dezembro 14, 2015

A Igrexa de Marín, contra o galego



A A.C. Almuinha ven de enviar unha queixa, que xuntamos neste entrada, dirixida ao Arcebispo de Santiago de Compostela con motivo da negativa de dous párrocos de Marín a celebrar en galego a misa do aniversario do pasamento do Pai Paúl Francisco Carballo.

Mais tamén queremos aproveitar para manifestar o noso malestar ante a actitude manifestada no pasado Pleno municipal, celebrado o pasado mércores día 9 de decembro, pola Alcaldesa de Marín, e por extensión polo governo municipal do PP, ao tratar esta cuestión.

Ante a petición de que o Concello de Marín enviara unha queixa á Igrexa pola vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte importante da poboación, a Sra. Alcaldesa respostou cunha negativa alegando que só faltaría, que o Concello de Marín non ten potestade sobre a Igrexa.

Iso xa o sabemos todos/as, mais o Concello é a institución que nos representa a todos/as os/as marinenses, polo que cando os direitos de calquera veciño/a son vulnerados, como nesta ocasión, por suposto que ten o dereito e capacidade para enviar unha queixa a quen cometeu esa vulneración de dereitos.

Cremos que neste caso se manifesta con total claridade que as boas palabras manifestadas en moitas ocasións polo PP en canto á lingua galega non se corresponden coa realidade. A realidade é que desde o PP vese a cuestión do galego como unha cuestión secundaria, sen moita importancia, que os leva a apoiar algunha moción como as presentadas no pasado Pleno Municipal a prol da lingua, en outras moitas ocasións non, ou a asistir a algún acto a prol do galego, mais continúan amosando unha falta de sensibilidade cara a mesma que se manifesta nunha falta de compromiso real.


A/A ARCEBISPO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA, D. JULIÁN BARRIO BARRIO

A.C. Almuinha

EXPÓN
Que nos pasados días fomos testemuñas duns feitos absolutamente inaceptábeis na vila de Marín pola negativa de dous párrocos a celebrar en galego a misa do aniversario do pasamento do Pai Paúl Francisco Carballo, o que constitúe unha clara vulneración dos dereitos lingüísticos dunha parte moi importante da poboación galega.

Consideramos que a simple negativa constitúe unha falta de respecto tanto cara ás persoas solicitantes do oficio, como cara as que empregamos o galego na nosa vida cotiá, unha parte moi importante da poboación da Galiza e da nosa vila, como cara a memoria do Pai Paúl Francisco Carballo, firme defensor da lingua galega.

Mais o máis grave da cuestión foron as palabras e as formas empregadas para expresar tal negativa, amosando un desprezo absoluto pola lingua galega e as persoas galegofalantes que non se pode pasar por alto.

Desde a A.C. Almuinha celebramos que finalmente a misa vaia ter lugar atendendo aos desexos das persoas solicitantes e aos propios desexos do Pai Paúl Francisco Carballo, que estamos seguros irían neste sentido dada a súa traxectoria, pensamento e acción de firme compromiso coa lingua galega.

Mais aínda así queremos expresar a nosa queixa ante o comportamento inaceptábel dos dous párrocos, José Antonio Pedrosa (párroco de San Xulián) e Fernando Chacón (párroco de Santa María do Porto de Marín).

O galego é a lingua propia da Galiza, utilizada na nosa Terra desde hai máis de mil anos por moitas xeracións de galegos/as, é a maior obra criada polo pobo galego ao longo da historia e o noso maior patrimonio.

Nas últimas décadas estamos a asistir a un proceso de substitución do galego polo castelán, que está a ser moi efectivo pois está a conseguir reducir cada vez máis a presenza do galego en todos os ámbitos, e os últimos estudos sobre o uso do galego corroboran estas palabras, polo que cremos que só o compromiso de todos/as coa lingua pode garantir o seu futuro,

POLO QUE SOLICITA

1.- Que feitos como estes que denunciamos non se volten producir.

2.- Que a Igrexa adopte un papel positivo e activo cara a lingua galega, favorábel ao proceso de normalización do galego, e que aporte o seu graniño de área para reverter a tendencia que amosan todos os estudos e que nos últimos meses fixeron acender todas as alarmas en canto á supervivencia da nosa lingua se refire.

Marín, a 11 de decembro de 2015 



Sem comentários: