janeiro 17, 2012

CABALOS CON PEXAS, CADEAS E CORDAS NAS PATAS NOS MONTES DO MORRAZO

Cavalo com pexas em Chao de Gestoso
Enviamos nota de prensa sobre a práctica de pór pexas, cordas e cadeas nas patas dos cabalos nos Montes do Morrazo: 

 Malia as denuncias feitas nos últimos anos por colectivos ecoloxistas, pro dereito dos animais e persoas a nivel particular aínda persiste a práctica das pexas nas patas de cabalos asilvestrados en réxime de gandeiría extensiva.

No espazo natural dos Montes do Morrazo esta práctica de tortura animal que os propietarios dos cabalos utilizan para controlar a mobilidade do animal e obstaculizar así os seus movementos, segue a verse sen dificultades en Chan de Arquiña, Chan de Xestoso, Chan de Gagán, Chan de Pedras Negras ou no monte Pornedo...

Esta práctica de tortura produce en moitas ocasións malformacións e roturas das extremidades nos cabalos afectados. Asi mesmo a escasa mobilidade e obstaculización nos movementos dos animais provoca en moitos casos a morte do propio animal por atropelos en accidentes viarios, chegando a convertirse nunha trampa mortal en caso de incendio forestal como sucedeu na vaga de lumes do 2006.

Por outra banda estes métodos son ilegais xa que van en contra da Declaración Universal dos Dereitos do Animal aprobada pola UNESCO e a ONU, infrinxindo flagrantemente tamén a Directiva 98/58/CE a nivel europeo e o R.D. 348/2000 a nivel estatal, relativos á protección do animal nas explotacións gandeiras.


Os cabalos teñen unha función ecolóxica moi importante no medio natural, formando parte como especie autóctona da súa biodiversidade e sendo auténticos desbrozadores e abonadores naturais do solo, feito polo que na Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estamos a favor da súa presenza nos Montes do Morrazo, mais opoñémonos ás prácticas de tortura animal mencionadas.

Aínda que a responsabilidade destes maltratos recae directamente nos propietarios, consideramos que as administracións públicas competentes, concellos e principalmente a Xunta, non deberan tolerar nin ser permisivas con estas prácticas ilegais perseguindo e multando a aqueles propietarios e abolindo de maneira definitiva este tipo de prácticas cara ós cabalos.

O Morrazo 16 de xaneiro de 2012,

Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo
defendeomorrazo.wordpress.com
defendeomorrazo@gmail.com

Sem comentários: