janeiro 25, 2010

CHARLA COLOQUIO SOBRE OS RECHEOS ILEGAIS DO PORTO DE MARÍN

En recentes datas o Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que se declaraban ilegais os recheos realizados nos últimos dez anos no porto de Marín, dándolle así a razón aos veciños e veciñas dos Praceres que agrupad@s nunha plataforma decidiron loitar contra semellante desastre ecolóxico permitido e financiado polo goberno da Xunta, Deputación e Autoridade Portuaria.
Este venres día 29 a partir das 20h representantes desta plataforma participarán nunha charla coloquio no Centro Social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63, onde contarán a tod@s @s presentes a loita contra os recheos feitos no mar.

janeiro 19, 2010

Defendamos o galego, non ao decretazo


A A.C. Almuinha quere facer público o apoio total da nosa asociación á folga xeral no ensino en defensa do galego convocada para o vindeiro dia 21 deste mes de xaneiro e facemos un chamamento a participación masiva na mesma.


O borrador do denominado decreto do “plurilingüismo” feito público con nocturnidade e alevosía o pasado 30 de decembro non resposta a ningún tipo de criterio pedagóxico a través do cal poida mellorar a educación do alumnado galego senón que resposta máis ben a intereses políticos contrarios á nosa lingua. O goberno de Alberto Núñez Feijoó en contra de calquera lóxica está empeñado en recurtar os pequenos avances conseguidos para o galego durante a pasada lexislatura supoñendo isto un enorme paso atrás no proceso de normalización da nosa lingua, convertíndose este decreto nunha das normas máis regresivas en canto a linguas se refire de todo o estado.




Somos sabedores de que o futuro do galego non depende única e exclusivamente do ensino mais si que este é fundamental nunha planificación seria para acadar a recuperación e normalización dunha lingua como a nosa por ser esta a única oportunidade para os rapaces e rapazas, en moitos casos, de aprendela. Este decreto non garante que o alumnado remate o ensino obrigatorio con plenas competencias na lingua propia da Galiza, o galego, e é imposíbel que unha lingua subsista se os seus falantes non a aprenden e dominan.




Por iso cremos que o goberno de Feijoó está a cometer con este decreto una grave irresponsabilidade histórica, incumprindo as súas obrigas como presidente da Xunta de potenciar e defender o galego garantindo a súa pervivencia en vindeiras xeracións. Irresponsabilidade á cal se suma o ter provocando e trasladado xunto e en connivencia con reducidos sectores galegógobos un conflito anteriormente inexistente á sociedade como así o amosa o rexeitamento maioritario da comunidade educativa e da sociedade no seu conxunto, manifestado por unha grande cantidade de asociacións, sindicatos, a Real Academia Galega e entidades de todo tipo que probabelmente irá en aumento nos vindeiros días e meses.




Unha das supostas vantaxes deste decreto, segundo o goberno da Xunta, será a aprendizaxe dunha lingua estranxeira, o inglés, ao que na teoría se lle vai adicar o 33% das horas. Non estamos en contra da aprendizaxe de ningunha lingua, cantas máis saibamos máis oportunidades de comunicarnos teremos, mais o inglés non é unha das linguas oficiais e esta aprendizaxe non pode ser a costa de perder horas na lingua propia, máis cando esta non está nunha situación de normalidade. Cremos que para aprender inglés ou calquera outra lingua débense pór outro tipo de medios, tales como aumentar becas para estadías no estranxeiro para alumnado e profesorado, profesores nativos, laboratorios de linguas, reducindo o número de alumn@s por aula…




Por outra banda, partindo de que o propio borrador recoñece a imposibilidade de levar a practica o 33% das horas en inglés, que nos pretenden vender? Como se van cubrir estas horas que non se van ofrecer en inglés? Todo fai pensar que o inglés é unha escusa para que estas horas a posteriori sexan ocupadas maioritariamente polo castellano, rompendo así dun xeito perverso o equilibrio entre o castellano e o galego, por outra banda nunca cumprido, do decreto aínda vixente.




Vemos dende a nosa asociación con preocupación como máis alá das boas palabras de que todos e todas queremos o galego, incluso por parte dos sectores máis belixerantes coa nosa lingua, os feitos van na dirección contraria por parte do goberno galego. A realidade obxectiva da nosa lingua é que está a perder falantes progresivamente, e se queremos garantir o futuro da nosa lingua hai que lle por remedio, non atacala. A nosa lingua precisa de medidas que poñan freo a esta situación, non de boas palabras e de medidas que a atacan sen disimulo e procuran o seu arrinconamento, e que levan consigo a súa desaparición.




Desde a A.C. Almuinha sumámonos ao rexeitamento maioritario da sociedade galefa e esiximos a retirada deste borrador e que o goberno galego cumpra as súas funcións no que se refire á promoción e potenciación e normalización do galego.

janeiro 18, 2010

Jantar temático, o sabado 23 no Centro Social


A Asociación Cultural Almuinha organiza para este sábado día 23 de xaneiro a partir das 14H no Centro Social Almuinha, situado na rúa Ezequiel Massoni nº 63 o primeiro dunha xeira de xantares temáticos que a nosa asociación realizará ao longo dos vindeiros meses.

Este primeiro xantar temático consistirá nun cocido galego acompañado de sobremesa, viño e licor café e para todas aquelas persoas que así o desexen haberá alternativa vexetariana. A comida terá un prezo de 10€ para os socios e socias e de 12€ para aquelas persoas que non sexan soci@s.

Prégase a aquelas persoas que queiran vir xantar connosco que reserven con antelación, podendo facelo no propio local ou ben a través do correo electrónico a.c.almuinha@gmail.com ou chamando ao número 677049789.



janeiro 15, 2010

Reportagem visual de actividades no Centro Social Almuinha


Debute de novos valores da música galega na festa da passagem de ano


Bailando com Maedi Visna

Palestras, charlas, debates. O Apalpador nas Festas do Solstício de Inverno


Nom aos polígonos "industriais" destrutores do nosso território e cultura !

I ABERTO DE BILHARDA DE BUEU


Este sábado 16 de Janeiro às 16 h, no pavilhom de desportos de Beluso em Bueu o Concelho de Bueu com a colaboraçom da A.C. Almuinha organiza o I Aberto
de Bilharda de Bueu no que haverá prémios para os/as primeiras/os classificadas.

Nom faltedes !!!

Mais informaçom no blogue da Liga Nacional de Bilharda:
http://lnbsur.wordpress.com/

janeiro 11, 2010

Este xoves 14 de xaneiro charla no centro social


A vindeira 5ª feira (xoves) dia 14 de janeiro a A.C. Almuinha organiza umha palestra com o título "Polígonos industriais em Marim". Terá lugar a partir das 20:00 horas no Centro Social Almuinha (rua Ezequiel Massoni 63 res-do-chao) e nela intervirám representantes d@s vizinh@s afectad@s da Brea, do Monte Pituco, da associaçom de vizinh@s de Sam Xuliám, da APDR, de Luita Verde e do Colectivo Nacionalista de Marim.

Como é bem sabido, a posível construçom de um polígono industrial ou de vários minipolígonos na nossa vila está a suscitar um importante debate social desde hai bastante tempo. A este debate hai que engadir as protestas levadas a cabo em numerosas ocassons por parte d@s vizinh@s das zonas afectadas e a oposiçom de várias entidades sociais.

É por isto que consideramos este tema de especial releváncia para o futuro da nossa vila polo que organizamos esta palestra com o obxecto de exponher diversos pontos de vista de várias entidades sociais.

Por último, queremos convidar a todas aquelas pessoas que poidam estar interesadas no tema para que assistam à palestra, tanto a escoitar as diferentes intervençons como a participar dando a sua postura no debate que seguirá ao remate das mesmas, sendo por suposto a entrada de balde.