maio 31, 2013

Apoiamos a Marcha contra ENCE-ELNOSA deste sábado

Desde a A.C. Almuinha manifestamos o nosso apoio à Marcha convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) este Sábado 1 de junho, e que sairá da Alameda Rosalía de Castro de Marim a partir das 19:30h, rematando na entrada de ENCE.
 
Consideramos que é especialmente importante mobilizar-se nestes momentos, depois de que a modificaçom da Lei de Costas no Parlamento espanhol abra a porta à concesom dumha prórroga que permita ao complexo ENCE-ELNOSA permanecer na ria mais alá do 2018, ano no que vence a actual concesom.
 
É por isto que queremos fazer um chamamento à cidadania marinense para que acoda à Marcha. Só manifestando o rejeitamento masivo da cidadania à permanência do complexo ENCE-ELNOSA na ria poderemos conseguir que abandonem o actual emprazamento e a posterior recuperaçom da ria.
 
Este sábado tod@s em Marcha!!!

maio 29, 2013

Manifestación Nacional contra a Minaría Salvaxe

ContraMINAcción chama á cidadanía galega a apoiar a manifestación do 2 de xuño para defender o noso país da minaría salvaxe

O colectivo ContraMINAcción
chama a toda a cidadanía galega a apoiar masivamente a manifestación que se celebrará este domingo, 2 de xuño, en Santiago de Compostela, para obrigar á Xunta de Galiza a escoitar un sentir maioritario que se opón ao acaparamento e destrución de amplas zonas do noso territorio a mans da industria mineira.

ContraMINAcción fai este chamamento porque ao amplo historial destrutivo da minaría no noso país, que contou sempre coa conivencia dos poderes públicos, quérense sumar agora ducias de novos proxectos que ameazan con arrasar -coa posta en marcha de explotacións altamente contaminantes e a ceo aberto- comarcas como A Barcala, A Fonsagrada, A Limia, Ancares, Baixo Miño, Bergantiños, Celanova, Compostela, O Eume, Ordes, O Ribeiro, Terra Chá, Terra de Soneira, Vigo ou Xallas.

Os novos proxectos mineiros que pretende autorizar a Xunta en Baleira, Baralla, Becerreá, Castrelo de Miño, Corcoesto, Frades, Fragas do Eume, Mesía, O Pino, Oroso, Santa Comba, Santiago, Serra de Fontecuberta, Serra do Galiñeiro, Trasmiras, Xinzo ou Zas, destruirán espazos protexidos de incalculable valor ecolóxico, esquilmarán a terra da que viven miles de labregos e labregas e obrigarán ao exilio forzoso a todas aquelas persoas que tiveron a mala sorte de ter os seus fogares sobre recursos mineiros de dubidosa utilidade pública e cos que certas empresas queren especular para o seu único e exclusivo lucro privado.

Dende ContraMINAcción queremos expresar o noso máis sincero agradecemento aos apoios recibidos dende a sociedade civil, a través das adhesións de máis de medio cento de organizacións e colectivos de Galiza, do Estado Español e de América Latina que detallamos a continuación: Agrupaçom de Montanha Augas Limpas, Asociación Naturalista de Defensa Ambiental Ribeiras do Miño, Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo, Associação Socio-Cultural O Iríbio, Comisión contra as Minas da Terra Chá, Contramínate de Laxe, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, Plataforma Veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Santa Comba Viva, Sindicato Labrego Galego, SOS Groba, Verdegaia, Galiza Non Se Vende (GNSV), FEG - Federación Ecoloxista Galega, Galiza Nova, NÓS-UP, Partido da Terra, Espazo Ecosocialista Galego, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Anova Irmandade Nacionalista, Associaçom Cultural Revira de Pontevedra, Confederación Intersindical Galega (CIG), A.C. Caldeirón de Malpica, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Federación Rural Galega (FRUGA), Centro social Mádia Leva!, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Plataforma Oro No (Tapia de Casariego), Centro Social Fuscalho (Baixo Minho), Fur Alle Falle, Rural C, Espazo Agroecolóxico A Estruga (Viveiro-Lugo), Fronte Cívica Somos Maioría da provincia de A Coruña, Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido", A.C. Almuinha de Marim, C.S. Gomes Gaioso, Asociación Cultural FUCO BUXÁN, Asociación Cultural Fillos de Galicia, Frente Popular Galega (FPG), Grupo Ecoloxista ADENCO. Asociación para a Defensa da Natureza do Condado, Plataforma cidadá Proxecto Cárcere, Compromiso por Galicia (CxG), A.C. Almuinha de Marim, CNT de Betanzos, Noalamina Esquel (Arxentina), Asociación Veciñal de Esteiro-Ferrol, Asociación Pola Defensa da Ría (APDR, Pontevedra), Asociación Ecologista Arco Iris, Amigos da Terra, Radio Ucamara en Nauta (Loreto, Perú), Cooperativa Agricultura Ecoloxica Raínha Lupa (Quilmas), Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ENTREPOBOS/ENTREPUEBLOS/ENTREPOBLES/HERRIARTE, Plataforma de Seguimiento de las Industrias Extractivas (PSIE), Movimiento No a la Mina (Argentina) - Asamblea Buenos Aires No a la Mina, El Observatorio Latinoamericano de Conflictos Ambientales OLCA (Chile), Xuventude Comunista, Observatorio de Conflictos Mineros en América Latina OCMAL (40 organizacións:
http://www.conflictosmineros.net/quienessomos/), Acción Ecológica de Ecuador, Defensa y Conservacion Ecológica de Intag (Ecuador), Asociación Jalisciense de Apoyo a los Grupos Indígenas (AJAGI. Jalisco, México), Agrupaçom Cultural O Facho, Colectivo Ecoloxista Luita Verde, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Colectivo Ecoloxista do Salnés, Ecologistas en Acción, Xuventudes Socialistas de Galicia e Departamento Justicia, Paz y Salvaguarda de la Creación (Obispado Copiapó, Chile).

A manifestación partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá rúas compostelás como a Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Hórreo, Toural ou o Vilar, para rematar na praza da Quintana. Alí, representantes das organizacións e colectivos que integran ContraMINAcción ou que loitan contra este tipo de proxectos sen necesidade de pertencer a esta plataforma, lerán un manifesto coral co que tentarán sensibilizar á sociedade galega desta ameaza global que afecta ao país enteiro.

maio 24, 2013

A A.C. ALMUINHA DENUNCIA A NEFASTA XESTIÓN DAS SUBVENCIÓNS CULTURAIS NO CONCELLO DE MARÍN


A.C. Almuinha leva traballando máis de cinco anos a prol da defensa da lingua e cultura galega na nosa vila. Tan só en 2008 foi beneficiaria dunha subvención, xa que as de 2009 ficaron sen resolver, no 2010 e 2011 non se convocaron axudas públicas (senón “individuais” para actos concretos), as de 2012 están sen resolver e as de 2013 sen convocar (o PP antes tiña a escusa de que “acababan de chegar ao goberno local”, mais agora, despois de 2 anos á fronte do Concello, cal é a escusa?).

O pasado 12 de marzo de 2012 o Concello de Marín publica no BOP unha convocatoria de axudas ás asociacions culturais. Almuinha presenta a súa solicitude o 23 dese mesmo mes.

O pasado 26 de febreiro de 2013 (case 1 ano despois), a concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, convocou ás entidades beneficiarias para comunicar a resolución das mesmas. A convocatoria fíxose por teléfono do día 25 para o 26, sen ningún tipo de comunicación escrita previa. Afirmaron facelo con esa celeridade co obxecto de “axilizar ao máximo os trámites”.

Apesares de que nas bases da convocatoria, no seu artigo 9 indícase que “O pagamento tramitarase no prazo de dous meses unha vez rematadas as actividades (31/12/2012)”, e apesares das declaracións á prensa da concelleira de Cultura acerca do “máximo respeto ao procedemento establecido nas bases”, a día de hoxe seguimos sen cobrar as axudas (3 meses depois da urxentísima reunión e para que logo teñan a “obxectividade” de puntuarnos con 3 ptos sobre 5 en capacidade de autofinanciación. Se agardásemos polas axudas, non teríamos disfrutado cada ano da Festa da Lingua ou da Romería da Patria, p.e.).

Como se aínda non fose o suficientemente grave a situación para as asociacións culturais que non recibimos axudas “individuais” para actos concretos, que estamos sen ningunha axuda dende o 2008, a non resolución da convocatoria 2012, supón ademais que o Concello non convocou nen poderá convocar a liña de axudas 2013.

Sen embargo, o Concello continua a colaborar con “axudas individuais” para actos concretos a distintas asociacións e entidades “amigas”, sen que existan ou coñezamos cales son os criterios de adxudicación, o procedemento de solicitude, se se teñen en conta para a concesión das axudas públicas anuais (“regulares”)..., apesares de ter solicitado información en varias ocasións.

ESIXIMOS QUE SE REMATE DUNHA VEZ COA CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS CULTURAIS 2012, E SE SIGA UN PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DAS AXUDAS INDIVIDUAIS PARA ACTIVIDADES CONCRETAS TRANSPARENTE, OBXECTIVO E CLARO.

maio 16, 2013

Apoio à manifestaçom em defesa do galego



A A.C. Almuinha quer manifestar publicamente o apoio da nossa associaçom à manifestaçom em defesa do galego convocada o vindeiro dia 17 de maio com motivo do Dia das Letras Galegas, e que percorrerá as ruas de Compostela a partir das 12:00h desde a Alameda.

A nossa associaçom vem de celebrar a VI Festa da Língua esta passada fim de semana, na que amais de gozar dum dia de festa reivindicamos o direito a viver com normalidade em galego na nossa própria terra. Desta volta, e com os mesmos motivos, queremos animar à cidadania marinense a participar massivamente nesta convocatória festiva e reivindicativa.

Por desgraça, a situaçom do galego é dramática, cumha perda constante de falantes como consequência da imposiçom dumha língua foránea (própria de Castela). Se bem esta imposiçom do castelám começou hai vários séculos, nas últimas décadas está a ser tremendamente efectiva, devida a vários factores como som a imposiçom via legislaçom (proibiçom explícita do uso do galego em muitos âmbitos), a escola, os meios de comunicaçom, difusom de imagens negativas d@s falantes e dos âmbitos galegofalantes...

Como galegos, e se de verdade queremos a nossa língua, compre passar das palavras ao factos, compre comprometer-se os 365 dias do ano na defesa da nossa língua, apostar por ela, porque é a nossa, porque com ela estamos no mundo com identidade própria.

Este 17 de maio... tod@s a Compostela!!!

maio 06, 2013

VI Festa da Língua e I Foliada da Almuinha !

Um ano mais, e já vam 6, voltamos à rua pra festejar o Dia das Letras Galegas, pra celevrar que temos umha lingua da que estarmos orgulhosos, que nos identifica como povo e que nos permite comunicar-nos com mais de 250 milhons de pessoas do mundo lusófono. Mas também é um dia pra reivindicar os direitos das pessoas galegofalantes e da nossa lingua na nossa própria terra.

E saimos à rua conscientes da inutilidade mais absoluta de festejar um dia ou um mês ao ano, se estas celevraçons nom vam acompanhadas dum firme compromisso com a lingua ao longo de todo o ano. A nossa lingua atópa-se numha dificilísima situaçom que precisa, nom dum dia ao ano, senom dum compromisso permanente os 365 dias do ano.

Desde a A.C. Almuinha sempre quixemos fazer deste dia umha Festa participativa da cidadania. Nesta VI Festa da Lingua queremos Mais Festa e Mais Participativa, por isso cambiamos as actividades, que durante estes 5 anos tinham lugar desde a manhá, para a tarde-noite e organizamos a I Foliada da Festa da Lingua.

As actividades comezarám a partir das 18:00h na Alameda Rosalía de Castro com actividades para os/as mais pequenos/as. A partir das 20:00 h as actividades serám no Multiusos de Marim, onde entre outras actividades haverá apresentaçons de livros, ceia com favada (moi económica), espectáculo com lume e a I Foliada da Festa da Lingua a partir das 21:30h, estando as pessoas que participem da Foliada convidadas a cear!


Ao longo de toda a jornada haverá umha mesa com informaçom da Campanha "Galeguiza o teu nome e apelidos". E por último, aproveitamos para informar de que com a Festa da Lingua damos por rematada a Campanha "Em galego todo é possível", que vimos levando a cabo durante todo este ano 2013, deixando passo a campanhas mais concretas como a da galeguizaçom dos nomes e apelidos e outras que virám.

Vémo-nos na VI Festa da Lingua!!!

Em galego todo é possível!!

PROGRAMA VI FESTA DA LINGUA A.C.ALMUINHA

ALAMEDA "ROSALÍA DE CASTRO" - 18:00h.

- Contacontos "Codia e Miolo"
- Monicreques A.C. Almuinha
- Livros Viageiros

MULTIUSOS - 20:00h.

- 20:00h: Apresentaçom Livros:
* Ugio Outeiro "Mordida"
* Séchu Sende "Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas"
- 21:30h: I Foliada da Festa da Lingua (César Loureiro, Os Chaneiros, O Abeiro, Son de quen son...)
- Ceia (favada)
- Queimada
- Espectáculo com Lume "Laura Naveira"

maio 02, 2013

Campanha pola galeguizaçom dos nomes e apelidos

Desde a A.C. Almuinha informamos que damos comezo á segunda fase da nosa Campaña Pola Lingua cunha “Campaña Pola Galeguización dos Nomes e Apelidos”.

Desde o pasado mes de xaneiro estamos levando a cabo unha Campaña Pola Lingua baixo o título "Em galego todo é possível", dirixida a toda a cidadanía, coa que pretendemos conseguir unha maior sensibilización en relación coa nosa lingua, e que rematará o vindeiro 11 de maio coincidindo coa VI Festa da Lingua. Durante estes meses colocamos un cento de cartaces, uns 200 panfletos, 8 pancartas, tiramos 500 pegatinas, organizamos no V Aniversário da A.C. Almuinha un Acto Pola Lingua, levamos a cabo unha actividade de difusión da poesía escrita en galego ao longo dos séculos (desde o primeiro texto do que se ten constáncia no S. XII até a actualidade).

Como informaramos en xaneiro no comezo da campaña “Em galego todo é possível”, esta era unha primeira fase dun proxecto moito máis amplo e ambicioso, que tería continuidade con campañas máis específicas e concretas, co obxectivo final de avanzar na implantación social do galego en Marín.

 Con esta Campaña pola Galeguización dos Nomes e Apelidos damos comezo, pois, a esta segunda fase da nosa Campaña Pola Lingua. Esta campaña centrarase en publicitar a posibilidade de galeguizar os nosos nomes e apelidos. Debido á dependencia da Galiza, moitos dos nomes galegos –tanto de poboacións como de persoas– viviron un proceso de deturpación e asimilación ao español. O derrogado artigo 54 da Lei do Rexistro Civil, do ano 1957, obrigaba a que os nomes se rexistrasen en español. Os nomes foron substituíndose aos poucos por outros en español e os apelidos, sobre todo aqueles que maior marca de galeguidade posuían, foron tamén deturpándose mesmo até acabaren nun auténtico castrapo.

Compre recuperarmos os nosos nomes e apelidos! O vindeiro Sábado 11 de maio, coincidindo coa VI Festa da Lingua, teremos unha mesa con información en relación cos pasos a seguir para galeguizar o nome e os apelidos. Desde a A.C. Almuinha queremos animar á cidadanía a que dea o paso, que por outra banda é ben sinxelo, así como informar de que ofreceremos toda a información necesaria e asesoramento ante as dúbidas que poidan existir á hora de facer os cambios de nome e/ou apelidos.