dezembro 22, 2018

O Apalpador 2018

O Apalpador visitará Marín o domingo 30 de decembro!

A A.C. Almuinha, A.C.D. Gharaboto e a Asociación Marinense de Artesáns estamos a organizar a chegada do Apalpador a nosa vila, que terá lugar o domingo 30 de decembro. A partir das 17:00h. percorrerá as rúas de Marín acompañado do seu grupo de músicos (Os de Marín), achegándose á rapazada e repartindo doces. Ás 18:30h. chegará á carpa da Feira de Artesanía, que se atopa na Alameda Rosalía de Castro, onde fará entrega dos premios do IV Concurso de Debuxos "Debuxando ao Apalpador".

Mais para aliviar a espera, onte inauguramos o posto do Apalpador na carpa da Feira de Artesanía, onde instalamos unha imaxe xigante do carboeiro para facer un Photocall, e quen o desexe poderá tirarse unha foto facendo de Apalpador, así como darse unha volta pola Feira, onde seguro atoparán cousas ben interesantes para os agasallos destas festas.

E por outra banda, organizamos o IV Concurso de debuxo "Debuxando o Apalpador", cuxas bases engadimos a continuación, e animamos aos/ás máis pequenos/as a que participen e leven os seus traballos á carpa até o día 30 de decembro ás 12. O ano pasado participaron máis de 60 nenos/as, así que este ano agardamos que sexan máis!

Bases do IV Concurso "Debuxando ao Apalpador":

1.­ Os debuxos deberán versar sobre a figura do Apalpador, e levará un lema escrito en galego.
2.­ Haberá tres categorías. Unha primeira para nenos/as entre 3 e 5 anos. A segunda para nenos/as con idades entre 6 e 8. E a terceira será para nenos/as entre 9 e 12 anos.
3.­ Para poder participar no concurso, cada neno/a deberá presentar un deseño orixinal, con calquera material ou técnica, relativo á figura do Apalpador. O deseño será presentado nunha folla de papel ou cartolina de tamaño A4.
4.­ Entregaranse 9 premios, para os tres mellores debuxos de cada categoría.
5.­ Os traballos terán que ser entregados como data tope o 30 de decembro ás 12 na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín. Os debuxos serán expostos na Carpa desde o momento da entrega.
6.­ Para identificar os traballos, na parte de atrás dos debuxos deberá constar o nome e apelidos do autor, teléfono de contacto, así como a súa idade.
7.­ O xurado estará composto por 4 persoas: unha da A.C.D. O Gharaboto, outra da A.C.Almuinha, outra da Asociación de Artesáns de Marín e o propio Apalpador.
8.­ O veredicto do xurado darase a coñecer e os premios entregados polo propio Apalpador o día 30 de decembro ás 18:30h. na Carpa da Feira de Artesanía, na Alameda Rosalía de Castro de Marín.
9.­ A participación no concurso supón a autorización expresa para a difusión das imaxes.10.­ A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das presentes bases, así como o criterio das 3 entidades organizadoras da actividade na resolución de calquera cuestión non prevista nestas bases.

outubro 31, 2018

Presentación "A casa que me mora", de Ángel Estévez Casal

O vindeiro venres 2 de novembro a A.C. Almuinha presenta o libro de poemas "A casa que me mora", do poeta de Seixo Ángel Estévez Casal. O acto terá lugar no Museo Manuel Torres de Marín a partir das 20:30h.

Ángel Estévez Casal traballou como perito agrícola en diferentes zonas de Galiza e ao longo da súa vida foi escribindo poemas. Tras a súa xubilación recolleu aqueles escritos, que foi corrixindo e ordenando, e agora, aos seus 82 anos, publica o seu primeiro libro "A casa que me mora", con máis de 50 poemas.

No acto intervirán, amais do autor, José Antonio Pazos (mestre do colexio O Sequelo), Lara Dopazo (poeta), e proxectarase un poema do libro que foi musicado por José Iglesias.

junho 26, 2018

Presentación "O Diario Galego"

Hoxe terá lugar a presentación de "O Diario Galego", un proxecto xornalístico en papel na nosa lingua, tan necesario dada a situación do galego.

No acto, que comezará ás 20:30h. na Biblioteca de Marín, participarán Mariola González Fernández (activista cultural), José Antonio Pazos (mestre do Sequelo) e Xoán Colazo (Consello de Administración de Sermos Galiza).

Principios de "O Diario Galego":

O DIARIO GALEGO defenderá os intereses galegos e estará escrito na lingua propia de Galiza. Será un medio de comunicación nacional, profesional e colaborativo que proporcionará información xeral.

O DIARIO GALEGO aspira a formular temas que se botan en falta na axenda mediática do país, como poden ser traballo, cultura, ecoloxía, feminismos, lingua, diáspora, economía, memoria, historia, dereitos e liberdades civís.

Caracterizarase por manter unha mirada construtiva cara ao desenvolvemento e a transformación económica e social da realidade galega e por contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.

O DIARIO GALEGO propiciará o diálogo entre xeracións dirixíndose a un público cun pensamento e comportamento aberto, actual e implicado pero que non ve reflectidas na prensa convencional as súas ideas de avance social. Falará de canto lles afecta e preocupa, ou mellor, facilitará que se expresen libremente esas galegas e galegos que procuran un cambio de seu para Galiza.

O DIARIO GALEGO terá unha distribución das novas arredor de catro módulos de información (país, mundo, cultura e axenda), evitando así as seccións pechadas dos medios tradicionais. Proponse elaborar os contidos dun modo anovador neste momento: transmitindo información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas, co cal tratará de rachar co nesgo interesado que xeralmente lle imprimen ás novas moitos mediadores e axentes institucionais ou empresariais.

O DIARIO GALEGO distinguirá entre opinión e información, apostará porque o lector tire as súas propias conclusións, ofrecéndolle información verificada, contrastada e afastada da posverdade. Ofrecerá a interacción e o diálogo, un espazo de comunicación aberto a todo o pobo e tratando todos cantos asuntos repercutan sobre o benestar económico, social e cultural da xente de Galiza. Somos moi conscientes de que O DIARIO GALEGO parte coas limitacións propias de quen comeza sen apoios de ningunha empresa de referencia ou grupo de presión, mais tamén coa convicción de que se lograrmos que as mulleres e os homes da nosa Terra se identifiquen con el non aforrarán esforzos para que mellore e medre.