abril 06, 2012

Rosalía voltará a ter un espazo público en Marín

As asociacións culturais Queremos Galego Marín e Almuinha, que durante o pasado mes de marzo iniciamos a campaña conxunta a prol da designación dun espazo público no noso concello co nome de Rosalía de Castro, manifestamos a nosa satisfacción ante a noticia de que o actual goberno local decidise levar a cabo tal proposta. Queremos trasladar a nosa noraboa a todas as persoas, colectivos, asociacións, organizacións,... que traballaron e amosaron o seu apoio a esta iniciativa, coa súa participación e colaboración nos diversos actos organizados, e promovéndoa e difundíndoa a través das redes sociais e outros medios.

É, sen dúbida, motivo de alegría que Marín volva formar parte da orgullosa lista de concellos galegos que contan no seu vieiro coa presenza da ilustre embaixadora de noso país, a nosa cultura e a nosa lingua en todo o mundo.

Queremos Galego Marín e Almuinha animan e esperan que as demais organizacións políticas que integran a corporación municipal secunden esta iniciativa e felicita a todas as veciñas e veciños por esta boa nova.

Día de Rosalía

Dende aquí aproveitamos, ademais, para anunciar que esta circunstancia non fai máis que animarnos a seguir organizando actividades en torno á figura e obra rosaliana e, instamos, como colofón ao restablecemento do recoñecemento debido, a que o Concello inclúa dentro do calendario de efemérides e celebracións anuais o 24 de febreiro como DÍA DE ROSALÍA, en conmemoración do nacemento da insigne escritora; iniciativa impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega e que está a contar co apoio de colectivos e asociacións de todo o país.

março 22, 2012

A A. C. Almuinha esixe ao actual goberno a tramitación do expediente das subvencións culturais do ano 2009

O pasado 19 de marzo María Ramallo informou aos medios de comunicación a súa decisión de non retomar o expediente das subvencións culturais do ano 2009.


Ante isto, queremos recalcar que Almuinha levaba meses esixindo unha resposta ante esta cuestión, solicitándose incluso por Rexistro unha reunión coa Concelleira de Cultura, e da que non obtivemos resposta. Parécenos lamentábel e de pouco “talante” que non nos convocasen a unha reunión (ou aínda que só fose unha chamada) e tres meses despois atopemos a resposta nos medios de comunicación: a paralización do expediente.


Se ben é certo que a resolución destas bases non correspondía ao actual goberno, sí lle correspondeu a decisión de “transpapelar” ou non o expediente. E lamentabelmente, María Ramallo deu por “zanxada” a polémica ofertando as axudas deste presente ano. A dúbida que se nos plantexa e que acontece entón cos 14000 € que estaban presupostados para esta partida, mais con bastante probabilidade nunca o saibamos.


Con respecto ás convocatorias 2010 e 2011, María Ramallo pronunciouse con que non se convocarían, xa que se tramitaron e concederon axudas individuais durante estes anos.


Almuinha quere apuntar que neses anos solicitou este tipo de axudas para a realización da súa tradicional “Festa da Lingua” e a concelleira de cultura nese momento, Esther Crespo, afirmaba que as axudas serían por convocatoria pública. Non podemos se non criticar a “parcialidade” na concesión destas axudas e a exclusión da nosa asociación en particular que non puido ser beneficiaria nin das axudas puntuais nin das anuais. Probabelmente, haberá máis...


Todo isto consecuencia directa dunhas nefastas xestións e un escaso compromiso co fomento da nosa lingua e cultura.


Almuinha leva realizando actividades culturais na nosa vila dende a súa creación no 2008 e tan só un ano recibimos axuda algunha por parte do Concello. ESIXIMOS SEXA TRAMITADO O EXPEDIENTE E SE RESOLVAN AS SUBVENCIÓNS CORRESPONDENTES AO ANO 2009.


março 18, 2012

Reivindicando a Rosalía: Charla sobre a Galiza de Rosalía con Anxo Angueira


Despois do obradoiro de poesía no que os e as participantes, arredor de 30 persoas, puideron da man de Emilio Xosé Ínsua analisar a poesía de Rosalía e coñecer a través da mesma a sociedade na que vivíu e as inquedanzas que moveron á nosa poeta, este mércores 21, Día da Poesía, as xornadas Reivindicando a Rosalía continuarán cunha charla, ás 20hs no museo Manuel Torres, titulada "A Galiza de Rosalía" que contará coa participación de Anxo Angueira.

Anxo Angueira Viturro é doutor en Filoloxía Galega e profesor no ensino secundario e universitario e un dos grandes coñecedores da obra de Rosalía da que ten publicado "Rosalía de Castro. Antoloxía" (Xerais, 2003) e "Rosalía 21" (coord., Xerais / Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, 2009).

No ámbito da creación literaria ten as seguintes publicacións: Val de Ramirás (1989), O valo de Manselle (Xerais, 1996), Bágoas de facer illas (Xerais, 1997), Libro da Vertixe (1997), Pensa nao (Premio Xerais de Novela 1999), Terra de Iria. Viaxe ó país de Rosalía de Castro (2002), A morte de A. (Xerais, 2003) e Fóra do sagrado (Xerais, 2007). No ámbito da investigación publicou De Rosalía a Dieste. 33 Anos das Letras (Xerais, 1995), La poésie galicienne de 1936 à 1990 (1999), e estudos sobre diferentes autores coma Curros Enríquez ou o poeta berciano Fernández Morales. e Méndez Ferrín, do que realizou Guía de Lectura de Con pólvora e magnolias (Xerais, 1992), as edicións críticas de Poesía enteira de Heriberto Bens (Xerais, 1999) e Bretaña, Esmeraldina (Xerais, 2007) e o presente volume, que analiza polo miúdo as claves desta complexa novela de viaxes “Terra de Iria” (2003).

março 13, 2012

O goberno local convoca as subvencións culturais 2012 esquecendo as do 2011 e 2010 e deixando ser resolver 2009

O pasado venres a nosa Asociación enviaba aos medios de comunicación unha nota de prensa onde denunciábamos que o Concello de Marín, e máis concretamente a Concellaría de Cultura, non daba resposta á nosa asociación sobre o que estaba a acontecer coas subvencións culturais.

Como informamos, estaban pendentes de resolución as axudas correspondentes ao ano 2009 e pendentes de convocar os anos 2010 e 2011.

Onte, 12 de marzo, vimos publicado no BOP que o Concello de Marín vén de facer pública a convocatoria para as axudas ás asociacións culturais para o ano 2012.

Isto leva a “supoñer” que directamente “esquezan” que nos anos 2010 e 2011 as entidades culturais en Marín continuamos a desenvolver as nosas actividades. Leva a “supoñer” que o esforzo realizado para presentar e seguir a solicitude de subvención 2009 ficará sen resolver. E leva a dubidar que quizais as entidades culturais fagamos a solicitude deste ano e tampouco se saiba nunca máis nada. Non se pode cualificar doutro xeito que de lamentábel.

Ademais, as bases para a concesión das axudas establece uns criterios de adxudicación, ao noso modo de ver, un tanto “ambiguos” xa que non se establecen uns criterios definidos de puntuación. Tamén, resulta curioso que non se estableza como un criterio puntuábel a traxectoria e antigüidade da entidade solicitante.

De Almuinha esiximos unha vez máis que se resolvan as axudas do 2009 e que se convoquen as de 2010 e 2011 e se FACILITE A GRAN LABOR QUE FAN MOITAS ENTIDADES CULTURAIS POLA PROMOCIÓN DA NOSA LINGUA E CULTURA NA NOSA VILA.

março 12, 2012

Reivindicando a Rosalía: obradoiro de poesía con Emilio Xosé Ínsua

Despois do éxito do recital colectivo feminino do pasado xoves 8, Día Internacional da Muller, as asociacións Almuinha e Queremos Galego Marín continuamos realizando esta semana máis actividades para reivindicar a figura de Rosalía e reclamar un espazo público co seu nome en Marín.

Este venres 16 a partir das 20hs no museo Manuel Torres haberá un obradoiro de poesía a cargo do profesor e escritor Emilio Xosé Ínsua no que os e as asistentes poderán aprender a ler, interpretar e crear versos.

Emilio Xosé Ínsua é doutor en filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Compostela e profesor de lingua e literaturas galegas. Forma parte da redacción da revista Cerna, editada por Adega. Foi socio fundador da Mesa pola Normalización Lingüística e membro durante o periodo 1997-2002 do consello da editora "Letras de Cal".

Como poeta, ademais de colaborar en diversos volumes colectivos e participar en numerosos recitais por toda Galiza, publicou no ano 1995 o libro "Devalar das esperas" e no ano 2002 resultou gañador da IV edición do Premio de Poesía "Prados Ledesma" do concello de Viveiro co poemario "Acontece ás veces a tenrura".

De Almuinha e Queremos Galego Marín queremos agradecer a Defende o Pituco, Asociación de Mulleres o Abeiro, Asociación de Mulleres de Moaña, Mulheres Nacionalistas Galegas, Memoria Histórica de Marín, Marcha Mundial das Mulleres e persoas a título individual que participaron no recital de poesía lendo, cantando e pintando a pancarta reclamando un espazo público para Rosalía que posteriormente foi pendurada nun balado continuo á praza 8 de Marzo onde transcorreu o acto. Pódense ver fotos do acto premendo
aquí.

março 09, 2012

O GOBERNO LOCAL SEGUE SEN DAR RESPOSTA ÁS ENTIDADES CULTURAIS

Dende o pasado mes de decembro Almuinha está na procura de que alguén lle ofreza algunha información acerca do estado de tramitación das subvencións culturais do ano 2009 (publicadas no BOP do 4 de marzo de 2010 cunha aplicación orzamentaria de 14.000 €).

Dende hai tres meses, Almuinha chamou, envíou mails, achegouse persoalmente e presentou no Rexistro do Concello con data do 27 de decembro unha solicitude de reunión coa Concelleira de Cultura co obxecto de coñecer porque non se resolven. Lamentablemente, ninguén se pronuncia ao respecto. O cal leva a pensar en certas irregularidades acerca da tramitación e adxudicación destas axudas.

Dende Almuinha non podemos se non denunciar esta situación inxusta e arbritaria, que leva a que algunhas entidades reciban o “beneplácito” para certas actividades puntuais e deixa desamparadas ás que non gozan de certos “contactos”.

No ano 2010 resolvéronse as subvencións culturais do ano 2008 e dende o 2009 non se volveron convocar esas axudas. Estando na actualidade pendente a resolución do ano 2009 e pendentes de convocatoria os anos 2010, 2011 e 2012. Sendo este procedemento de adxudicación máis transparente e baixo criterios máis xustos e igualitarios.

Dende A.C. Almuinha ESIXIMOS unha RESPOSTA INMEDIATA en referencia a esta cuestión, así como, unha APOSTA FIRME POR RESPOSTAR ÁS NECESIDADES DAS ENTIDADES CULTURAIS DUN XEITO XUSTO E IGUALITARIO.





Nota de prensa da Plataforma em Defensa dos Montes do Morrazo

Publicamos a nota de prensa enviada pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo con motivo da alegación presentada, tamén pola nosa asociación, este luns día 5 de marzo ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza. Publicamos tamén a alegación presentada.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tal como xa dixera no seu momento presentou ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as súas alegacións ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia que preve construír até 2024 uns 42,7 millóns de metros cadrados repartidos en 119 novos polígonos que se virían sumar aos 19 millóns de metros cadrados dos 213 polígonos existentes en toda Galicia.

Dentro deste plan sectorial, aínda que con moi baixa puntuación, a Xunta inclúe dúas áreas empresariais, unha entre Marín e Moaña que, aínda ilocalizada, xuntaría os proxectos de polígonos da Pastoriza e da Cruz de Maceira, e outra entre Marín e Pontevedra, que collería parte da proposta do monte Pornedo do concello de Marín e grande parte dos terreos da Comunidade de Montes de Lourizán, no concello de Pontevedra. Ámbalas dúas áreas estarían dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN. SS e CC de Planeamento da provincia de Pontevedra, de especial protección forestal, de especial protección do patrimonio cultural, de augas e de infraestruturas. A Plataforma solicitou que os dous parques empresariais sexan retirados do Plan.

Estas dúas áreas recollidas neste plan sectorial non respostarían a unha demanda real como pon de manifesto que a propia Xunta e Xestur tomaran no 2010 a decisión de reducir á terceira parte o proxecto inicial de 1.500.000 de metros cadrados a recualificar (superficie análoga á suma dos parques da Pastoriza e da Cruz da Maceira e que sería incluso superada engadíndolle a do Monte Pornedo-montes de Lourizán), entre os montes de Aldán e Beluso, do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en Castiñeiras, recoñecendo que non existía tal demanda empresarial e que a crise así o condicionaba.

Mais tamén e segundo os datos aparecidos na páxina web oficial de Xestur, unha das entidades que xestiona o solo industrial en Galicia, só na provincia de Pontevedra habería até un total de 1.463.566 metros cadrados dispoñíbeis para calquera empresa, que se sumarían aos miles de metros cadrados baleiros noutros polígonos xestionados por outras entidades e aquelas parcelas que a pesares de estar mercadas non teñen ningún tipo de instalación.

O espazo natural dos Montes do Morrazo, alén de funcionar como recurso das actividades forestais e agrogandeiras tradicionais, e das socioculturais e turísticas, constitúe o corredor ecolóxico natural e fundamental que serve para garantir a conectividade biolóxica da peninsula do Morrazo, conectando as áreas costeiras desde a Costa da Vela até os espazos interiores das terras de Pontevedra. Calquera actuación que non teña en conta a importancia deste corredor e sexa irrespectuosa co medio, como poden ser as dúas áreas empresariais proxectadas, fragmentaría a paisaxe e repercutiría gravemente na riqueza natural destes montes. Por iso desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo pedimos tamén a inclusión deste espazo dentro da ampliación da Rede Natura 2000.

Alén da grande riqueza natural que se vería afectada pola construción destas dúas áreas empresariais (carballeiras, bosque de ribeira, nacementos dos ríos da Fraga, Gorgadas-Loira, Louredo, bosques de repoboación forestal, monte comunal e privado) tamén hai que destacar que os Montes do Morrazo se caracteriza por ser un grande espazo onde existen múltiplos xacementos arqueolóxicos e onde as áreas de protección de elementos patrimoniais coma os xacementos do Calcolítico de Chan das Bolas e abrigos do Monte Agudelo, mámoa neolítica de Forno das Arcas e ruínas da Capela de San Lourenzo do século XVII se verían afectados polo parque empresarial de Marín-Moaña.

Ou o Complexo Rupestre do Pornedo (GA36026015), Petróglifos dos Sete Camiños (GA36026036), Mámoa de Chan da Lagoa, nº 1 (GA36038039) e Mámoa de Chan da Lagoa nº 2 (GA36038072), a Mámoa do Catadoiro (GA36038037), a Mámoa de Sete Camiños, en proceso de catalogación, e o Abrigo Rochoso de Catadoiro en proceso de catalogación (xa se avisou á D.X. de Patrimonio Cultural e nas próximas semanas enviarán a un técnico) que se poderían ver afectados pola plataforma loxística Marín-Pontevedra.

Esta grande riqueza arqueolóxica e patrimonial á que lle habería que sumar outros xacementos arqueolóxicos como o Conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro (GA36026015), Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buratos – Outeiro da Mina (GA36038023), Petróglifo da Cachada do Vello, que se daba por perdido e que foi recentemente encontrado, Petróglifo de Pumariño (GA36038024), Complexo Rupestre da Carrasca (GA36026013), Complexo Rupestre de Champás (GA36026014), Mámoa de Cavada do Pito (GA36058004), son as razóns que motivan a un grupo de máis de 20 colectivos sociais a apoiar e traballar na creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tamén apoia.

Tamén se verían afectados o sendeiro ecolóxico do Morrazo (GR-59), sendeiro do río da Fraga, sendeiro de Chans e sendeiro de bicis todo terreo do concello de Marín. E a Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas. Por último consideramos a actitude dos distintos partidos políticos a nivel local de Marín e Moaña como lamentábel, porque no seu afán localista e da man da especulación empresarial dentro dun modelo claramente insustentábel seguen insistindo, a pesares dos miles de metros cadrados baleiros noutros polígonos, en construír en solo protexido as súas áreas industriais.






março 02, 2012

8 de Marzo, reivindicando a Rosalía no Día da Muller Traballadora

As Asociacións Almuinha e Queremos Galego Marín imos celebrar co gallo do Día da Muller Traballadora, o vindeiro xoves 8 de marzo, un recital colectivo feminino que sirva ademais de para denunciar as desigualdades entre xéneros e a situación das mulleres no mercado laboral, tamén para reivindicar a figura da nosa poeta máis coñecida e recoñecida, Rosalía de Castro, reclamando un espazo público para ela no noso Concello.

ACTIVIDADES CONXUNTAS REIVINDICANDO A ROSALÍA!

Recital feminino día 8 de Marzo (Praza 8 de Marzo) a partir das 19hs. no que lerán representantes de diferentes asociacións ao mesmo tempo que se elabora unha faixa colectiva, na que poderán participar todas e todos as/os asistentes. Finalizaremos o acto cun manifesto.

Obradoiro de poesía. Venres 16 de marzo no museo Manuel Torres a partir das 20h00. Impartido polo profesor e escritor Emilio Xosé Ínsua , aquí tendes o seu CV, impresionante:
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=Emi%CDnsua&alias=Em%EDlio+Xos%E9+%CDnsua&solapa=biografia .Aberto a todas e todos as/os que queirades participar.

Palestra "A Galiza de Rosalía", con Anxo Angueira (
http://www.prazadasletras.org/letras/autores/autor/32/anxo-angueira). Será o mércores 21 de marzo, Día da Poesía, ás 20hs.

fevereiro 13, 2012

24F: Ceia IV Aniversário de Almuinha

A A.C. Almuinha celevrará a vindeira sexta-feira (venres) 24 de fevereiro a partir das 22:00 horas o seu IV Aniversário cumha ceia na "Adega da Capeleira", em Marim.

O preço da ceia é de 16 euros, e consistirá em:

1º Empada, omelete (tortilha) e calamares.

2º Churrasco/pasta com vegetais.

3º Sobremesa, café e chupinho.

Agardando ver-te na ceia, recebe um saúdo.

P.D.: Pregamos confirmar assistência como data límite o 22 de fevereiro.

janeiro 30, 2012

A CULTURA GALAICA E A ROMANIZAÇOM

A A. C. Almuinha informa que o vindeiro dia 3 de fevereiro, sexta-feira (venres), organizamos umha palestra com o título "A Cultura Galaica e a Romanizaçom" que terá lugar a partires das 20,30 horas no Salom de Actos da Biblioteca Pública de Marim a cárrego de D. André Pena Granha, Doutor em Arqueologia e História Antiga, e convidamos a assistirem a todas e todos os interessados nas raiceiras mais fondas do nosso Pais.


André Pena Granha (Ferrol, 1955) é um dos historiadores galegos que com máis paixom vive o seu trabalho. Historiador, arqueólogo e arquiveiro do Concelho de Narom, poucos temos coma él para falar com a sua erudiçom do nosso passado, da cultura atlántica que vincula aos nossos antergos com os demais povos das costas ocidentais da Europa desde as Ilhas Orcadas até a façada atlántica peninsular.

Ademais é um dos promotores do Instituto Galego de Estudos Célticos IGEC, sociedade científica estabelecida em 2009, cujo principal objectivo é a promoçom da investigaçom multidisciplinar no campo dos Estudos Célticos na Galiza, norte de Portugal e Europa Atlântica. Também difunde o conhecimento geral da história, cultura e sociedade da Galiza, além do intercâmbio académico e científico e visa recuperar e preservar – em base a informaçons contrastadas – elementos da cultura céltica presentes e visíveis na sociedade galega contemporânea.


O IGEC também fornece serviços de consultoria e assessoramento numa série de áreas, como educaçom, promoçom turística, e gestom do património, entre outros.


Algumas das conferências ministradas por André Pena:
“O celtismo e as origens da Gallaecia”
“Galiza, o berço dos Celtas da Europa Atlántica”
“Caminhos milenários”
“Breogám, Hércules e a Torre de Brigantium”
Algumhas das suas obras:
Narón un concello con historia de seu, Volume I, II, III. Sotelo Blanco, 1991,
Narón. Unha historia ilustrada na Terra de Trasancos', xunto con Eva Merlán Bollaín e Alfonso Filgueira López. Baía Edicións, 1995
La Pesquera Tradicional de Mareas. Un ejemplo de arqueología industrial. Concello de Narón, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Ciprián e Metalurgica Galaica, S.A. 1998.
A orixe dos coutos, das xurisdicións dos escudos e das bandeiras municipais galegas. Narón: Vexiloloxía e heráldica. Concello de Narón, 2002
Santa María Maior de O Val, Narón: Unha Parroquia con Celtas Reminiscencias na Terra de Trasancos. Fundación Terra de Trasancos, 2004.
Santo André de Teixido: O Camiño dos Celtas. Equona 2006.

janeiro 27, 2012

O GOBERNO LOCAL ATENDE O NOME DAS RÚAS E DESATENDE ÁS ENTIDADES CULTURAIS

“Panem et circenses” (“Pan e circo” dicía Julio César para “entreter” a súa “plebe”). Vimos de asistir a semana anterior a un acto con motivo da celebración do cambio de rúas, ao tempo que as entidades culturais levan dende o ano 2010 sen recibir unha axuda por parte do goberno local para desenvolver as súas actividades.

No ano 2010 resolvéronse as subvencións culturais do ano 2008 e dende o 2009 non se volveron convocar esas axudas. Estando na actualidade pendente a resolución do ano 2009 e pendentes de convocatoria os anos 2010, 2011 e 2012.

Dende hai dous meses, A.C. Almuinha leva procurando información ao respeto, mais apesares de dirixirse persoalmente a Intervención, á Consellería de Cultura e facer unha solicitude formal por Rexistro, ninguén da unha resposta, nin sequera unha chamada.

Sen embargo, vemos asombrados/as que apesares de xa levar dous anos mudado os nomes das rúas, a xente ter xa familiarizado/asimilado o cambio, queren respostar ao seu obxectivo “electoralista” dándolles “circo”. Mais, esquecendo que a xente precisa “pan”.

Dende A.C. Almuinha ESIXIMOS unha RESPOSTA INMEDIATA en referencia a esta cuestión, ao tempo que, o remate desta política “propagandística”, que esquece a súa vila e as súas necesidades.



janeiro 19, 2012

RUA ROSALIA DE CASTRO

A A.C. Almuinha quere denunciar que esta quinta-feira, 19 de janeiro, o governo local de Marim, do PP, vai consagrar com toda “la pompa y el salero” ao mais puro estilo Torrente a volta aos tempos de antes.

Era urgente desde o ponto de vista da crise que nos embarga mudar rapidamente o nome da rua da nossa poeta nacional por excelência pelo de um casposo militar; pois todos sabemos que a poesia não ajuda à economia local mas sim as balas e os barcos de guerra. Obrigado senhora alcaldesa porque a sua liderança e presença nestes actos de ressarcimento à família Janer e a sua calada quando não há serviço de ambulância nocturno e no fecho de Factoria Naval demonstram que os votos que a trouxeram ao gabinete municipal sabiam o que realmente é importante.

A senhora alcaldesa, e deve ser uma enfermidade que se apanha no seu partido, pois todos os presidentes de instituições públicas sofrem desta doença, falam muito mas não fazem nada, e são grandes espertos em desviar a atenção para assuntos tão fulcrais como este. Nunca antes na nossa história houve tantos desempregados nas nossas paróquias e nas nossas casas, tantos novos a ir para fora. Mas o importante é enviar mensagens aos navegantes e demonstrar que o revanchismo político é a bandeira com a que a direita se alimenta e trabalha, que há coisas com as que não se brinca e que devem ser como foram toda a vida, vamos como deus manda, com missa e todo como neste caso. Já nos imaginamos à nossa grande alcaldesa vestida de peineta e mantilha bendizendo, com padre incluído, a volta ao status quo.

O estado da política local é uma maldição que as gentes de Marim parece que nos merecemos. O PP, que ganhou as últimas eleições mais por deméritos dos adversários que por méritos próprios, na quinta-feira vai reclamar o que é seu, pois entendem a administração pública como um botim do que há que tirar o máximo partido varrendo para casa sempre que seja possível.

janeiro 17, 2012

CABALOS CON PEXAS, CADEAS E CORDAS NAS PATAS NOS MONTES DO MORRAZO

Cavalo com pexas em Chao de Gestoso
Enviamos nota de prensa sobre a práctica de pór pexas, cordas e cadeas nas patas dos cabalos nos Montes do Morrazo: 

 Malia as denuncias feitas nos últimos anos por colectivos ecoloxistas, pro dereito dos animais e persoas a nivel particular aínda persiste a práctica das pexas nas patas de cabalos asilvestrados en réxime de gandeiría extensiva.

No espazo natural dos Montes do Morrazo esta práctica de tortura animal que os propietarios dos cabalos utilizan para controlar a mobilidade do animal e obstaculizar así os seus movementos, segue a verse sen dificultades en Chan de Arquiña, Chan de Xestoso, Chan de Gagán, Chan de Pedras Negras ou no monte Pornedo...

Esta práctica de tortura produce en moitas ocasións malformacións e roturas das extremidades nos cabalos afectados. Asi mesmo a escasa mobilidade e obstaculización nos movementos dos animais provoca en moitos casos a morte do propio animal por atropelos en accidentes viarios, chegando a convertirse nunha trampa mortal en caso de incendio forestal como sucedeu na vaga de lumes do 2006.

Por outra banda estes métodos son ilegais xa que van en contra da Declaración Universal dos Dereitos do Animal aprobada pola UNESCO e a ONU, infrinxindo flagrantemente tamén a Directiva 98/58/CE a nivel europeo e o R.D. 348/2000 a nivel estatal, relativos á protección do animal nas explotacións gandeiras.


Os cabalos teñen unha función ecolóxica moi importante no medio natural, formando parte como especie autóctona da súa biodiversidade e sendo auténticos desbrozadores e abonadores naturais do solo, feito polo que na Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estamos a favor da súa presenza nos Montes do Morrazo, mais opoñémonos ás prácticas de tortura animal mencionadas.

Aínda que a responsabilidade destes maltratos recae directamente nos propietarios, consideramos que as administracións públicas competentes, concellos e principalmente a Xunta, non deberan tolerar nin ser permisivas con estas prácticas ilegais perseguindo e multando a aqueles propietarios e abolindo de maneira definitiva este tipo de prácticas cara ós cabalos.

O Morrazo 16 de xaneiro de 2012,

Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
defendeomorrazo.wordpress.com
defendeomorrazo@gmail.com

janeiro 10, 2012

DOCUMENTÁRIO “SETE CAMIÑOS: ENCRUCILLADA DO TEMPO” A SEXTA DIA 13

Recolhemos o anúncio desta apresentaçom:

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres 13 de xaneiro, a partir das 20:30 horas e con entrada libre, a proxección do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”. Este traballo pretende poñer en valor o importante patrimonio natural, cultural e paisaxístico do espazo dos Sete Camiños, situado nunha estribación da serra de Domaio entre os concellos de Pontevedra, Marín e Vilaboa.

“Sete Camiños: encrucillada do tempo” é unha coprodución da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e Faro de Ons Producións. O realizador e arqueólogo Lukas Santiago e mais o antropólogo e economista Rafael Quintía, son os responsables do guión e da dirección deste traballo audiovisual, que tamén conta con João Bieites na realización técnica.

Ao longo de 45 minutos, o documental xustifica a necesidade de conservar os diferentes elementos patrimoniais existentes no contorno dos Sete Camiños, do Monte Pornedo e do Monte Catadoiro: xacementos arqueolóxicos, como mámoas e petroglifos; vestixios etnográficos, como valados, fontes ou restos de antigas canteiras; lendas tradicionais, no eido do patrimonio inmaterial; e elementos naturais de interese, entre os que destacan miradoiros ou formacións rochosas singulares.

Pero tamén alerta das ameazas que destruirían parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán en Pontevedra, e de San Xulián en Marín, hipotecando as posibilidades de poñer en valor o rico patrimonio deste espazo.

O proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta co apoio dunha vintena de colectivos veciñais, sociais e culturais da comarca. O documental que se estrea o 13 de xaneiro ponlle voz e imaxes a un proxecto sustentable que supón unha estratexia colectiva na súa aposta pola xestión racional dos montes, pola revalorización do patrimonio que estes albergan, e por unha visión a longo prazo que garanta unha digna herdanza para as xeracións futuras.

MÁIS INFORMACIÓN:
www.espazosetecaminhos.tk
espazosetecaminhos@gmail.com


janeiro 09, 2012

NOTA DE IMPRENSA DA PLATAFORMA EM DEFESA DOS MONTES DO MORRAÇO

"A XUNTA DEIXA SEN PROTECCIÓN EUROPEA OS MONTES DO MORRAZO



Ante a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 feita pública o pasado 21 de decembro pola Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu malestar ante a tan cativa proposta que deixa fóra lugares susceptíbeis de pertencer á Rede Natura coma os Montes do Morrazo.


Galicia é un territorio moi rico en hábitats e especies prioritarias de interese europeo o cal non se ve correspondido co seu actual e escaso 12% do seu territorio protexido por Rede Natura. A raquítica proposta elaborada pola Xunta de Galicia só ampliaría o territorio protexido até un 15%, moi lonxe aínda da media estatal, un 27%, e de territorios veciños como Asturies e Castela e León co 29% e 26 % do seu territorio, respectivamente, protexido pola Rede Natura.


A escasa conciencia ambiental da Xunta do goberno do PP reflectida nesta escasa ampliación xunto coa modificación da Lei do Solo para especular co chan rústico, un plan de ordenación do litoral (POL) permisivo, unha Lei de Industria feita ac doc para aprobar determinados proxectos e un Plano Director da Rede Natura que permite proxectos agresivos, como o das piscifactorías, poñen á venda e ao servizo dos intereses privados o territorio galego.


Por outra banda esta pobre proposta de ampliación seguiría provocando que tanto os LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) xa aprobados como os novos propostos, sigan aillados dentro das súas proteccións e sen os necesarios corredores naturais que os comuniquen ecoloxicamente, principalmente na franxa litoral, onde a maioría do espazo protexido é superficie marítima.


Un deses espazos naturais necesarios e susceptíbel de pertencer á Rede Natura é o dos Montes do Morrazo que xunto co Carballal de Coiro son os auténticos corredores ecolóxicos existentes na península do Morrazo e que serven de enlace natural cos LIC que existen na comarca, Enseada de San Simón, Costa da Vela e Cabo Udra.


Tanto os Montes do Morrazo como o Carballal de Coiro, na actualidade protexidos como solo rústico de protección de espazos naturais polas normas subsidiarias de planeamento provinciais, conteñen hábitats de interese comunitario e fauna e flora salvaxe como para formar parte desa Rede Natura a nivel europeo. Porén, unha vez máis a Xunta segue sen ter en conta a este espazo, igual que lle sucede a outros moitos, para esa ampliación de espazos protexidos a nivel europeo.


Tal como está a acontecer con outros espazos as causas deste esquecemento por parte da Xunta son os intereses urbanísticos e especulativos que seguen a primar por riba da protección e da conservación dos nosos espazos naturais dentro dun modelo de desenvolvemento claramente insustentábel.


No caso concreto dos espazo natural dos Montes do Morrazo, tal como temos denunciado publicamente con anterioridade, prima por riba da súa protección medioambiental os proxectos do parque eólico en Pedras Negras, os proxectos de parques industriais no Monte Pornedo, na Cruz da Maceira e na Pastoriza e o proxecto de desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo en autovía.


Malia os múltiplos intereses especulativos e os atrancos que poñan as distintas administracións a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo seguirá insistindo en que este espazo teña a debida protección esixindo a súa entrada na Rede Natura polo ben do mesmo, da comarca e para que axude a que a patética porcentaxe actual de territorio protexido a nivel europeo se achegue e sexa acorde coa media estatal e europea.

O Morrazo 7 de xaneiro de 2012
Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo"
defendeomorrazo.wordpress.com
defendeomorrazo@gmail.com

dezembro 27, 2011

O APALPADOR DE VOTLA EM MARIM !!!


Por terceiro ano consecutivo, a A.C. Almuinha trae o Apalpador a Marim!!!

A A.C. Almuinha informa que o vindeiro sábado, dia 31 de decembro, o Apalpador percorrerá as ruas da nossa vila a partir das 17:00, acompanhado por vários pandereteiros e gaiteiros, achegándo-se aos parques infantís para repartir alguns presentes aos/às mais pequenos/as.

A continuaçom visitará a Feira de Artesania às 18:00, na rua Rosalia de Castro 32, para fazer a entrega de prémios do concurso de cartas relacionado com o Apalpador organizado por Queremos Galego Marim.

A visita rematará no C.S. Almuinha, onde a partir das 18:30 a nossa associaçom oferecerá uns petiscos para despedir o ano a todas as pessoas que se acheguem. Queremos animar especialmente a todas aquelas pessoas que colaboram dum ou doutro jeito com a A.C. Almuinha ao longo do ano a que participem desta pequena festa na que despediremos o 2011.

O Apalpador é umha personagem mítica galega própria das zonas da alta montanha luguesa (Caurel, Cebreiro, Ancares...). O Apalpador, apalpabarrigas ou pandigueiro, nomes polos quais também é conhecido, vive nas devesas adicado a fazer carbóm e caracteríza-se fisicamente polo seu grande tamanho, viste boina e traje esfarrapado e com remendos, fuma em pipa e aliménta-se com bagas salvagens e os porcos que caza no monte. Ao rematar o ano baixa da súa escura morada para ir visitar os nenos e nenas e chega quando estes estám durmidos, apálpa-lhes a barriga para ver se estám fartos ou se tenhem fame. Se estám cheios di-lhes “Assi, assi esteas todo o ano” e deixa-lhes umha presa de castanhas, se pola contra estám famentos, fica calado e deixa-lhe também umha mancheia de castanhas. Mais o nosso Apalpador também pode fazer agasalhos, mais a diferença doutras figuras desta época do ano som fabricados por el mesmo ou reciclados doutros/as nenos/as, fomentando valores como a solidariedade e a generosidade entre os/as máis novos/as.

dezembro 23, 2011

NOM AOS PARQUES INDUSTRIAIS NO ESPAÇO NATURAL PROTEGIDO


Publicamos nota de imprensa da Plataforma em Defesa dos Montes do Morraço:

"A PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO REXEITA OS PROXECTOS DE PARQUES INDUSTRIAIS NO ESPAZO NATURAL PROTEXIDO

Ante a declaración de supramunicipalidade, a comezos de decembro por parte do Consello da Xunta, para o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia e posterior presentación do mesmo por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu rexeitamento á construción dos polígonos industriais proxectados neste espazo protexido.

Este plan sectorial pretende construír até 2024 uns 42,7 millóns de metros cadrados repartidos en 119 novos polígonos que se virían sumar aos 19 millóns de metros cadrados dos 213 polígonos existentes en toda Galicia. O desenvolvemento de cada un destes novos parques ficaría condicionado a que existise unha demanda mínima dun 30% dacordo cun rexistro de demandantes.

Mais o que non conta a Xunta é que segundo os datos tirados dapáxina de Xestur, organismo dependente do Instituto de Vivenda e Solo da Xunta que se encarrega de xestionar parte do solo industrial galego, só na provincia de Pontevedra hai até un total 386 parcelas baleiras nos polígonos xa construídos e que suman 1.463.566 metros cadrados dispoñíbeis para todas aquelas empresas que as queiran ocupar sen necesidade de construír novos polígonos.

Este plan prevé tres zonas industriais nos Montes do Morrazo, unha no monte Pornedo de 375.000 metros cadrados, outra na Cruz da Maceira de 460.000 metros cadrados e aínda outra máis na Pastoriza de 1.152.021 metros cadrados que suman un total de case 2.000.000 de metros cadrados a recualificar neste espazo natural protexido polas normas subsidiarias provinciais.

A construción destes 3 polígonos industriais nun espazo natural protexido como son os Montes do Morrazo causaría un enorme e irreversíbel impacto ambiental, paisaxístico e patrimonial nunha área natural de grandes desniveis, na que nacen ríos como o Lameiriña, Loira ou o río da Fraga, e que ademais conta cunha grande e diversa riqueza natural (flora e fauna), xeolóxica e arqueolóxica (mámoas e petróglifos), que en total se verían ameazadas e/ou directamente destrozadas coa construción destes polígonos.

Tamén hai que ter en conta o grande impacto que producirán a construción ou adecuación do viais necesarios para conectar estes polígonos, principalmente a adecuación da estrada PO-313 Moaña Marín, xa planificada no seu momento no Plan Vigo Integra, e que xa fora rexeitada por toda a veciñanza dos núcleos de poboación afectados, Broullón, Miñán e Pardavila. Así como as molestias que causarán o continuo tráfico de camións e o propio funcionamento dos polígonos nestes núcleos e noutros como A Pastoriza, A Fraga máis os da Pena e O Caeiro na parroquia de San Xulián.

A construción destes novos polígonos, co seu grande desembolso económico e impacto ambiental, non son ningunha solución para sairmos da crise. Esta crise non foi causada pola falta de espazo industrial, senón que foi causada pola especulación e voracidade do sistema capitalista, polo que a creación de polígonos industriais non garante que se vaian crear postos de traballo. Estes polígonos xa foran planificados antes da crise, cando prevalecía a especulación urbanística e na que un parque industrial era sinónimo de recualificación de solo rústico a baixo prezo para despois vendelo ás empresas por un prezo moito maior, ficando en moitos casos naves baleiras ou cun uso distinto do industrial pola falta de comprador.

A demanda de solo empresarial e industrial no Morrazo non é real como para xustificar a construción destes 3 novos polígonos como así o demostra a decisión hai un ano da propia Xunta de reducir á terceira parte o proxecto inicial de 1.500.000 de metros cadrados a recualificar, entre os montes de Aldán e Beluso, do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en Castiñeiras, recoñecendo que non existía tal demanda empresarial e que a crise así o condicionaba.

Fronte ao criterio da Xunta do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que antes se deben encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, debe adaptarse á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

O Morrazo, 22 de decembro de 2011"
defendeomorrazo@gmail.com
defendeomorrazo.wordpress.com

dezembro 01, 2011

ADIADA INFELIZMENTE PALESTRA MAS MANTEM-SE O ROTEIRO AO CASTRO DA SUBIDA PARA O SÁBADO !

A A. C. Almuinha lamenta informar que a palestra "A cultura galaica e a romanizaçom" que tinhamos previsto celebrar amanhá, 2 de dezembro, foi adiada devido a enfermidade do ponente, o historiador e arqueólogo André Pena Granha.

Desejamos a sua pronta recuperaçom.

Em quanto concretemos umha nova data informaremos.
Por outra banda, mantemos a Saida ao Castro da Subidá para o sábado, a partir das 11,00 h desde a Alameda de Marim.

Saudaçons.

novembro 28, 2011

A Cultura Galaica: palestra de André Pena e roteiro com Álvaro Arizaga


A A. C. Almuinha informa que o vindeiro dia 2 de dezembro, sexta-feira (venres), organizamos umha palestra com o título "A Cultura Galaica e a Romanizaçom" que terá lugar a partires das 20,30 horas no Salom de Actos da Biblioteca Pública de Marim a cárrego de D. André Pena Granha, Doutor em Arqueologia e História Antiga, e convidamos a assistirem a todas e todos os interessados nas raiceiras mais fondas do nosso Pais. E o sábado 3, no dia seguinte Roteiro ao Castro da Subida com a colaboraçom do arqueólogo marinense Álvaro Arizaga desde a Alameda de Marim às 11h.

André Pena Granha (Ferrol, 1955) é um dos historiadores galegos que com máis paixom vive o seu trabalho. Historiador, arqueólogo e arquiveiro do Concelho de Narom, poucos temos coma él para falar com a sua erudiçom do nosso passado, da cultura atlántica que vincula aos nossos antergos com os demais povos das costas ocidentais da Europa desde as Ilhas Orcadas até a façada atlántica peninsular.

Ademais é um dos promotores do Instituto Galego de Estudos Célticos IGEC, sociedade científica estabelecida em 2009, cujo principal objectivo é a promoçom da investigaçom multidisciplinar no campo dos Estudos Célticos na Galiza, norte de Portugal e Europa Atlântica. Também difunde o conhecimento geral da história, cultura e sociedade da Galiza, além do intercâmbio académico e científico e visa recuperar e preservar – em base a informaçons contrastadas – elementos da cultura céltica presentes e visíveis na sociedade galega contemporânea.

O IGEC também fornece serviços de consultoria e assessoramento numa série de áreas, como educaçom, promoçom turística, e gestom do património, entre outros.
http://www.estudosceltas.org/

Algumas das conferências ministradas por André Pena:

“O celtismo e as origens da Gallaecia”
“Galiza, o berço dos Celtas da Europa Atlántica”
“Caminhos milenários”
“Breogám, Hércules e a Torre de Brigantium”
http://www.ivoox.com/granha_sb.html?sb=granha

Algumhas das suas obras:
- Narón un concello con historia de seu, Volume I, II, III. Sotelo Blanco, 1991,
- Narón. Unha historia ilustrada na Terra de Trasancos', xunto con Eva Merlán Bollaín e Alfonso Filgueira López. Baía Edicións, 1995
- La Pesquera Tradicional de Mareas. Un ejemplo de arqueología industrial. Concello de Narón, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Ciprián e Metalurgica Galaica, S.A. 1998.
- A orixe dos coutos, das xurisdicións dos escudos e das bandeiras municipais galegas. Narón: Vexiloloxía e heráldica. Concello de Narón, 2002 
- Santa María Maior de O Val, Narón: Unha Parroquia con Celtas Reminiscencias na Terra de Trasancos. Fundación Terra de Trasancos, 2004.
- Santo André de Teixido: O Camiño dos Celtas. Equona 2006.