dezembro 29, 2010

O apalpador volta polo nadal

Un ano máis, e da man da A.C. Almuinha, o apalpador percorrerá as rúas e prazas de Marín o vindeiro 31 de decembro a partir das 5 da tarde acompañado de música e caramelos para todos os nenos e nenas que se acheguen.

O Apalpador non é ningún invento desta asociación cultural senón a recuperación deste personaxe mítico do nadal galego. O ámbito xeográfico no que se recollen os seus testemuños orais é a zona da alta montaña luguesa, terras de Lóuzara, o Caurel e o Cebreiro. Porén, a presenza da lenda podería tamén abranguer Quiroga e os Ancares.

O Apalpador, apalpabarrigas ou pandigueiro nomes polos cales tamén é coñecido vive nas devesas adicado a facer carbón e caracterízase fisicamente polo seu grande tamaño, viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con bagas salvaxes e os porcos que caza no monte. No nadal baixa da súa escura morada para ir visitar os nenos e nenas galegase chega cando estes están durmidos, apálpalles a barriga para ver se están fartos ou se teñen fame. Se están cheos dilles “Así, así esteas todo o ano” e deixalles unha presa de castañas, se pola contra están famentos, fica calado e deixalle tamén unha manchea de castañas.

Mais os tempos mudaron e o noso Apalpador non pode ficar atrás por iso tamén pode facer agasallos, mais a diferenza doutras figuras do nadal son fabricados por el mesmo ou reciclados doutros nenos, fomentando valores como a solidariedade e a xenerosidade entre os máis novos.


3 comentários:

Anónimo disse...

Muitos parabéns, meus!
Assim é que se recuperam as nossas tradições!!

Anónimo disse...

Respectando sobremaneira o voso traballo en prol da cultura galega, a min isto do Apalpador paréceme unha andrómena. Que sexa tradicional nas montañas orientais non fai que sexa unha tradicion nosa, de Marín. E logo os reises, e os Manoeles, esas si son tradicións nosas e non o Apalpador por moi bonita que sexa. Ou é que agora porque nos Ancares fagan os diminutivos en in e non usen a gheada, nos temos que falar coma eles. Cantamosche os reises do Quiquiriquí, se non nos das nada caghámoshe aquí. E se queredes miña nai aínda lembra algún Manoel.

Unknown disse...

Este ano veño dende O Caurel a traervos un simpático vídeo cunha canción e un baile para darme a coñecer entre as crianzas http://youtu.be/JmAfI4ucKJc

Ademáis podedes descargar a canción de balde e atopar máis recursos para a aula na web www.oapalpador.tk


Boas festas!