas de rural onde se conservaron celebracións moi particulares.

Coa fin da dictadura franquista as festas de entroido transformáronse e volvéronse cada vez mais urbanas e con novas modalidades, esquecendo o Entroido máis enxebre.
 
Neste acto queremos recuperar na memoria a celebración do Entroido mais antigo de Marín xa esquecido por moitos polo que animamos a asistir e escoitar os relatos do noso veciño Ángel Estévez.

março 16, 2017

"O Megalitismo" - Xornadas "Francisco Carballo" de Historia de Galiza

O vindeiro venres 17 de marzo a A.C. Almuinha inicia o Ciclo de Conferencias "Francisco Carballo" de Historia de Galiza. Nesta primeira ocasión trataremos o tema "O megalitismo", e contaremos coa intervención do arqueólogo Juan Carlos Castro Carrera, director da Sociedade Anta de Moura S.L. O acto terá lugar no Museo Manuel Torres de Marín a partir das 20:30h.

Este ciclo de charlas de Historia de Galiza levará o nome de "Francisco Carballo". Desde a nosa asociación queremos tributarlle unha modesta homenaxe a un home que, malia non ser marinense de nacemento, permaneceu ligado a nosa vila con especial intensidade durante moitísimos anos, e que adicou unha parte moi importante da súa vida ao coñecemento da historia de Galiza e a súa difusión, polo que nos parece moi axeitado ligar o seu nome ao destas xornadas.

A historia é a ciencia que ten por obxecto o estudo do pasado das sociedades humanas, e desde a nosa asociación partimos do convencemento de que o coñecemento do noso pasado, da historia do noso pobo, constitúe un elemento imprescindíbel para a comprensión do que somos hoxe e para entender o presente no que vivimos. O que somos e todo o que nos nosos días forma parte da nosa realidade cotiá é o resultado dun proceso ao longo da historia no que interveñen multitude de elementos e factores.

O noso obxectivo con estas conferencias será aportar datos para a comprensión do noso presente, e no futuro iremos abordando diferentes temas da historia da nosa Terra. En ocasións centrarémonos en falar das distintas etapas ou épocas da Historia de Galiza, como nesta ocasión na que trataremos o período megalítico, mais noutras abordaremos acontecementos máis concretos da nosa historia.

Nesta primeira ocasión trataremos o Megalítico, período da prehistoria que podemos ubicar entre o século VI a.c. e finais do século III a.c. É unha época na que se estende a actividade da agricultura, co conseguinte proceso de sedentarización da poboación, e que deixa a súa pegada na nosa Terra a través de abundantes lugares arqueolóxicos (máis de 5000) que revelan a existencia dunha numerosa poboación moi espallada no territorio. As construcións características deste período son importantes monumentos feitos con grandes pedras, como os dolmens (ou antas) e os menhires (ou pedrafitas). En Marín temos exemplos desta época, entre os que podemos destacar a mámoa de Chan de Armada e o Menhir de Currás. Suponse que os nosos antepasados non vivían moi lonxe de onde se atopan as mámoas (estruturas funerarias), mais carecemos de pouca información ao respecto debido aos escasos restos atopados de asentamentos da época. Da información coa que contamos deriva esta famosa frase de Alonso del Real "Os habitantes do mundo megalítico morrían, pero non vivían". Na nosa terra, estas construcións deron lugar a numerosas lendas na tradición popular.

Para falar desta interesante época do noso pasado contaremos coa intervención do arqueólogo Juan Carlos Castro Carrera. Juan Carlos é Director da sociedade Anta de Moura S.L., que cofundou en 1992. Redacta, dirixe e coordina un gran número de proxectos no eido do patrimonio cultural, principalmente o arqueolóxico, relacionados con: escavación e conservación, rehabilitación, posta en valor, musealización, divulgación, planificación ou xestión. En relación co megalitismo, destacan as actuacións dirixidas de escavación e rehabilitación de distintas mámoas no Morrazo, entre elas as coñecidas Mámoa do Rei (no Lago de Castiñeiras, Vilaboa) e Chan de Armada 1 (Marín), ou máis recentemente as mámoas 1 e 3 da Tomada de Martínez, no Parque Empresarial de Castiñeiras (Bueu), finalizada en decembro de 2015. Actualmente é asesor da Fundación Lago de Castiñeiras nos temas relacionados coa arqueoloxía e en particular as mámoas: conservación, exposición, divulgación, etc.

janeiro 31, 2017

Palestra "O sistema eléctrico a debate"


"O sistema eléctrico a debate"

O vindeiro venres día 10 de febreiro a partir das 20:00h. no Museo Manuel Torres organizamos unha charla que levará por título "O sistema eléctrico a debate".

Contaremos coas intervencións de Fernando Branco Parga (Secretario de Enerxía da Federación de Industria da CIG) que nos falará do funcionamento do sistema eléctrico e da demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega, e Xosé M. Golpe Acuña (Asesor enerxético) que dará unha explicación sobre o recibo eléctrico.

É un tema de notoria actualidade, tras as noticias que vimos recibindo desde que comezou o ano. Por unha banda, a importante suba do prezo do recibo da luz, calculado en arredor de 100 euros de media, e por outra banda, os enormes beneficios acadados polas grandes empresas do sector. Noticias de difícil dixestión para a inmensa maioría dos fogares galegos.

E mais tendo en conta que Galiza é un país produtor de enerxía. Na nosa Terra soportamos os custes sociais e ambientais de producción, exportamos electricidade a outros territorios e non recibimos ningún tipo de beneficio por isto, pois a nosa condición de País produtor e exportador non se ve reflectido nin na factura da luz nin en calquera outro concepto.

Mais por se isto fora pouco, hai escasos días milleiros de fogares galegos ficaron sen luz durante horas, e en moitos casos durante varios días, chegando a levarse por diante a vida dunha persoa. Cómpre ser razonábeis nestes casos, e ser conscientes de que as condicións climatolóxicas foron moi adversas, mais non é menos certo que as instalacións, sobre todo no rural galego, deixan moito que desexar e son manifesta e necesariamente mellorábeis.

O vivido estes pasados días en Galiza non é propio dun país de primeira.

Consideramos moi importante abordar o tema do sistema eléctrico nun acto que permita achegarnos a como funciona este sector no Estado español; por que a demanda dunha Tarifa Eléctrica Galega constitúe unha importante reivindicación de importantes sectores sociais, sindicais e políticos do noso País; como entender o recibo da luz e por que pagamos as cantidades que pagamos como consumidores/as, así como tratar a importante subida anunciada para este ano nos recibos da luz; e a falar do servizo que recibimos.

Por todo isto, e xa por último, queremos animar a que a xente asista ao acto e participe, pois é un tema de moita relevancia e actualidade.