abril 06, 2012

Rosalía voltará a ter un espazo público en Marín

As asociacións culturais Queremos Galego Marín e Almuinha, que durante o pasado mes de marzo iniciamos a campaña conxunta a prol da designación dun espazo público no noso concello co nome de Rosalía de Castro, manifestamos a nosa satisfacción ante a noticia de que o actual goberno local decidise levar a cabo tal proposta. Queremos trasladar a nosa noraboa a todas as persoas, colectivos, asociacións, organizacións,... que traballaron e amosaron o seu apoio a esta iniciativa, coa súa participación e colaboración nos diversos actos organizados, e promovéndoa e difundíndoa a través das redes sociais e outros medios.

É, sen dúbida, motivo de alegría que Marín volva formar parte da orgullosa lista de concellos galegos que contan no seu vieiro coa presenza da ilustre embaixadora de noso país, a nosa cultura e a nosa lingua en todo o mundo.

Queremos Galego Marín e Almuinha animan e esperan que as demais organizacións políticas que integran a corporación municipal secunden esta iniciativa e felicita a todas as veciñas e veciños por esta boa nova.

Día de Rosalía

Dende aquí aproveitamos, ademais, para anunciar que esta circunstancia non fai máis que animarnos a seguir organizando actividades en torno á figura e obra rosaliana e, instamos, como colofón ao restablecemento do recoñecemento debido, a que o Concello inclúa dentro do calendario de efemérides e celebracións anuais o 24 de febreiro como DÍA DE ROSALÍA, en conmemoración do nacemento da insigne escritora; iniciativa impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega e que está a contar co apoio de colectivos e asociacións de todo o país.