Con motivo da celebración este sábado día 10 de abril da penúltima xornada da conferencia sur da Liga Nacional de Billarda no colexio o Sequelo de Marín a A.C. Almuinha, coorganizadora do aberto, ten preparado unha serie de actividades complementarias para dar a coñecer este xogo tradicional galego e que desexamos compartir con todas aquelas persoas interesadas.
A nosa asociación dende a súa fundación vén traballando na recuperación e promoción da billarda, xogo tradicional galego tamén coñecido na nosa vila como garaboto, cacheiro ou lipi-lape tendo organizado xa outros dous abertos con anterioridade na nosa vila. Deste xeito sumámonos ao esforzo que dende outras entidades e asociacións culturais están a levar a cabo para recuperar este xogo, salientando especialmente o papel que neste senso está a facer a A.C. O Varal que dende hai uns anos veñen organizando a Liga Nacional de Billarda (LNB).
A Liga Nacional de Billarda consta de 4 conferencias abarcando así toda a xeografía galega (conferencia norte, noroeste, centro e sur) chegándose a xogar tamén abertos noutros puntos do estado como Asturies e País Basco. O éxito desta iniciativa é evidente sobre todo na conferencia sur, conferencia na que está incluída a comarca do Morrazo, así se na primeira tempada a media de asistencia rondaba os 60-70 xogadores/as na presente tempada houbo un incremento espectacular de participantes chegando a xogar máis de 100 xogadores/as por aberto.
Para explicar todo o proceso de recuperación deste xogo e as claves do seu éxito o venres 9 de abril ás 20h intervirán nunha charla coloquio no centro social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63, varios dos impulsores da Liga Nacional de Billarda.
Tamén para o sábado e antes do comezo do aberto, ás 14h, a A.C. Almuinha ten organizado un xantar de confraternización con todos/as aqueles/as xogadores/as e persoas que desexen asistir ao mesmo. O xantar consistirá nunha fabada, sobremesa, bebida e café cuxoprezo é 10€ sendo preciso facer a reserva ou ben por correo (a.c.almuinha@gmail.com) ou mediante teléfono 606595310 ou 677049789.
Ao rematar o aberto a A.C. Almuinha ten organizado unha pequena festa no centro social Almuinha onde os/as participantes e todas aquelas persoas que se queiran achegar poderán intercambiar impresións de como transcorrei a xornada disfrutando duns petiscos.
Sem comentários:
Enviar um comentário