março 09, 2012

Nota de prensa da Plataforma em Defensa dos Montes do Morrazo

Publicamos a nota de prensa enviada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo con motivo da alegación presentada, tamén pola nosa asociación, este luns día 5 de marzo ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza. Publicamos tamén a alegación presentada.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tal como xa dixera no seu momento presentou ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as súas alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia que preve construír até 2024 uns 42,7 millóns de metros cadrados repartidos en 119 novos polígonos que se virían sumar aos 19 millóns de metros cadrados dos 213 polígonos existentes en toda Galicia.

Dentro deste plan sectorial, aínda que con moi baixa puntuación, a Xunta inclúe dúas áreas empresariais, unha entre Marín e Moaña que, aínda ilocalizada, xuntaría os proxectos de polígonos da Pastoriza e da Cruz de Maceira, e outra entre Marín e Pontevedra, que collería parte da proposta do monte Pornedo do concello de Marín e grande parte dos terreos da Comunidade de Montes de Lourizán, no concello de Pontevedra. Ámbalas dúas áreas estarían dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN. SS e CC de Planeamento da provincia de Pontevedra, de especial protección forestal, de especial protección do patrimonio cultural, de augas e de infraestruturas. A Plataforma solicitou que os dous parques empresariais sexan retirados do Plan.

Estas dúas áreas recollidas neste plan sectorial non respostarían a unha demanda real como pon de manifesto que a propia Xunta e Xestur tomaran no 2010 a decisión de reducir á terceira parte o proxecto inicial de 1.500.000 de metros cadrados a recualificar (superficie análoga á suma dos parques da Pastoriza e da Cruz da Maceira e que sería incluso superada engadíndolle a do Monte Pornedo-montes de Lourizán), entre os montes de Aldán e Beluso, do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en Castiñeiras, recoñecendo que non existía tal demanda empresarial e que a crise así o condicionaba.

Mais tamén e segundo os datos aparecidos na páxina web oficial de Xestur, unha das entidades que xestiona o solo industrial en Galicia, só na provincia de Pontevedra habería até un total de 1.463.566 metros cadrados dispoñíbeis para calquera empresa, que se sumarían aos miles de metros cadrados baleiros noutros polígonos xestionados por outras entidades e aquelas parcelas que a pesares de estar mercadas non teñen ningún tipo de instalación.

O espazo natural dos Montes do Morrazo, alén de funcionar como recurso das actividades forestais e agrogandeiras tradicionais, e das socioculturais e turísticas, constitúe o corredor ecolóxico natural e fundamental que serve para garantir a conectividade biolóxica da peninsula do Morrazo, conectando as áreas costeiras desde a Costa da Vela até os espazos interiores das terras de Pontevedra. Calquera actuación que non teña en conta a importancia deste corredor e sexa irrespectuosa co medio, como poden ser as dúas áreas empresariais proxectadas, fragmentaría a paisaxe e repercutiría gravemente na riqueza natural destes montes. Por iso desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo pedimos tamén a inclusión deste espazo dentro da ampliación da Rede Natura 2000.

Alén da grande riqueza natural que se vería afectada pola construción destas dúas áreas empresariais (carballeiras, bosque de ribeira, nacementos dos ríos da Fraga, Gorgadas-Loira, Louredo, bosques de repoboación forestal, monte comunal e privado) tamén hai que destacar que os Montes do Morrazo se caracteriza por ser un grande espazo onde existen múltiplos xacementos arqueolóxicos e onde as áreas de protección de elementos patrimoniais coma os xacementos do Calcolítico de Chan das Bolas e abrigos do Monte Agudelo, mámoa neolítica de Forno das Arcas e ruínas da Capela de San Lourenzo do século XVII se verían afectados polo parque empresarial de Marín-Moaña.

Ou o Complexo Rupestre do Pornedo (GA36026015), Petróglifos dos Sete Camiños (GA36026036), Mámoa de Chan da Lagoa, nº 1 (GA36038039) e Mámoa de Chan da Lagoa nº 2 (GA36038072), a Mámoa do Catadoiro (GA36038037), a Mámoa de Sete Camiños, en proceso de catalogación, e o Abrigo Rochoso de Catadoiro en proceso de catalogación (xa se avisou á D.X. de Patrimonio Cultural e nas próximas semanas enviarán a un técnico) que se poderían ver afectados pola plataforma loxística Marín-Pontevedra.

Esta grande riqueza arqueolóxica e patrimonial á que lle habería que sumar outros xacementos arqueolóxicos como o Conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro (GA36026015), Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buratos – Outeiro da Mina (GA36038023), Petróglifo da Cachada do Vello, que se daba por perdido e que foi recentemente encontrado, Petróglifo de Pumariño (GA36038024), Complexo Rupestre da Carrasca (GA36026013), Complexo Rupestre de Champás (GA36026014), Mámoa de Cavada do Pito (GA36058004), son as razóns que motivan a un grupo de máis de 20 colectivos sociais a apoiar e traballar na creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tamén apoia.

Tamén se verían afectados o sendeiro ecolóxico do Morrazo (GR-59), sendeiro do río da Fraga, sendeiro de Chans e sendeiro de bicis todo terreo do concello de Marín. E a Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas. Por último consideramos a actitude dos distintos partidos políticos a nivel local de Marín e Moaña como lamentábel, porque no seu afán localista e da man da especulación empresarial dentro dun modelo claramente insustentábel seguen insistindo, a pesares dos miles de metros cadrados baleiros noutros polígonos, en construír en solo protexido as súas áreas industriais.






Sem comentários: