outubro 21, 2016

Presentación "O anxo negro" de Manuel Gago

O vindeiro venres 28 de outubro a A.C. Almuinha organiza a presentación en Marín da novela de Manuel Gago "O anxo negro". O acto celebrarase no Museo Manuel Torres a partir das 20:30h. e intervirá o autor do libro. Esta será a segunda vez que temos o privilexio de contar coa presenza de Manuel Gago nun acto da A.C. Almuinha. A anterior foi aló por novembro do 2010, cando baixo o título "República de homes libres: na procura dos Lordomani" abordou o sempre interesante tema dos normandos e da súa presenza en Galiza.

Manuel Gago Mariño (Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. É editor de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), un dos blogs referentes da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais galegos. Mantén a columna Vermello contra o mar en La Voz de Galicia e a sección As efeméridas no programa Galicia por diante da Radio Galega. 

No ámbito da difusión e investigación no ámbito arqueolóxico, Gago ten participado en proxectos como a escavación do poboado da Lanzada (2010) e ten promovido e coordinado iniciativas de arqueoloxía e comunicación pública nos sitios arqueolóxicos de Pena Furada (Coirós), Torre dos Mouros (Lira, Carnota, 2012), Castro de Mallou (Carnota, 2013), Croas de Niñóns (Ponteceso, 2013) ou As Croas de Cerqueda (Malpica, 2014, en curso). É fundador de patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia. 

Como ensaísta e escritor, Gago ten publicado libros con éxito de público. Nos últimos anos, é coautor do libro Rías Baixas, Gourmet Territory (2011), unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia a un público de foodies e gourmets. En 2012 publicou, canda o arqueólogo Xurxo Ayán, o ensaio Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI (2.0 Editora). No 2013 editou o libro de narrativa “Vento e Chuvia. Mitoloxía antiga de Gallaecia” (Ed. Xerais). E en 2015 Platos Rotos. Textos Gastronómicos (2003-2015), unha antoloxía da produción xornalística de Gago ao redor da relación entre viño, comida e sociedade. En 2016 foi un dos autores do libro colectivo Historia das Historias de Galicia (Xerais, 2016) e publicou a súa primeira novela: O Anxo Negro (Xerais, 2016).

SINOPSE
"A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña da que son moi devotos.
A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa.
Unha novela trepidante coa que Manuel Gago se mergulla nas raíces profundas da cultura popular galega."

A HISTORIA
"Finais de 1981. Nun remoto mosteiro en ruínas desde tempos da Desamortización, unha comunidade rural coida con devoción unha pequena e escangallada imaxe de santa Mariña que ten moito que ver con eles, a súa identidade e a súa memoria. Un día, uns descoñecidos vanse facer coa imaxe da santa e desencadearán unha serie de incontrolados feitos. Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante recén retirado e Andreu Meis, propietario dun bar local e contrabandista de tabaco ocasional, recibirán o encargo da parroquia para recuperar a santa. Movida por intereses que van moito máis alá do relixioso, a comunidade local enteira colaborará, non sempre con métodos legais no seu sentido contemporáneo, para recuperar a figura, intimamente conectada, dunha forma incrible, co pasado recente de boa parte das familias da parroquia. En O anxo negro un lector avisado viaxará ao longo de épocas, lugares e síntomas, descubrindo que en Galicia calquera historia encobre outras moitas. 

Esta é unha historia de moitas historias silenciadas e silenciosas: a do expolio a gran escala do patrimonio relixioso do rural galego a partir da década de 1960, a historia da Mariña Mercante, clave no devir da costa galega durante moitos anos, e a das comunidades rurais dos anos 80, esquencidas pola Administración, que deciden como sempre fixeron sobre si mesmas e de acordo coa xustiza. Pero é tamén unha novela pensada para disfrutar, para engancharse e pasar páxina a páxina querendo saber que virá logo, chea de secretos e referencias que abren numerosas posibilidades para quen queira adentrarse polas portas abertas deste relato. "

Sem comentários: