maio 29, 2013

Manifestación Nacional contra a Minaría Salvaxe

ContraMINAcción chama á cidadanía galega a apoiar a manifestación do 2 de xuño para defender o noso país da minaría salvaxe

O colectivo ContraMINAcción
chama a toda a cidadanía galega a apoiar masivamente a manifestación que se celebrará este domingo, 2 de xuño, en Santiago de Compostela, para obrigar á Xunta de Galiza a escoitar un sentir maioritario que se opón ao acaparamento e destrución de amplas zonas do noso territorio a mans da industria mineira.

ContraMINAcción fai este chamamento porque ao amplo historial destrutivo da minaría no noso país, que contou sempre coa conivencia dos poderes públicos, quérense sumar agora ducias de novos proxectos que ameazan con arrasar -coa posta en marcha de explotacións altamente contaminantes e a ceo aberto- comarcas como A Barcala, A Fonsagrada, A Limia, Ancares, Baixo Miño, Bergantiños, Celanova, Compostela, O Eume, Ordes, O Ribeiro, Terra Chá, Terra de Soneira, Vigo ou Xallas.

Os novos proxectos mineiros que pretende autorizar a Xunta en Baleira, Baralla, Becerreá, Castrelo de Miño, Corcoesto, Frades, Fragas do Eume, Mesía, O Pino, Oroso, Santa Comba, Santiago, Serra de Fontecuberta, Serra do Galiñeiro, Trasmiras, Xinzo ou Zas, destruirán espazos protexidos de incalculable valor ecolóxico, esquilmarán a terra da que viven miles de labregos e labregas e obrigarán ao exilio forzoso a todas aquelas persoas que tiveron a mala sorte de ter os seus fogares sobre recursos mineiros de dubidosa utilidade pública e cos que certas empresas queren especular para o seu único e exclusivo lucro privado.

Dende ContraMINAcción queremos expresar o noso máis sincero agradecemento aos apoios recibidos dende a sociedade civil, a través das adhesións de máis de medio cento de organizacións e colectivos de Galiza, do Estado Español e de América Latina que detallamos a continuación: Agrupaçom de Montanha Augas Limpas, Asociación Naturalista de Defensa Ambiental Ribeiras do Miño, Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo, Associação Socio-Cultural O Iríbio, Comisión contra as Minas da Terra Chá, Contramínate de Laxe, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma pola Defensa do Galiñeiro, Plataforma Veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Santa Comba Viva, Sindicato Labrego Galego, SOS Groba, Verdegaia, Galiza Non Se Vende (GNSV), FEG - Federación Ecoloxista Galega, Galiza Nova, NÓS-UP, Partido da Terra, Espazo Ecosocialista Galego, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Anova Irmandade Nacionalista, Associaçom Cultural Revira de Pontevedra, Confederación Intersindical Galega (CIG), A.C. Caldeirón de Malpica, Asociación Monte Pindo Parque Natural, Federación Rural Galega (FRUGA), Centro social Mádia Leva!, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Plataforma Oro No (Tapia de Casariego), Centro Social Fuscalho (Baixo Minho), Fur Alle Falle, Rural C, Espazo Agroecolóxico A Estruga (Viveiro-Lugo), Fronte Cívica Somos Maioría da provincia de A Coruña, Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes "Verbo Xido", A.C. Almuinha de Marim, C.S. Gomes Gaioso, Asociación Cultural FUCO BUXÁN, Asociación Cultural Fillos de Galicia, Frente Popular Galega (FPG), Grupo Ecoloxista ADENCO. Asociación para a Defensa da Natureza do Condado, Plataforma cidadá Proxecto Cárcere, Compromiso por Galicia (CxG), A.C. Almuinha de Marim, CNT de Betanzos, Noalamina Esquel (Arxentina), Asociación Veciñal de Esteiro-Ferrol, Asociación Pola Defensa da Ría (APDR, Pontevedra), Asociación Ecologista Arco Iris, Amigos da Terra, Radio Ucamara en Nauta (Loreto, Perú), Cooperativa Agricultura Ecoloxica Raínha Lupa (Quilmas), Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ENTREPOBOS/ENTREPUEBLOS/ENTREPOBLES/HERRIARTE, Plataforma de Seguimiento de las Industrias Extractivas (PSIE), Movimiento No a la Mina (Argentina) - Asamblea Buenos Aires No a la Mina, El Observatorio Latinoamericano de Conflictos Ambientales OLCA (Chile), Xuventude Comunista, Observatorio de Conflictos Mineros en América Latina OCMAL (40 organizacións:
http://www.conflictosmineros.net/quienessomos/), Acción Ecológica de Ecuador, Defensa y Conservacion Ecológica de Intag (Ecuador), Asociación Jalisciense de Apoyo a los Grupos Indígenas (AJAGI. Jalisco, México), Agrupaçom Cultural O Facho, Colectivo Ecoloxista Luita Verde, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Bloque Nacionalista Galego (BNG), Colectivo Ecoloxista do Salnés, Ecologistas en Acción, Xuventudes Socialistas de Galicia e Departamento Justicia, Paz y Salvaguarda de la Creación (Obispado Copiapó, Chile).

A manifestación partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá rúas compostelás como a Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Hórreo, Toural ou o Vilar, para rematar na praza da Quintana. Alí, representantes das organizacións e colectivos que integran ContraMINAcción ou que loitan contra este tipo de proxectos sen necesidade de pertencer a esta plataforma, lerán un manifesto coral co que tentarán sensibilizar á sociedade galega desta ameaza global que afecta ao país enteiro.

Sem comentários: