A Asociación Cultural Almuinha conxuntamente coa Asociación Cultural A Ghudalla e o grupo ecoloxista Luita Verde organizan un roteiro polo carballal de Coiro que terá lugar o vindeiro domingo día 25 con saída dende Ermelo ás 11 da mañá.
O roteiro que trancorrira polo alto da Paralaia, pozo das Cruces, val de Esperón, polo bosque de ribeira do río Bouzós, alto da Esculca para rematar de novo en Ermelo terá unha duración aproximada de 3 horas e é apta para todo o mundo.
O roteiro estará guiado por un membro de Luita Verde que irá explicando aos e ás asistentes a variedade de vexetación e fauna que hai nos distintos lugares por onde discorrera o roteiro.
Hai unha grande parte da poboación que vive de costas á natureza, obviando ou non lle importando o grande valor dos nosos montes, ríos e costas, ese desleixo provoca que administracións e empresas cometan as maiores barbaridades como vías de comunicación ou canteiras que destrozan dun xeito irreparábel o medio, presas ou verquidos que destrúen a riqueza dos nosos ríos ou portos deportivos e recheos que destrozan as nosas costas.
A A.C. Almuinha, consciente do grande valor do medio no que vivimos, pretende dar a coñecer con este roteiro a riqueza natural e cultural do noso entorno e concienciar a poboación da importancia que ten a súa conservación.
Por último, recoméndase ás persoas que queiran participar nesta actividade que dadas as condicións climatolóxicas desta semana leven un calzado cómodo e adecuado para non se mollar os pes, así como roupa de abrigo por se acaso chovera no camiño.
Sem comentários:
Enviar um comentário