A.C. Almuinha
leva traballando máis de cinco anos a prol da defensa da lingua e cultura
galega na nosa vila. Tan só en 2008 foi beneficiaria dunha subvención, xa que
as de 2009 ficaron sen resolver e no 2010 e 2011 non se convocaron axudas.
En marzo de
2012, o Concello de Marín publica no BOP unha convocatoria de axudas ás
asociacions culturais. Os criterios
para a adxudicación da axuda son
tres: O emprego da lingua. (Ate 5
puntos). Interese xeral das
actividades (Ate 5 puntos). Capacidade de autofinanciarse.
(Ate 5 puntos).
A.C. Almuinha valoraba que reunía estes criterios,
posto que ten por obxecto o fomento da
lingua, e o 100% das nosas actividades, así como as nosas comunicacións,
tanto internas como externas, son en galego.
Sen embargo, a concelleira de Cultura valorou con 3 puntos (sobre 5) fronte a 2 puntos que teñen entidades que
presentaron a documentación en castelán e non empregan o galego en ningunha das
súas comunicacións.
Ao longo destes
anos, Almuinha amosou sobradamente como é quen de ofrecer actividades culturais
sen contar con ningún tipo de
colaboración, é dicir, capacidade de autofinanciación do 100%. Proba disto
son as actividades que xa forman parte da axenda cultural da nosa vila como a
tradicional Festa da Lingua ou a Romería da Patria que vimos celebrando
anualmente, entre outras moitas. Sen embargo, a nosa puntuación en autofinanciamento foi de 2 puntos (sobre 5)!
Nas declaracións
de hoxe na prensa da concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, afirma que as
bases son “practicamente iguais ás que axudas anteriores”. Sí é certo que son
practicamente iguais, mais igual de certo é que os criterios de adxudicación
son catro con respecto aos anteriores que eran sete, e nas anteriores bases
especificábase como se ía facer a puntuación, a diferenza desta convocatoria.
Na nota,
ademais, a concelleira destacaba o “máximo respeto ás bases establecidas en
todo o procedemento”, sen embargo, hai constancia de que ningunha das entidades beneficiarias das axudas cumprimos os requisitos
da convocatoria (Art. 2
Beneficiarias: “asociacións culturais inscritas no Rexistro Municipal de
Asociacións e cos seus datos actualizados”); a A.C. Almuinha presentou a
documentación no 2009 para a inscripción neste rexistro sen que a día de hoxe
recibiramos ningún tipo de comunicación ao respecto. Ademais, algunhas das
entidades beneficiarias presentaron documentación insuficiente, como unha
fotocopia dun cartel de actividades, dúas entidades presentaron a mesma
documentación, algunha outra presentaba documentación de carteis nas que
constaba a colaboración da Deputación e logo certificaban que non recibiran
ningunha subvención, ou incluso quen é beneficiaria dunha cuantía superior ao
50% do orzamento presentado (algo que non permiten as propias bases da
convocatoria).
A Concelleira de
Cultura afirmaba igualmente que se comunicara aos colectivos a proposta de
resolución, mais as entidades non recibimos ningunha comunicación oficial, agás
unha chamada teléfonica dun día para outro na que se nos convocaba a un acto,
no que parece ser afirmaron querer “axilizar” os trámites, mais en canto lles
preguntaron cando se cobrarían as axudas afirmaron que dependería de
Intervención (Art.9. da convocatoria: Xustificación.
“O pagamento tramitarase no prazo de dous meses unha vez rematadas as
actividades”, ou sexa, teríamos que ter cobrado o 28 de febreiro como moi
tarde). E o que é máis grave é que saben que a revisión das xustificacións por
parte de Intervención non vai ser rápido...
Por último, gustarianos
saber de onde tirou a Concelleira de Cultura que a A.C. Almuinha criticou o
“escaso compromiso no fomento da lingua galega por parte da concelleira de
Cultura do BNG e a parcialidade na concesión de subvencións” e quixeramos “recordarlle” que o que criticou
Almuinha no ano 2011 e no 2012, con ela á fronte do Departamento de Cultura,
foi que NINGUÉN do Concello contestase e/ou ofrecese información acerca das
subvencións de 2009 (que finalmente quedaron paralizadas) apesares de terlle
solicitado unha reunión en innumerábeis ocasións á concelleira de Cultura,
Beatriz Rodríguez, e por diversos medios (telefonicamente, por mail e por solicitude
por rexistro), e chegando a ter que recurrir ao Valedor do Pobo que nos deu a
razón neste senso e “recordoulle” a Maria Ramallo os seus deberes legais
(informar, xustificar e contestar) e así, acadamos unha resolución final escrita.
Dende Almuinha, ESIXIMOS AO CONCELLO DE MARÍN
QUE RE-VALORE A ADXUDICACIÓN DESTAS AXUDAS ATENDENDO AOS CRITERIOS “OBXECTIVOS”
ESTABLECIDOS NA CONVOCATORIA.
A.C. Almuinha