O vindeiro 23 de xullo, por cuarto ano consecutivo desde o seu nacemento, a A.C. Almuinha conxuntamente coa asociación a Revira de Pontevedra organizan unha serie de actividades para celebrar de xeito anticipado o Día da Patria Galega.
Un ano máis coa colaboración do grupo cultural o Ronsel os e as asistentes poderán disfrutar dun paseo pola ría nas embarcacións tradionais coas que conta esta asociación. As saídas que serán organizadas por quendas segundo o número de persoas comezarán ás 10 da mañá desde o porto de Aguete. Haberá saídas tanto pola mañá como pola tarde para garantir que todas as persoas que así o desexen poidan disfrutar da magnifica oportunidade de navegar como o facían os nosos antepasados.
Tamén como en anos anteriores haberá un roteiro que sairá desde o porto de Aguete até a Illa do Santo pasando pola praia de Loira. Polo camiño os e as participantes poderán disfrutar dunhas magnificas vistas da ría e dos cantis da costa marinense. Tamén poderán comprobar as consecuencias do incendio intencionado no monte da Cova que houbo o verán pasado.
Cubertos o mar e a terra este ano na A.C. Almuinha tamén nos propuxemos conquistar o ar, así o propio sábado 23 ás 10 da mañá hai organizada unha saída en parapente que conta coa colaboración da asociación Parapente Morrazo e que ten un custe de 55€ por persoa. A saída será desde Chan de Arquiña, máis concretamente de Pedras Negras, lugar onde a Xunta pretende instalar un parque eólico para Enel Power Green que terá un grande impacto tanto visual como ecolóxico nun espazo protexido como son os Montes do Morrazo.
Despois de tanta actividade é preciso parar para repor as enerxías necesarias para continuar pola tarde e para iso haberá un xantar a base de churrasco, ensaladiña, sobremesa, café e licores ou menú vexetariano por 10€. Para participar no xantar ou na saída en parapente será preciso reservar con antelación pasando polo local social co que conta Almuinha na rúa Rosalía de Castro nº 46 ou ben enviando unha mensaxe ao correo a.c.almuinha@gmail.com ou chamando ao 606595310.
Sem comentários:
Enviar um comentário