novembro 24, 2010

Estrea de "A memoria da lingua" en Marín este venres 26 ás 20h

Este venres 26 de novembro ás 20h no Centro Social Almuinha estrearase en Marín o documental “A memoria da lingua”, realizado polo grupo As Candongas do Quirombo neste ano 2010.

As Candongas do Quirombo é un colectivo informal formado pola marinense Andrea Núñez, Xandra Santos, Lara Rozados, Laura Fernández e Raquel Rei, cinco mozas galegas que se xuntan baixo este nome para levar a cabo un proxecto de creación dun documental sobre a recuperación da memoria do galego e outras actividades de acción directa en torno ao noso idioma.

A memoria da lingua é un documental composto por 20 entrevistas a persoas de diferentes idades e condicións sociais que nos aproximan á memoria histórica da lingua galega. Este traballo achega unha nova perpectiva para ollar o galego e para sacar do esquecemento a situación de represión que viviu e vive a nosa lingua. A través da historia viva das súas protagonistas esta cinta amósanos a evolución social do galego e a percepción que os/as falantes tiveron e teñen dela, aproximándonos así ao pasado máis recente do idioma e tamén á súa situación actual.


Dende a A.C. Almuinha convidamos a todos/as os/as marinenses a ver este documental e a achegarnos as súas vivencias idiomáticas persoais e as súas opinións respecto á problemática que está a vivir na actualidade.

A memoria da lingua from as candongas do quirombo on Vimeo.



Sem comentários: