Arredor de 35 persoas participaron este sábado 23 de xullo na romaría polo Día da Patria que organizamos a A.C. Almuinha coa A.C. Revira de Pontevedra.
As condicións climáticas marcaron o ritmo dunha xornada que se presentaba repleta de actividades mais que houbo que suspender polo perigo para os e as participantes.
O forte vento do norte sempre presente fixo que xa no venres 22 se tomara a decisión, por parte dos monitores do Clube de parapente do Morrazo, de suspender a saída en parapente polos Montes do Morrazo para a que xa se inscribiran 6 persoas.
Tamén o vento e un mar moi picado pola mañá fixo que após unha primeira saída en dorna á ría os membros do Grupo Cultural o Ronsel decidirán polo evidente perigo para os e as participantes suspender as restantes saídas ficando en terra e sen disfrutar do mar un grupo numeroso de persoas.
O que o tempo non puido impedir a pesares da calor foi que máis de 20 persoas fixeran en dúas quendas o roteiro por parte da costa marinense, puidendo gozar coas fermosas vistas da ría e os cantís..
Con algo de retraso, ás 14:30, deu comezo o xantar na casa de Cultura de Seixo onde a xente alén de comer, disfrutou dunha agradábel conversa até as 18h para a seguir ir darse uns baños a unha ateigada de xente praia de Aguete.
Queremos agradecer especialmente desde a nosa asociación a desinteresada colaboración do grupo cultural o Ronsel que recentemente perdeu a un dos seus socios, Xan Montenegro, que ten partipado en edicións anteriores da romería que organiza a A.C. Almuinha polo Día da Patria.
Sem comentários:
Enviar um comentário