A A.C. Almuinha quere facer público o seu rexeitamento á visita de calquera dos membros da familia real española o vindeiro sábado 16 á Escola Naval Militar de Marín para o acto da entrega de despachos aos guardamarinas coñecidos popularmente en Marín como capullos.
Rexeitamos esta visita e a institución que representa a monarquía por nos parecer unha figura a do rei máis propia de séculos pasados que dunha democracia do século XXI que se autodenomine como tal mais tendo en conta a historia recente. Unha persoa que saltou ao seu pai na liña de sucesión ao trono, que foi educado por un fascista coma Franco, que xurou os principios do movemento e vai polo mundo dicíndolle a presidentes democraticamente elexidos que calen a boca non nos parece a persoa máis acaida para exercer a xefatura de ningún estado. Estado ademais coma o español que nega o dereito dos pobos que o integran, entre eles o galego, o dereito democrático máis básico de calquera pobo a decidir libremente o seu futuro.
Rexeitamos á figura do rei ademais de polos motivos ideolóxicos máis evidentes e repetidos en contra desta e de calquera outra monarquía tamén por motivos económicos porque nun momento de crise como o actual consideramos unha indecencia manter a unha persoa non elexida por ninguén e a toda a súa familia co noso suor simplesmente por levar un apelido ao nacer.
Parécenos unha burla e indignante que os ingresos medios no ano 2009 (últimos datos coñecidos) dunha familia galega foran de 24.120€ (2010€ por mes) e que cada vez haxa máis familias en risco de pobreza mentres unha familia, a dos Borbóns, recibira no mesmo ano 2009 e no 2010 8,896.920€ e que a pesares da profunda crise e recortes sociais e laborais que está a sofrer toda a cidadanía neste 2011 recibiran este ano 8,434,280€ e cos gastos como conservación dos seus palacios, parque móbil e viaxes entre outros pagados cos nosos impostos.
A A.C. Almuinha é tamén unha asociación contraria ao militarismo declarándose pacifista e é por iso que rexeita a existencia de exercitos e xa que logo tamén a presenza por máis tempo da escola naval militar en Marín por ser un centro de entrenamento e instrución onde se prepara aos futuros mandos da armada española para ocupar e expoliar os recursos doutras nacións ademais de asegurar a integridade do estado español tal como di o artigo 8 da constitución española.
Tal como propúñamos no decálogo de propostas presentado en marzo aos distintos partidos que se presentaban ás eleccións municipais volvemos reiterar a nosa petición de que se comecen a dar pasos por parte do noso concello para o desmantelamento deste recinto militar que ocupa un amplo espazo do noso concello e que debería pasar a ser propiedade do pobo. Así como amosamos tamén o noso apoio aos veciños e veciñas de Salcedo que neste mes teñen comezado un xuízo en contra da base militar de Figueirido por usurpación dos terreos da comunidade de montes de Salcedo. Lembremos ademais que a propia base ao construír unha aldea afgana para adestrar combates e formas de destrución en Afganistán tamén destruiu a mámoa de Louredo catalogada por patrimonio.
Sem comentários:
Enviar um comentário