dezembro 23, 2011

NOM AOS PARQUES INDUSTRIAIS NO ESPAÇO NATURAL PROTEGIDO


Publicamos nota de imprensa da Plataforma em Defesa dos Montes do Morraço:

"A PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO REXEITA OS PROXECTOS DE PARQUES INDUSTRIAIS NO ESPAZO NATURAL PROTEXIDO

Ante a declaración de supramunicipalidade, a comezos de decembro por parte do Consello da Xunta, para o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia e posterior presentación do mesmo por parte do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu rexeitamento á construción dos polígonos industriais proxectados neste espazo protexido.

Este plan sectorial pretende construír até 2024 uns 42,7 millóns de metros cadrados repartidos en 119 novos polígonos que se virían sumar aos 19 millóns de metros cadrados dos 213 polígonos existentes en toda Galicia. O desenvolvemento de cada un destes novos parques ficaría condicionado a que existise unha demanda mínima dun 30% dacordo cun rexistro de demandantes.

Mais o que non conta a Xunta é que segundo os datos tirados dapáxina de Xestur, organismo dependente do Instituto de Vivenda e Solo da Xunta que se encarrega de xestionar parte do solo industrial galego, só na provincia de Pontevedra hai até un total 386 parcelas baleiras nos polígonos xa construídos e que suman 1.463.566 metros cadrados dispoñíbeis para todas aquelas empresas que as queiran ocupar sen necesidade de construír novos polígonos.

Este plan prevé tres zonas industriais nos Montes do Morrazo, unha no monte Pornedo de 375.000 metros cadrados, outra na Cruz da Maceira de 460.000 metros cadrados e aínda outra máis na Pastoriza de 1.152.021 metros cadrados que suman un total de case 2.000.000 de metros cadrados a recualificar neste espazo natural protexido polas normas subsidiarias provinciais.

A construción destes 3 polígonos industriais nun espazo natural protexido como son os Montes do Morrazo causaría un enorme e irreversíbel impacto ambiental, paisaxístico e patrimonial nunha área natural de grandes desniveis, na que nacen ríos como o Lameiriña, Loira ou o río da Fraga, e que ademais conta cunha grande e diversa riqueza natural (flora e fauna), xeolóxica e arqueolóxica (mámoas e petróglifos), que en total se verían ameazadas e/ou directamente destrozadas coa construción destes polígonos.

Tamén hai que ter en conta o grande impacto que producirán a construción ou adecuación do viais necesarios para conectar estes polígonos, principalmente a adecuación da estrada PO-313 Moaña Marín, xa planificada no seu momento no Plan Vigo Integra, e que xa fora rexeitada por toda a veciñanza dos núcleos de poboación afectados, Broullón, Miñán e Pardavila. Así como as molestias que causarán o continuo tráfico de camións e o propio funcionamento dos polígonos nestes núcleos e noutros como A Pastoriza, A Fraga máis os da Pena e O Caeiro na parroquia de San Xulián.

A construción destes novos polígonos, co seu grande desembolso económico e impacto ambiental, non son ningunha solución para sairmos da crise. Esta crise non foi causada pola falta de espazo industrial, senón que foi causada pola especulación e voracidade do sistema capitalista, polo que a creación de polígonos industriais non garante que se vaian crear postos de traballo. Estes polígonos xa foran planificados antes da crise, cando prevalecía a especulación urbanística e na que un parque industrial era sinónimo de recualificación de solo rústico a baixo prezo para despois vendelo ás empresas por un prezo moito maior, ficando en moitos casos naves baleiras ou cun uso distinto do industrial pola falta de comprador.

A demanda de solo empresarial e industrial no Morrazo non é real como para xustificar a construción destes 3 novos polígonos como así o demostra a decisión hai un ano da propia Xunta de reducir á terceira parte o proxecto inicial de 1.500.000 de metros cadrados a recualificar, entre os montes de Aldán e Beluso, do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en Castiñeiras, recoñecendo que non existía tal demanda empresarial e que a crise así o condicionaba.

Fronte ao criterio da Xunta do 30% da demanda mínima para desenvolver un polígono, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo considera que antes se deben encher os polígonos existentes, xa que aínda non teñen todo o seu espazo ocupado, e o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, debe adaptarse á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

O Morrazo, 22 de decembro de 2011"
defendeomorrazo@gmail.com
defendeomorrazo.wordpress.com

Sem comentários: