março 12, 2013

A A.C. Almuinha e o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños organizamos un roteiro polo Espazo dos Sete Camiños o vindeiro domingo 17 de marzo, que sairá ás 10:00h da Área Recreativa do Monte Pornedo! Conmemoraremos o Día da Árbore. Natureza, Petróglifos, Mámoas, Paisaxe, Lendas..., e máis!

Ven coñecer o Espazo!

A A.C. Almuinha e a comisión técnica do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños organizamos un roteiro pola zona do Espazo dos Sete Camiños o vindeiro domingo 17 de Marzo, con saída ás 10:00h da Área Recreativa do Monte Pornedo. As persoas interesadas en participar tamén poden presentarse ás 09:45h na Parada de Autobuses de Marín, a carón da Alameda, para dirixirnos en vehículos ao punto de partida.

Con esta andaina, que será guiada polo arqueólogo e historiador Lukas Santiago (membro da comisión do proxecto dos Sete Camiños), vaise conmemorar por anticipado o Día Forestal Mundial -que se celebrará o 21 de marzo-, facendo unha plantación simbólica de varias árbores en distintos puntos do percorrido. Tamén se repartirán bolsas entre os asistentes para recoller o lixo que se atope polo camiño, colaborando así a manter limpos os nosos montes.

Ademais de sumarnos ás actividades do Día da Árbore e de contribuír ao bo estado dos montes, o obxectivo da A.C. Almuinha é colaborar na difusión do proxecto do Espazo dos Sete Camiños e dar a coñecer as zonas que abarca, fronte ás ameazas que fan perigar a súa conservación, entre as que destaca o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo. Así pois, faise un chamamento á cidadanía para participar neste roteiro e gozar da natureza e do patrimonio que ofrece este contorno: flora, fauna, petróglifos, mámoas, paisaxe, lendas...

Sem comentários: