Nas últimas semanas abriuse un debate na nosa vila en relación á mudanza do nome do Instituto de Ensino Secundario de Marín, que actualmente leva por nome Salvador Moreno. Este debate, motivado pola recente Lei da Memoria Histórica, que obriga a retirar os nomes franquistas das rúas e edificios das nosas cidades e vilas, levou a que xa se apresentasen diferentes propostas con respeito ao novo nome deste Instituto marinense.
Desde a A.C. Almuinha consideramos que xa era hora de que se decidise dar o paso de eliminar das nosas rúas e edificios os nomes de persoas vinculadas ao golpe fascista do ano 1936, así como responsábeis en moitos casos da represión posterior, e de que sexan substituidos por outros que non supoñan unha ofensa e un insulto, non só para aquelas persoas que sofriron nas súas próprias carnes a represión do franquismo, senón para todas aquelas persoas cun mínimo de conviccións democráticas.
Nas últimas semanas estase a facer unha pequena campaña de recollida de apoios para poñer-lle ao Instituto o nome do historiador e arqueólogo marinense “Blanco Freijeiro”. Desde a nosa asociación consideramos aceitábel esta proposta, ao tratarse dunha persoa de recoñecido prestixio, que chegou a formar parte de altas institucións académicas, e que, neste senso, supón un exemplo a seguir para a sociedade.
É por isto que desde a nosa asociación apoiamos a mudanza do nome do Instituto, ao tempo que manifestamos o noso apoio á proposta de “Blanco Freijeiro” para denominar ao mesmo.
a.c.almuinha@gmail.com
Sem comentários:
Enviar um comentário