julho 29, 2011

Homenagem a Xan Montenegro

Cartaz do acto de homenagem a Xan Montenegro


Hoje, sexta feira (venres) dia 29 de Julho terá lugar umha homennagem a Xan Montenegro, nacionalista galego de Marim, que ademais da sua actividade em prol da nossa cultura e a sua actividade política nacionalista tem particiapado e colaborado en numerosas actividades da nossa associaçom nos mais de três anos que levamos de andaina.


Queremos manifestar o nosso pesar polo seu falecimento e a nossa grata lembrança desta pessoa boa e generosa, que som as que fam que ainda conservemos a esperança de umha Galiza melhor.

Convidamos a todas e todos a participardes do acto que terá lugar esta tarde na Granja de Briz.

julho 24, 2011

Crónica da romaría polo Día da Patria

Arredor de 35 persoas participaron este sábado 23 de xullo na romaría polo Día da Patria que organizamos a A.C. Almuinha coa A.C. Revira de Pontevedra.
As condicións climáticas marcaron o ritmo dunha xornada que se presentaba repleta de actividades mais que houbo que suspender polo perigo para os e as participantes.
O forte vento do norte sempre presente fixo que xa no venres 22 se tomara a decisión, por parte dos monitores do Clube de parapente do Morrazo, de suspender a saída en parapente polos Montes do Morrazo para a que xa se inscribiran 6 persoas.
Tamén o vento e un mar moi picado pola mañá fixo que após unha primeira saída en dorna á ría os membros do Grupo Cultural o Ronsel decidirán polo evidente perigo para os e as participantes suspender as restantes saídas ficando en terra e sen disfrutar do mar un grupo numeroso de persoas.
O que o tempo non puido impedir a pesares da calor foi que máis de 20 persoas fixeran en dúas quendas o roteiro por parte da costa marinense, puidendo gozar coas fermosas vistas da ría e os cantís..
Con algo de retraso, ás 14:30, deu comezo o xantar na casa de Cultura de Seixo onde a xente alén de comer, disfrutou dunha agradábel conversa até as 18h para a seguir ir darse uns baños a unha ateigada de xente praia de Aguete.
Queremos agradecer especialmente desde a nosa asociación a desinteresada colaboración do grupo cultural o Ronsel que recentemente perdeu a un dos seus socios, Xan Montenegro, que ten partipado en edicións anteriores da romería que organiza a A.C. Almuinha polo Día da Patria.

julho 22, 2011

Manifesto conjunto da A.C. Almuinha e a Revira polo Dia da Pátria

As associaçons culturais abaixo assinantes desejamos fazer pública a nossa posiçom sobre a situaçom da Galiza na altura de um novo Dia da Pátria.

MANIFESTO POLO DIA DA PÁTRIA 2011

As associaçons culturais abaixo assinantes desejamos fazer pública a nossa posiçom sobre a situaçom da Galiza na altura de um novo Dia da Pátria.

Mais um ano a Galiza segue a ver negados os seus direitos colectivos como povo, como naçom e isto impossibilita também que as galegas e galegos podamos exercer plenamente os nossos direitos como cidadàs e cidadaos de um pais livre e democrático.

É absolutamente imprescindível para garartirmos um futuro viável a consecuçom do respeito ao nosso direito à autodeterminaçom nacional. O respeito à capacidade de decissom do Povo Galego para que poda reger os seus destinos sem ingeréncias estrangeiras.

A nossa liberdade nacional será a condiçom sine qua non poderemos defender os nossos interesses como povo e como trabalhadoras/es. Ante a involuiçom social, que a oligarquia espanhola e os seus esbirros galegos, como agentes do terrorífico neoliberalismo imperialista global, que provoca a perda dos direitos sociais conqueridos com muitos esforços no último século, o desartelhamento dos serviços públicos essenciais e o freio às reivindicaçons das naçons sem estado, só podemos agir de jeito eficaz na percura da nossa soberania nacional. Outros vieiros que percuram a reforma do Estado espanhol e o aperfeiçoamento do modelo estatutário para o nosso Pais têm fracassado rotundamente.

A teima no estatutismo é um grave erro. O estatuto de autonomia nom resolveu os nossos problemas durante as suas três décadas de vigência. Desde o século XV, o “estado espanhol” experimentou diversos modelos políticos e transformaçons, mas baixo nenhum desses regimes lhe foi permitido a Galiza optar polo exercício da sua liberdade.

O estatuto de autonomia nom nos serve. Nem o vigorante nem o que poda emanar de umha reforma pactuada entre forças alheias á Galiza. É um engado, um querer postergar o inevitável: que a cada povo lhe corresponde poder exercitar a sua soberania nacional.

Denunciamos também as políticas contra a economía, o meio ambiente e a cultura e contra a classe trabalhdora da Galiza que perpetram os governos da Junta de Galiza e o governo espanhol.

Ademais nom queremos esquecer neste 25J ao Povo irmao de Portugal e outros como a Grécia, Irlanda, etc que estám a atravessar por umha muito crítica situaçom económica e social a causa dos extertores de um poder económico que, ante a grave crise financeira no próprio cerne do sistema capitalista, opta por esmagar aos mais febles para ver de sobreviver, chuchando os poucos recursos que lhe quedam aos trabalhadores/as e aos povos mais pobres. Solidarizamo-nos assimesmo com às naçons sem estado como o Saara, Palastina, Kurdistam, Euskal Herria, Paises Catalans, Bretanha, Escócia, Gales, Córsega, etc, que ademais da nossa percuram a sua liberdade.

Convidamos a todas e todos os que sintem no seu coraçom a Galiza a participar no actos convocados por parte das distintas associaçons e organizaçons nesta data de festa e reivindicaçom.

A. C. REVIRA DE PONTE VEDRA – A. C. ALMUINHA DE MARIM

julho 20, 2011

Programación para a IV romaría día da patria o sábado 23

Tal como informamos neste blogue con anterioridade este sábado 23 de xullo a A.C. Almuinha e a A.C. Revira organizamos a IV Romaría polo Día da Patria en Marín. O programa de actividade é o seguinte:



10h. Saída en embarcacións tradicionais. A saída nas embarcacións tradicionais do Grupo Cultural o Ronsel, que un ano máis nos presta a súa axuda para esta actividade, terá lugar desde o porto de Aguete. Haberá varias quendas saíndo tamén as embarcacións pola tarde despois do xantar.



10h. Roteiro Aguete Illa do Santo pola costa. O roteiro que sairá desde o porto de Aguete pasará por detrás do Montecelo, polo núcleo costeiro de Loira coa súa fermosa praia para a seguir adentrarnos nun camiño que transcorre polo monte da Cova que nos permitirá ver a costa e uns fermosos cantís até chegar á praia da Ribeira e do Santo onde enfrente se atopa a Illa do Santo do Mar tamén coñecida como San Clemente. Polo camiño tamén poderemos observar os graves efectos do incendio no monte da Cova ocorrido o verán pasado.


10h. Saída en parapente. Desde Chan de Arquiña (máis concretamente desde Pedras Negras) haberá varias quendas para voar en parapente, a aterraxe será en Santa Cristina de Cobres e o custe da actividade será de 40€ por persoa. As persoas que participen recibirán antes de voar unha pequena explicación por parte dos monitores sobre o manexo do parapente. Aínda que a saída é en biprazas cun monitor se as condicións de vento o permiten os e as participantes poderán manexar o parapente.



14h. Xantar popular. Despois das actividades da mañá haberá un xantar a base de churrasco, ensalada rusa, café, licor café ou alternativa vexetariana. Para asistir ao xantar que custa 10€ é necesario reservar con anterioridade no correo a.c.almuinha@gmail.com ou ben chamando ao teléfono 606595310.

julho 15, 2011

Fóra monarquía e exercito español da Galiza

A A.C. Almuinha quere facer público o seu rexeitamento á visita de calquera dos membros da familia real española o vindeiro sábado 16 á Escola Naval Militar de Marín para o acto da entrega de despachos aos guardamarinas coñecidos popularmente en Marín como capullos.

Rexeitamos esta visita e a institución que representa a monarquía por nos parecer unha figura a do rei máis propia de séculos pasados que dunha democracia do século XXI que se autodenomine como tal mais tendo en conta a historia recente. Unha persoa que saltou ao seu pai na liña de sucesión ao trono, que foi educado por un fascista coma Franco, que xurou os principios do movemento e vai polo mundo dicíndolle a presidentes democraticamente elexidos que calen a boca non nos parece a persoa máis acaida para exercer a xefatura de ningún estado. Estado ademais coma o español que nega o dereito dos pobos que o integran, entre eles o galego, o dereito democrático máis básico de calquera pobo a decidir libremente o seu futuro.

Rexeitamos á figura do rei ademais de polos motivos ideolóxicos máis evidentes e repetidos en contra desta e de calquera outra monarquía tamén por motivos económicos porque nun momento de crise como o actual consideramos unha indecencia manter a unha persoa non elexida por ninguén e a toda a súa familia co noso suor simplesmente por levar un apelido ao nacer.

Parécenos unha burla e indignante que os ingresos medios no ano 2009 (últimos datos coñecidos) dunha familia galega foran de 24.120€ (2010€ por mes) e que cada vez haxa máis familias en risco de pobreza mentres unha familia, a dos Borbóns, recibira no mesmo ano 2009 e no 2010 8,896.920€ e que a pesares da profunda crise e recortes sociais e laborais que está a sofrer toda a cidadanía neste 2011 recibiran este ano 8,434,280€ e cos gastos como conservación dos seus palacios, parque móbil e viaxes entre outros pagados cos nosos impostos.

A A.C. Almuinha é tamén unha asociación contraria ao militarismo declarándose pacifista e é por iso que rexeita a existencia de exercitos e xa que logo tamén a presenza por máis tempo da escola naval militar en Marín por ser un centro de entrenamento e instrución onde se prepara aos futuros mandos da armada española para ocupar e expoliar os recursos doutras nacións ademais de asegurar a integridade do estado español tal como di o artigo 8 da constitución española.

Tal como propúñamos no decálogo de propostas presentado en marzo aos distintos partidos que se presentaban ás eleccións municipais volvemos reiterar a nosa petición de que se comecen a dar pasos por parte do noso concello para o desmantelamento deste recinto militar que ocupa un amplo espazo do noso concello e que debería pasar a ser propiedade do pobo. Así como amosamos tamén o noso apoio aos veciños e veciñas de Salcedo que neste mes teñen comezado un xuízo en contra da base militar de Figueirido por usurpación dos terreos da comunidade de montes de Salcedo. Lembremos ademais que a propia base ao construír unha aldea afgana para adestrar combates e formas de destrución en Afganistán tamén destruiu a mámoa de Louredo catalogada por patrimonio.



julho 10, 2011

23 de xullo IV Romaría Día da Patria

O vindeiro 23 de xullo, por cuarto ano consecutivo desde o seu nacemento, a A.C. Almuinha conxuntamente coa asociación a Revira de Pontevedra organizan unha serie de actividades para celebrar de xeito anticipado o Día da Patria Galega.

Un ano máis coa colaboración do grupo cultural o Ronsel os e as asistentes poderán disfrutar dun paseo pola ría nas embarcacións tradionais coas que conta esta asociación. As saídas que serán organizadas por quendas segundo o número de persoas comezarán ás 10 da mañá desde o porto de Aguete. Haberá saídas tanto pola mañá como pola tarde para garantir que todas as persoas que así o desexen poidan disfrutar da magnifica oportunidade de navegar como o facían os nosos antepasados.

Tamén como en anos anteriores haberá un roteiro que sairá desde o porto de Aguete até a Illa do Santo pasando pola praia de Loira. Polo camiño os e as participantes poderán disfrutar dunhas magnificas vistas da ría e dos cantis da costa marinense. Tamén poderán comprobar as consecuencias do incendio intencionado no monte da Cova que houbo o verán pasado.

Cubertos o mar e a terra este ano na A.C. Almuinha tamén nos propuxemos conquistar o ar, así o propio sábado 23 ás 10 da mañá hai organizada unha saída en parapente que conta coa colaboración da asociación Parapente Morrazo e que ten un custe de 55€ por persoa. A saída será desde Chan de Arquiña, máis concretamente de Pedras Negras, lugar onde a Xunta pretende instalar un parque eólico para Enel Power Green que terá un grande impacto tanto visual como ecolóxico nun espazo protexido como son os Montes do Morrazo.

Despois de tanta actividade é preciso parar para repor as enerxías necesarias para continuar pola tarde e para iso haberá un xantar a base de churrasco, ensaladiña, sobremesa, café e licores ou menú vexetariano por 10€. Para participar no xantar ou na saída en parapente será preciso reservar con antelación pasando polo local social co que conta Almuinha na rúa Rosalía de Castro nº 46 ou ben enviando unha mensaxe ao correo a.c.almuinha@gmail.com ou chamando ao 606595310.

julho 06, 2011

PP começa a despreçar a nossa língua

No passado mes de março a A.C. Almuinha remitia a todos os partidos que se apresentavam às eleiçons um decálogo com umha serie de medidas que na nossa associaçom consideravamos importantes. Entre as nossas propostas atopavam-se umha série de medidas em relaçom ao galego e ao seu uso por parte do concelho.

Pasado já quase um mes desde a toma de posessom do novo governo municipal do PP queremos manifestar a nossa grande preocupaçom com o rumo que começa a tomar o governo a respeito do galego o que nos fai pensar que os vindeiros anos ham ser muito duros para acadar a plena normalizaçom da nossa lingua.

A difícil situaçom na que se atopa o galego no nosso país nom a vamos descubrir nem anunciar nós; som muitos os informes e estudos que reflictem este facto obxectivo, realizados por entidades como o Conselho da Cultura Galega ou a Real Academia da Língua entre outras, que coincidem em revelar umha constante perda de falantes ano tras ano. Mas em Marim nom precisamos nem tam sequera ir à procura destes informes e estudos, que a través dos frios números amosam umha realidade dramática. Tam só fai falha dar um passeio polos parques infantís ou colegios da nossa vila e contar o número de nenos/as que empregam a nossa lingua.

Mas esta situaçom nom parece afectar nem preocupar a um sector, minoritário mas poderoso, da nossa sociedade, que ancorado em posturas de tempos passados, nos que se via ao galego como umha língua de atrasso e pobreça, continua olhando para outra parte mentres o tempo continúa realizando a desfeita, ou directamente se implica na sua subordinaçom com respeito ao castelám ou incluso nalguns casos minoritários apostando diretamente pola sua eliminaçom.

Neste pequeno espaço de tempo já tivemos a oportunidade de ver como no pleno de toma de posessom, tam só um dos membros do governo local empregou a lingua galega, mentres os outros 7 o faziam em castelám, incumprindo assim a legislaçom vigente no que se refire ao uso da lingua galega polos cárregos eleitos (Estatuto da Galiza; Lei 3/83, de Normalizaçom Lingüística, que no seu artigo 6.3 estabelece que "Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.", e no artigo 25 "O Goberno galego e as Corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras."; Lei 5/1998, do uso do galego como língua oficial polas entidades locais; e ainda os acordos plenários do Parlamento Galego, já com o PP no governo galego, em julho de 2009 e fevereiro de 2010), e o que é peor, amossando qual é a sensibilidade do novo governo municipal em quanto à lingua, e o que nos agarda.

Mas nom é o único caso, posto que estes dias podemos ver polas ruas de Marim um cartaz no que se anuncia a realizaçom dum torneio de futebol-7 e no que colabora o "Ayuntamiento de Marín". Menos mal que o nome da nossa vila nom admite traduçom ao castelám, porque nom duvidamos que sería recolhido e usado polo governo municipal.

Dias antes das eleiçons municipais puidemos ver a actual alcaldesa num acto de Queremos Galego. Nom imos entrar em valoraçons de se a sua presença em tal acto implicava um apoio explícito à Plataforma Queremos Galego, respostava a motivos eleitorais ou simplesmente era umha mostra de apoio à nossa lingua. Mas em qualquer caso o galego nom se apoia com fotos ou declaraçons, apoia-se com factos, e os factos falam por si sós. Como era de agardar, nom há que se engañar nem enganar a ninguém, o novo governo local constitúe, por acçom ou omissom, a brigada local de extermínio do galego de Núñez Feijoo.

Desde a A.C. Almuinha queremos manifestar que vamos estar alerta no referido ao uso do galego por parte do novo governo municipal. Com estas atitudes estamos voltando a um estadio anterior, preautonómico, umha volta atrás completamente inasumível. Os/As representantes d@s cidadáns tenhem a obriga legal e moral de defender a nossa cultura, e polo tanto a nossa lingua, e nom de destrui-la. Desde Almuinha preguntamo-nos, à luz destes factos, quais vam ser as medidas de promoçom e defessa da nossa lingua que vai aplicar o novo governo do PP?