março 11, 2013

A A. C. Almuinha critica ao concello de Marín por falta de obxectividade na concesión de subvencións culturais


A.C. Almuinha leva traballando máis de cinco anos a prol da defensa da lingua e cultura galega na nosa vila. Tan só en 2008 foi beneficiaria dunha subvención, xa que as de 2009 ficaron sen resolver e no 2010 e 2011 non se convocaron axudas.

En marzo de 2012, o Concello de Marín publica no BOP unha convocatoria de axudas ás asociacions culturais. Os criterios para a adxudicación da axuda son tres: O emprego da lingua. (Ate 5 puntos). Interese xeral das actividades (Ate 5 puntos). Capacidade de autofinanciarse. (Ate 5 puntos).

A.C. Almuinha valoraba que reunía estes criterios, posto que ten por obxecto o fomento da lingua, e o 100% das nosas actividades, así como as nosas comunicacións, tanto internas como externas, son en galego. Sen embargo, a concelleira de Cultura valorou con 3 puntos (sobre 5) fronte a 2 puntos que teñen entidades que presentaron a documentación en castelán e non empregan o galego en ningunha das súas comunicacións.

Ao longo destes anos, Almuinha amosou sobradamente como é quen de ofrecer actividades culturais sen contar con ningún tipo de colaboración, é dicir, capacidade de autofinanciación do 100%. Proba disto son as actividades que xa forman parte da axenda cultural da nosa vila como a tradicional Festa da Lingua ou a Romería da Patria que vimos celebrando anualmente, entre outras moitas. Sen embargo, a nosa puntuación en autofinanciamento foi de 2 puntos (sobre 5)!

Nas declaracións de hoxe na prensa da concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, afirma que as bases son “practicamente iguais ás que axudas anteriores”. Sí é certo que son practicamente iguais, mais igual de certo é que os criterios de adxudicación son catro con respecto aos anteriores que eran sete, e nas anteriores bases especificábase como se ía facer a puntuación, a diferenza desta convocatoria.

Na nota, ademais, a concelleira destacaba o “máximo respeto ás bases establecidas en todo o procedemento”, sen embargo, hai constancia de que ningunha das entidades beneficiarias das axudas cumprimos os requisitos da convocatoria (Art. 2 Beneficiarias: “asociacións culturais inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e cos seus datos actualizados”); a A.C. Almuinha presentou a documentación no 2009 para a inscripción neste rexistro sen que a día de hoxe recibiramos ningún tipo de comunicación ao respecto. Ademais, algunhas das entidades beneficiarias presentaron documentación insuficiente, como unha fotocopia dun cartel de actividades, dúas entidades presentaron a mesma documentación, algunha outra presentaba documentación de carteis nas que constaba a colaboración da Deputación e logo certificaban que non recibiran ningunha subvención, ou incluso quen é beneficiaria dunha cuantía superior ao 50% do orzamento presentado (algo que non permiten as propias bases da convocatoria).

A Concelleira de Cultura afirmaba igualmente que se comunicara aos colectivos a proposta de resolución, mais as entidades non recibimos ningunha comunicación oficial, agás unha chamada teléfonica dun día para outro na que se nos convocaba a un acto, no que parece ser afirmaron querer “axilizar” os trámites, mais en canto lles preguntaron cando se cobrarían as axudas afirmaron que dependería de Intervención (Art.9. da convocatoria: Xustificación. “O pagamento tramitarase no prazo de dous meses unha vez rematadas as actividades”, ou sexa, teríamos que ter cobrado o 28 de febreiro como moi tarde). E o que é máis grave é que saben que a revisión das xustificacións por parte de Intervención non vai ser rápido...

Por último, gustarianos saber de onde tirou a Concelleira de Cultura que a A.C. Almuinha criticou o “escaso compromiso no fomento da lingua galega por parte da concelleira de Cultura do BNG e a parcialidade na concesión de subvencións” e quixeramos “recordarlle” que o que criticou Almuinha no ano 2011 e no 2012, con ela á fronte do Departamento de Cultura, foi que NINGUÉN do Concello contestase e/ou ofrecese información acerca das subvencións de 2009 (que finalmente quedaron paralizadas) apesares de terlle solicitado unha reunión en innumerábeis ocasións á concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e por diversos medios (telefonicamente, por mail e por solicitude por rexistro), e chegando a ter que recurrir ao Valedor do Pobo que nos deu a razón neste senso e “recordoulle” a Maria Ramallo os seus deberes legais (informar, xustificar e contestar) e así, acadamos unha resolución final escrita.

Dende Almuinha, ESIXIMOS AO CONCELLO DE MARÍN QUE RE-VALORE A ADXUDICACIÓN DESTAS AXUDAS ATENDENDO AOS CRITERIOS “OBXECTIVOS” ESTABLECIDOS NA CONVOCATORIA.

Sem comentários: