janeiro 10, 2012

DOCUMENTÁRIO “SETE CAMIÑOS: ENCRUCILLADA DO TEMPO” A SEXTA DIA 13

Recolhemos o anúncio desta apresentaçom:

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro venres 13 de xaneiro, a partir das 20:30 horas e con entrada libre, a proxección do documental “Sete Camiños: encrucillada do tempo”. Este traballo pretende poñer en valor o importante patrimonio natural, cultural e paisaxístico do espazo dos Sete Camiños, situado nunha estribación da serra de Domaio entre os concellos de Pontevedra, Marín e Vilaboa.

“Sete Camiños: encrucillada do tempo” é unha coprodución da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e Faro de Ons Producións. O realizador e arqueólogo Lukas Santiago e mais o antropólogo e economista Rafael Quintía, son os responsables do guión e da dirección deste traballo audiovisual, que tamén conta con João Bieites na realización técnica.

Ao longo de 45 minutos, o documental xustifica a necesidade de conservar os diferentes elementos patrimoniais existentes no contorno dos Sete Camiños, do Monte Pornedo e do Monte Catadoiro: xacementos arqueolóxicos, como mámoas e petroglifos; vestixios etnográficos, como valados, fontes ou restos de antigas canteiras; lendas tradicionais, no eido do patrimonio inmaterial; e elementos naturais de interese, entre os que destacan miradoiros ou formacións rochosas singulares.

Pero tamén alerta das ameazas que destruirían parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán en Pontevedra, e de San Xulián en Marín, hipotecando as posibilidades de poñer en valor o rico patrimonio deste espazo.

O proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños conta co apoio dunha vintena de colectivos veciñais, sociais e culturais da comarca. O documental que se estrea o 13 de xaneiro ponlle voz e imaxes a un proxecto sustentable que supón unha estratexia colectiva na súa aposta pola xestión racional dos montes, pola revalorización do patrimonio que estes albergan, e por unha visión a longo prazo que garanta unha digna herdanza para as xeracións futuras.

MÁIS INFORMACIÓN:
www.espazosetecaminhos.tk
espazosetecaminhos@gmail.com


Sem comentários: