julho 20, 2011

Programación para a IV romaría día da patria o sábado 23

Tal como informamos neste blogue con anterioridade este sábado 23 de xullo a A.C. Almuinha e a A.C. Revira organizamos a IV Romaría polo Día da Patria en Marín. O programa de actividade é o seguinte:



10h. Saída en embarcacións tradicionais. A saída nas embarcacións tradicionais do Grupo Cultural o Ronsel, que un ano máis nos presta a súa axuda para esta actividade, terá lugar desde o porto de Aguete. Haberá varias quendas saíndo tamén as embarcacións pola tarde despois do xantar.



10h. Roteiro Aguete Illa do Santo pola costa. O roteiro que sairá desde o porto de Aguete pasará por detrás do Montecelo, polo núcleo costeiro de Loira coa súa fermosa praia para a seguir adentrarnos nun camiño que transcorre polo monte da Cova que nos permitirá ver a costa e uns fermosos cantís até chegar á praia da Ribeira e do Santo onde enfrente se atopa a Illa do Santo do Mar tamén coñecida como San Clemente. Polo camiño tamén poderemos observar os graves efectos do incendio no monte da Cova ocorrido o verán pasado.


10h. Saída en parapente. Desde Chan de Arquiña (máis concretamente desde Pedras Negras) haberá varias quendas para voar en parapente, a aterraxe será en Santa Cristina de Cobres e o custe da actividade será de 40€ por persoa. As persoas que participen recibirán antes de voar unha pequena explicación por parte dos monitores sobre o manexo do parapente. Aínda que a saída é en biprazas cun monitor se as condicións de vento o permiten os e as participantes poderán manexar o parapente.



14h. Xantar popular. Despois das actividades da mañá haberá un xantar a base de churrasco, ensalada rusa, café, licor café ou alternativa vexetariana. Para asistir ao xantar que custa 10€ é necesario reservar con anterioridade no correo a.c.almuinha@gmail.com ou ben chamando ao teléfono 606595310.

julho 15, 2011

Fóra monarquía e exercito español da Galiza

A A.C. Almuinha quere facer público o seu rexeitamento á visita de calquera dos membros da familia real española o vindeiro sábado 16 á Escola Naval Militar de Marín para o acto da entrega de despachos aos guardamarinas coñecidos popularmente en Marín como capullos.

Rexeitamos esta visita e a institución que representa a monarquía por nos parecer unha figura a do rei máis propia de séculos pasados que dunha democracia do século XXI que se autodenomine como tal mais tendo en conta a historia recente. Unha persoa que saltou ao seu pai na liña de sucesión ao trono, que foi educado por un fascista coma Franco, que xurou os principios do movemento e vai polo mundo dicíndolle a presidentes democraticamente elexidos que calen a boca non nos parece a persoa máis acaida para exercer a xefatura de ningún estado. Estado ademais coma o español que nega o dereito dos pobos que o integran, entre eles o galego, o dereito democrático máis básico de calquera pobo a decidir libremente o seu futuro.

Rexeitamos á figura do rei ademais de polos motivos ideolóxicos máis evidentes e repetidos en contra desta e de calquera outra monarquía tamén por motivos económicos porque nun momento de crise como o actual consideramos unha indecencia manter a unha persoa non elexida por ninguén e a toda a súa familia co noso suor simplesmente por levar un apelido ao nacer.

Parécenos unha burla e indignante que os ingresos medios no ano 2009 (últimos datos coñecidos) dunha familia galega foran de 24.120€ (2010€ por mes) e que cada vez haxa máis familias en risco de pobreza mentres unha familia, a dos Borbóns, recibira no mesmo ano 2009 e no 2010 8,896.920€ e que a pesares da profunda crise e recortes sociais e laborais que está a sofrer toda a cidadanía neste 2011 recibiran este ano 8,434,280€ e cos gastos como conservación dos seus palacios, parque móbil e viaxes entre outros pagados cos nosos impostos.

A A.C. Almuinha é tamén unha asociación contraria ao militarismo declarándose pacifista e é por iso que rexeita a existencia de exercitos e xa que logo tamén a presenza por máis tempo da escola naval militar en Marín por ser un centro de entrenamento e instrución onde se prepara aos futuros mandos da armada española para ocupar e expoliar os recursos doutras nacións ademais de asegurar a integridade do estado español tal como di o artigo 8 da constitución española.

Tal como propúñamos no decálogo de propostas presentado en marzo aos distintos partidos que se presentaban ás eleccións municipais volvemos reiterar a nosa petición de que se comecen a dar pasos por parte do noso concello para o desmantelamento deste recinto militar que ocupa un amplo espazo do noso concello e que debería pasar a ser propiedade do pobo. Así como amosamos tamén o noso apoio aos veciños e veciñas de Salcedo que neste mes teñen comezado un xuízo en contra da base militar de Figueirido por usurpación dos terreos da comunidade de montes de Salcedo. Lembremos ademais que a propia base ao construír unha aldea afgana para adestrar combates e formas de destrución en Afganistán tamén destruiu a mámoa de Louredo catalogada por patrimonio.



julho 10, 2011

23 de xullo IV Romaría Día da Patria

O vindeiro 23 de xullo, por cuarto ano consecutivo desde o seu nacemento, a A.C. Almuinha conxuntamente coa asociación a Revira de Pontevedra organizan unha serie de actividades para celebrar de xeito anticipado o Día da Patria Galega.

Un ano máis coa colaboración do grupo cultural o Ronsel os e as asistentes poderán disfrutar dun paseo pola ría nas embarcacións tradionais coas que conta esta asociación. As saídas que serán organizadas por quendas segundo o número de persoas comezarán ás 10 da mañá desde o porto de Aguete. Haberá saídas tanto pola mañá como pola tarde para garantir que todas as persoas que así o desexen poidan disfrutar da magnifica oportunidade de navegar como o facían os nosos antepasados.

Tamén como en anos anteriores haberá un roteiro que sairá desde o porto de Aguete até a Illa do Santo pasando pola praia de Loira. Polo camiño os e as participantes poderán disfrutar dunhas magnificas vistas da ría e dos cantis da costa marinense. Tamén poderán comprobar as consecuencias do incendio intencionado no monte da Cova que houbo o verán pasado.

Cubertos o mar e a terra este ano na A.C. Almuinha tamén nos propuxemos conquistar o ar, así o propio sábado 23 ás 10 da mañá hai organizada unha saída en parapente que conta coa colaboración da asociación Parapente Morrazo e que ten un custe de 55€ por persoa. A saída será desde Chan de Arquiña, máis concretamente de Pedras Negras, lugar onde a Xunta pretende instalar un parque eólico para Enel Power Green que terá un grande impacto tanto visual como ecolóxico nun espazo protexido como son os Montes do Morrazo.

Despois de tanta actividade é preciso parar para repor as enerxías necesarias para continuar pola tarde e para iso haberá un xantar a base de churrasco, ensaladiña, sobremesa, café e licores ou menú vexetariano por 10€. Para participar no xantar ou na saída en parapente será preciso reservar con antelación pasando polo local social co que conta Almuinha na rúa Rosalía de Castro nº 46 ou ben enviando unha mensaxe ao correo a.c.almuinha@gmail.com ou chamando ao 606595310.

julho 06, 2011

PP começa a despreçar a nossa língua

No passado mes de março a A.C. Almuinha remitia a todos os partidos que se apresentavam às eleiçons um decálogo com umha serie de medidas que na nossa associaçom consideravamos importantes. Entre as nossas propostas atopavam-se umha série de medidas em relaçom ao galego e ao seu uso por parte do concelho.

Pasado já quase um mes desde a toma de posessom do novo governo municipal do PP queremos manifestar a nossa grande preocupaçom com o rumo que começa a tomar o governo a respeito do galego o que nos fai pensar que os vindeiros anos ham ser muito duros para acadar a plena normalizaçom da nossa lingua.

A difícil situaçom na que se atopa o galego no nosso país nom a vamos descubrir nem anunciar nós; som muitos os informes e estudos que reflictem este facto obxectivo, realizados por entidades como o Conselho da Cultura Galega ou a Real Academia da Língua entre outras, que coincidem em revelar umha constante perda de falantes ano tras ano. Mas em Marim nom precisamos nem tam sequera ir à procura destes informes e estudos, que a través dos frios números amosam umha realidade dramática. Tam só fai falha dar um passeio polos parques infantís ou colegios da nossa vila e contar o número de nenos/as que empregam a nossa lingua.

Mas esta situaçom nom parece afectar nem preocupar a um sector, minoritário mas poderoso, da nossa sociedade, que ancorado em posturas de tempos passados, nos que se via ao galego como umha língua de atrasso e pobreça, continua olhando para outra parte mentres o tempo continúa realizando a desfeita, ou directamente se implica na sua subordinaçom com respeito ao castelám ou incluso nalguns casos minoritários apostando diretamente pola sua eliminaçom.

Neste pequeno espaço de tempo já tivemos a oportunidade de ver como no pleno de toma de posessom, tam só um dos membros do governo local empregou a lingua galega, mentres os outros 7 o faziam em castelám, incumprindo assim a legislaçom vigente no que se refire ao uso da lingua galega polos cárregos eleitos (Estatuto da Galiza; Lei 3/83, de Normalizaçom Lingüística, que no seu artigo 6.3 estabelece que "Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.", e no artigo 25 "O Goberno galego e as Corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras."; Lei 5/1998, do uso do galego como língua oficial polas entidades locais; e ainda os acordos plenários do Parlamento Galego, já com o PP no governo galego, em julho de 2009 e fevereiro de 2010), e o que é peor, amossando qual é a sensibilidade do novo governo municipal em quanto à lingua, e o que nos agarda.

Mas nom é o único caso, posto que estes dias podemos ver polas ruas de Marim um cartaz no que se anuncia a realizaçom dum torneio de futebol-7 e no que colabora o "Ayuntamiento de Marín". Menos mal que o nome da nossa vila nom admite traduçom ao castelám, porque nom duvidamos que sería recolhido e usado polo governo municipal.

Dias antes das eleiçons municipais puidemos ver a actual alcaldesa num acto de Queremos Galego. Nom imos entrar em valoraçons de se a sua presença em tal acto implicava um apoio explícito à Plataforma Queremos Galego, respostava a motivos eleitorais ou simplesmente era umha mostra de apoio à nossa lingua. Mas em qualquer caso o galego nom se apoia com fotos ou declaraçons, apoia-se com factos, e os factos falam por si sós. Como era de agardar, nom há que se engañar nem enganar a ninguém, o novo governo local constitúe, por acçom ou omissom, a brigada local de extermínio do galego de Núñez Feijoo.

Desde a A.C. Almuinha queremos manifestar que vamos estar alerta no referido ao uso do galego por parte do novo governo municipal. Com estas atitudes estamos voltando a um estadio anterior, preautonómico, umha volta atrás completamente inasumível. Os/As representantes d@s cidadáns tenhem a obriga legal e moral de defender a nossa cultura, e polo tanto a nossa lingua, e nom de destrui-la. Desde Almuinha preguntamo-nos, à luz destes factos, quais vam ser as medidas de promoçom e defessa da nossa lingua que vai aplicar o novo governo do PP?

junho 14, 2011

Proxección "Manual de uso para unha nave espacial" e roteiro contra o parque eólico no Morrazo

Este venres 17 de xuño dentro do programa de documentais arredor do medio que organizou a A.C. Almuinha para este mes de xuño proxectaremos o documental “Manual de uso para unha nave espacial”.
O sistema capitalista impúxonos unha lóxica de competencia, progreso e crecemento ilimitado que leva á destrución do planeta, a diversidade cultural e os dereitos dos pobos. Baixo o capitalismo a terra convértese en fonte só de materias primas e as persoas en medios de produción e consumidores que só valen polo que teñen e non polo que son.
O cambio climático é a maior ameaza para o futuro do noso planteta. A humanidade está fronte a unha grande disxuntiva continuar polo camiño do capitalismo, a depredación e a morte, ou emprender o camiño da harmonía coa natureza e o respecto á vida. Precisamos cambiar o modelo de produción capitalista e de sociedade e a forma de entender a nosa relación coa natureza, restablecer a harmonía entre o medio e a humanidade para termos unha natureza viva e un futuro digno para todos e todas.
“Manual de uso para unha nave espacial” é un documental realizado por Amigos da Terra e trata sobre o cambio climático no noso entorno máis próximo. Non fai falla ver como se derreten os polos, basta con observar ao noso redor para entender en que consiste. Arte, novas, natureza e sociedade de consumo son os temas deste documental; catro curtametraxes entrelazadas cóntannos distintas realidades entorno a un mesmo problema e unha visión de fondo: somos astronautas dunha nave espacial da que non temos manual, mais aínda así debemos aprender a ser pilotos da nave Terra.
A proxección terá lugar a partir das 20:30 h no centro social Almuinha, rúa Rosalía de Castro nº 46, e coma sempre a entrada é de balde.


Para o sábado, a Plataforma en defensa dos Montes do Morrazo da que fai parte a nosa asociación, organiza un roteiro por Pedras Negras, a zona afectada polo proxecto de construción dun parque eólico no Morrazo. O roteiro sairá dende a área recreativa de Chan de Arquiña para subir até o monte Faro de Domaio e Coto do Home dende onde se poderán ver as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa ademais da zonas onde se van instalar os muíños de vento.


Dende a A.C. Almuinha queremos convidar á veciñanza a realizar este roteiro que terá unha duración aproximada de 2 horas que nos permitirá a todos e todas ter unha idea dos efectos que tería no medio e na paisaxe a instalación do parque eólico proxectado.











junho 08, 2011

Projecçom-debate: Ence e o futuro da nossa ria

Esta sexta-feira (venres), dia 10 de junho, a A.C. Almuinha continua com as Jornadas adicadas ao meio. Nesta segunda jornada projectaremos o documentário da APDR “O futuro da ria”, e contaremos com a presença de vári@s representantes da associaçom ecologista para falar do documentário, assi como para comentar qualquer outro aspeito relacionado com o complexo industrial ENCE-ELNOSA.

Desta volta, o documentário projectará-se na Sala da Biblioteca de Marim a partir das 20:30 horas.

Com esta projecçom pretendemos fazer a nossa humilde aportaçom à difusom da luita contra a ubicaçom desta empresa na nossa ria e para a conscienciaçom da sociedade marinense da necesidade de eliminar este complexo industrial de Lourizám polos variados efeitos negativos que provoca.

Aproveitamos para convidar a tod@s @s marinenses a que assistam à projecçom e posterior debate, assi como a que assistam masivamente à Marcha convocada para o dia seguinte, e que sairá da Alameda de Marim a partir das 19:30 horas.

junho 07, 2011

Apoiamos marcha contra Ence

A Associaçom Cultural Almuinha manifesta o seu apoio à Marcha contra Celuloses convocada pola “Asociación para a Defensa da Ria de Ponte Vedra” para o sábado 11 de junho e que partirá, arredor das 19,30h, como vem sendo habitual, das Alamedas de Marim e Ponte Vedra respeitivamente.

Apoiamos à APDR na sua recente crítica às declaraçons do conselheiro delegado do grupo ENCE, Sr. Colmenares, das que tiramos a conclusom de que a empresa nom está a percurar nenhum local alternativo, embora a Junta da Galiza diz manter conversas fluidas nesse sentido.

Nos tememos que o governo da Junta esteja submetido aos ditados do poder empresarial do complexo ENCE-ELNOSA.

O complexo ENCE-ELNOSA segue a incumprir a legislaçom meio-ambiental em matéria de verquidos à Ria segundo a Lei de Augas de Galiza e a Lei de águas Residuais Urbanas. Verquem mercúrio, cádmio, sólidos em suspensom, e fósforo, comprometendo a qualidade das águas para a produçom marisqueira e pesqueira.

Estám a atentar contra a nossa saude e isto é intolerável. Tudo por continuar a tirar um lucro financeiro produzido em umha indústria de enclave na nossa naçom. Umha indústria que o ditador espanhol Franco obrigou a instalar no nosso território em benefício das oligarquias espanholas e contra a vontade dos vizinhos afectados.

Contudo, esperamos que a Junta da Galiza nom renove as Autorizaçons Ambientais Integradas porquanto estas empresas estám incumprir a lei.

Pola recuperaçom da Ria e a implementaçom de um modelo económico sustentável baseado na exploraçom racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, florestais e turísticos desde parámetros de respeito e conservaçom do meio natural e do património cultural, é que fazemos um apelo a assistir a esta nova marcha contra a barbárie.

ENCE, ELNOSA NOM, FORA DA NOSSA RIA !!!

FORA DA GALIZA !!!

junho 01, 2011

Mes de Xuño mes do medio

Este 5 de xuño é o Día Mundial do medio ambiente, con tal motivo a A.C. Almuinha organiza para este mes de xuño unhas xornadas de concienciación que consistirán na proxección de distintos documentais e posterior debate sobre o tema tratado no mesmo.

Na A.C. Almuinha somos conscientes da grande importancia que ten manter o noso medio ambiente nas mellores condicións posíbeis e da influencia que ten a man do home no continuo deterioro da nosa natureza. O sistema capitalista, agora en crise, é o grande responsábel ademais da fame e da desigualdade social existente no mundo das moitas desfeitas na terra para lucro duns poucos a conta da mesma e das condicións de vida presentes e futuras da poboación mundial.

Galiza non é ningunha excepción, por desgraza, e vén sendo obxecto de múltiplos proxectos que poñen á venda a nosa terra e a noso medio a favor duns poucos, destruíndo os nosos montes, recheando as nosas costas, encorando os nosos ríos, acabando coa nosa biodiversidade co beneplácito do goberno que no canto de acabar con isto aínda facilita máis as cousas.

A primeira proxección é un documental titulado “Na defensa da terra” no cal a través da gravación de tres manifestacións se recollen outras tantas loitas significativas de finais dos anos 70: a resistencia nas Encrobas en contra das expropiacións das terras dos veciños e veciñas para a explotación das minas de lignito, a oposición á central nuclear de Xove, a recuperación para o pobo do litoral de Baldaio. Fitos irrenunciábeis da nosa historia recente que foron gravados pola cámara do documentalista, xa falecido, Carlos Varela.

A proxección terá lugar o venres 3 de xuño ás 20:30h no centro social Almuinha situado na rúa Rosalía de Castro nº 46 sendo, coma sempre, a entrada libre para calquera persoa que queira asistir.


maio 16, 2011

Na Galiza o galego é natural


Dende o nacemento da A.C. Almuinha, as persoas que a formamos asumimos o compromiso de defender e promover o uso da nosa lingua, a nosa cultura e o respecto ao noso medio. Eramos conscientes naquela altura, e sómolo agora, da importancia de manter a nosa lingua e cultura vivas e o noso medio nas mellores condicións para as xeracións futuras.

A nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua son a maior riqueza que temos os galegos e galegas, pois son estes elementos os que moldearon e expresaron o noso xeito de vivir e os que nos singularizan no mundo como galegos. O noso idioma e a nosa cultura non son mellores, mais tampouco peores, que calquera outros, mais son únicos, son os propios da nosa terra, son a nosa achega á diversidade cultural e lingüística do mundo.

É a lingua galega a que lles serviu aos nosos devanceiros para transmitir a sabedoría, a historia e as tradicións que conforman e enriquecen a nosa cultura. É a lingua que naturalmente usaron os galegos e galegas para se comunicar, para se relacionar durante séculos no noso país: é, pois, a nosa lingua natural.

Afirmar, como fan o actual goberno galego e determinados sectores políticos, sociais e económicos de carácter galegófobo, que o galego foi ou está imposto, ademais de negar séculos de conculcación dos dereitos dos galegofalantes, é unha falacia, pois non se pode considerar como imposto algo que nos é propio.

É, así mesmo, unha falacia que o galego estea imposto cando hoxe aínda existen múltiplos atrancos para facer unha vida plena e digna en galego. É unha falacia cando a educación acelera a desgaleguización dos nosos fillos e fillas e mesmo fai abandonar o idioma aos nenos e nenas que falan galego. É unha falacia cando acudimos á Xustiza e non conseguimos que se tramiten os nosos expedientes na nosa lingua. É unha falacia cando hoxe é case imposíbel conseguir unha hipoteca, unha escritura notarial, unha esquela e toda unha serie de documentos cotiáns en galego nos máis diversos ámbitos como o sanitario, o laboral ou o comercial. É tamén unha falacia cando perviven uns prexuízos profundamente antidemocráticos sobre as persoas que falan galego, vellos tópicos que son alimentados e mesmo actualizados por aqueles que legalmente están obrigados a promocionar o idioma e velar polos dereitos dos galegofalantes.

Mais, a pesar de ser o galego a lingua propia e natural do país, sucede como no noso medio ambiente, que estragamos até tal punto que consideramos propios os eucaliptos que substitúen os nosos bosques autóctonos. Con todo, seguen sendo as nosas carballeiras, os nosos soutos, as nosas fragas, os nosos ríos e a nosa lingua o natural na nosa terra e por iso cómpre coidalos para que non desaparecezan na voráxine dunha mal chamada globalización e dun falso progreso. O mito de babel, ao contrario do que din algunhas voces, non foi ningunha maldición senón que representa a riqueza e diversidade cultural e lingüística de distintos pobos que a pesares das súas diferenzas comparten uns mesmos desexos de seguir existindo. Como dicía Castelao, os burros aínda seguen no idioma universal, e os galegos e galegas con dignidade e con conciencia non queremos ser burros, queremos aprender cantas máis linguas mellor, mais a nosa a primeira.

Na Galiza o galego é natural, sexamos entón naturais, falemos en galego.

maio 09, 2011

Festa da Lingua 2011

Un ano máis e dende o ano 2008 a A.C. Almuinha organiza este sábado 14 de maio co gallo do Día das Letras Galegas a 4ª Festa da Lingua en Marín.


A festa que comezará ás 11 da mañá na alameda de Marín contará coa presenza do grupo de música tradicional os Chichisos, as pandeireteiras e pandeireteiros de Maravallada, haberá unha solta de libros cedidos pola editorial Kalandraka e para facer a ledicia dos máis pequenos contaremos coa presenza dos magníficos contacontos Codia e Miolo ademais de xogos populares.


A partir das 2 da tarde a festa trasládase ao pavillón do colexio O Sequelo onde antes do último aberto de billarda da tempada na conferencia sur ás 5 da tarde, haberá un xantar a base de churrasco, ensaladilla, sobremesa, café e licores ou menú vexetariano cuxo prezo é de 10€ sendo necesario reservar con antelación no teléfono 606 59 53 10 ou ben enviando un correo a a.c.almuinha@gmail.com

abril 13, 2011

Inauguración do novo centro social Almuinha

Termos un espazo propio sempre foi un dos obxectivos da A.C. Almuinha dende o seu nacemento, pensabamos que nunha vila como a nosa cumpría un espazo de pensamento alternativo en chave galega e na nosa lingua. Un local onde poder achegarnos á sociedade para crecermos como asociación e sumar máis persoas á loita pola nosa cultura e lingua, un espazo libre de sectarismos onde poder xuntar esforzos.

A finais do 2009 abriamos o primeiro centro social na rúa Ezequiel Massoni, un local onde ao longo de case un ano realizamos numerosas charlas, proxeccións de filmes e documentais, exposicións, xantares e cursos. Despois dun ano de traballo decidimos mudar de local e, malia que o proceso de cambio durou bastante máis do agardado, por fin contamos cun novo local e estamos prontos para comezar de novo e con ilusións renovadas o traballo que viñamos facendo no antigo local.

A inauguración do novo local, que está situado no número 46 da rúa Rosalía de Castro, terá lugar este venres 15 de abril a partir das 20h.

abril 08, 2011

Propostas de Almuinha para as eleiçons locais

Com motivo das eleiçons municipais que terám lugar o vindeiro 22 de maio, desde a A.C. Almuinha elaboramos umha série de propostas (as propostas vam íntegras ao final desta nota) que forom entregadas no passado mês de março a todos os partidos que a dia de hoje tenhem manifestado que se vam apresentar às mesmas (PP, PSdeG, BNG, MAR-IN e Entero Liberal).
Queremos aclarar que o documento nom é o programa político de Almuinha, nem tam sequera pretende recolher todas as propostas da nossa associaçom. Estas Propostas som umha série de ideias que estabelecem indicaçons e orientaçons de por onde consideramos que deve dirigir-se a política local nos vindeiros anos.
Nestas Propostas recolhemos moitos pontos que consideramos centrais como som: Lingua e Cultura; Economia e Serviços Sociais; Serviços Públicos; Ecologia; Democracia Participativa e Escola Naval Militar.
  • Em quanto à Lingua e Cultura consideramos necesárias actuaçons precisas que garantam a defessa e promoçom da nossa lingua e da nossa cultura. O galego continúa perdendo falantes e é imprescindível que se tomem medidas urgentes desde o concelho, dentro das suas competências, para reverter esta situaçom, mentres a nossa cultura (música, desportos...) continúa sem ter o apoio necesário que a dignifique.
  • Por outra banda, vivemos num sistema económico profundamente inxusto, desigual e discriminatório que nestes tempos de crise está a aprofundar os seus efeitos sobre a imensa maioria da populaçom. É precisa umha política económica radicalmente distinta desde o concelho, e de apoio às classes trabalhadoras.
  • No que se refire aos Serviços Públicos, nós apostamos sem dúvida por eles e estamos contra as privatizaçons, que conleva que as empresas se beneficiem economicamente da prestaçom de determinados serviços, mentres se empiora o serviço prestado e as condiçons laborais dos seus trabalhadores/as.
  • Por outra banda é fundamental compatibilizar o progreso e o trabalho com o respeito do ambiente. Nom podemos aceitar que se destrúa o ambiente a cambio de um número determinado de postos de trabalho, que hipotecam o futuro da nossa terra e das geraçons vindeiras. É imprescindível a criaçom de trabalho, mas respeituoso com o ambiente.
  • No que se refire à Democracia Participativa, o sistema político desincentiva a participaçom e fomenta a apatia da cidadania, reduzindo-se a participaçom à emisom de um voto cada 4 anos. Consideramos fundamental o estabelecemento de medidas que garantam a participaçom da cidadania na toma de decisons, fomentando a corresponsabilidade e a transparência nos asuntos públicos.
  • Em quanto à E.N.M. cremos que é importante iniciar o debate em relaçom à sua permanência no nosso concelho. Marim vive de costas ao mar, e em boa medida por causa da E.N.M., que ocupa uns terreos, moitos dos quais estám completamente infrautilizados, que poderiam ser aproveitados para o goce da cidadania de Marim. Amais disto, estamos em contra da sua permanência, entre outras cousas, polo papel das Forças Armadas, encarregadas de defender a integridade terrotorial do Estado espanhol, negando com isto o direito democrático mais fundamental de qualquer povo (reconhecido em multitude de acordos internacionais), que é o direito de autodeterminaçom, que é simplesmente que cada povo poida decidir livremente o seu futuro.
Por último, queremos agradecer a boa acolhida que estám a ter as nossas propostas nos partidos, já que menos umha candidatura todos nos respostarom comprometendo-se a estudar estas propostas de cara a poder incluir as que considerassem oportunas nos respeitivos programas eleitorais. Amais, nestas últimas semanas mantivemos reunions com alguns partidos políticos com representaçom no concelho para explicar e debater algumhas destas propostas que fazemos, assim como também para intercambiar pontos de vista em relaçom com diversos aspeitos da nossa vila.

Decálogo

abril 07, 2011

Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo

Debido aos múltiplos proxectos que por parte da Xunta e doutras administración se pretenden levar a cabo no Morrazo afectando aos Montes do Morrazo que atravesa a nosa comarca de norte a sur un grupo de persoas e colectivos decidimos xuntarnos e crear unha plataforma para traballar de xeito coordinado contra a destrución da nosa comarca. Este é o manifesto elaborado pola plataforma:

O espazo natural dos Montes do Morrazo, abrangue 1032 Has. de solo protexido a nivel provincial compartido polos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa. Nel están ubicados:

Os cumios da comarca, Faro, Coto do Home e Cotorredondo, a máis de 600 metros de altitude con fermosas e amplas vistas panorámicas das Rías Baixas, Illas Atlánticas e serras do interior de Pontevedra ata Ourense e Portugal.

As áreas arqueolóxicas dos Sete Camiños e as de Chan de Castiñeiras, Chan de Armada e Chan de Arquiña, que a parte dos gravados rupestres representa como máximo valor a práctica totalidade dos monumentos megalíticos existentes na comarca e un referente tamén a nivel galego.

Os parques naturais da Lagoa de Castiñeiras e de Chan de Arquiña son áreas de lecer de gran interese ecolóxico, social e cultural.

Os nacementos dos ríos Lameira, Loira, da Fraga, Barranco do Faro, Caiauga, da Freixa, Miñouba, Riomaior e Toimil coas súas áreas de ribeira de interese natural, fluvial, hídrico, etnográfico e incluso marisqueiro por formar algúns intermareais nas súas desembocaduras.

Bosque autóctono e de repoboación xunto con outras de mato e pasteiros en monte privado e mancomunado de interese natural, forestal e gandeiro.

As brañas de Castiñeiras e de Corno Pineda, incluídas xunto coa lagoa de Castiñeiras no inventario de humidais de Galicia.

O GR59 Roteiro Ecolóxico do Morrazo, como principal arteria do sendeirismo na comarca, asimesmo como roteiros sinalizados de bicis de montaña e puntos de despegue, voo e aterraxe de afeccionados ao parapente.

No entanto e sumado ás afeccións consumadas de saturación paisaxística e electromagnética de antenas de telecomunicacións e o impacto medioambiental producido pola construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, están as ameazas futuras dun parque eólico de 42 MW aprobado pola Xunta de Galicia en Pedras Negras, entre os cumios do Faro e o Coto do Home; un parque industrial de 229.330 m2 no monte Pornedo planificado polo Concello de Marín no seu PXOM , e un macroparque industrial de 1.500.000 m2 aprobado pola Xunta de Galicia que conxugaría o de 460.000 m2 planificado polo concello de Moaña a traveso do seu PXOM na Cruz da Maceira e o de 1.152.021 de m2 planificado como reserva na Pastoriza polo Concello de Marín no seu PXOM; máis o desdobramento do corredor de alta capacidade en autovía e as obras de ampliación da estrada PO-313 Marín-Moaña contempladas no Plan Vigo Íntegra, agora Plan Move; dentro dun modelo de desenvolvemento claramente especulativo e totalmente insustentable por parte das Administracións.

A protección actual deste espazo natural, solo rústico de proteción de espazos naturais, prohíbe calquera actividade industrial no terreo protexido.

Ademais este espazo é susceptible de cumprir cos parámetros para a entrada nunha futurible ampliación da Rede Natura europea dadas as súas condicións bioxeográficas, tanto pola existencia de fauna e flora silvestre como de hábitats naturais prioritarios no seu seo, e mesmo para a súa conversión en Parque Natural.

E por engadido pasa por ser xunto cos montes de Lourizán, montes de Salcedo, montes de Vilaboa, montes de Figueirido, monte das Penizas, montes de Santa María do Campo e de San Tomé de Piñeiro, montes Sobareiro e da Cova, carballeiras de Pastoriza, Ardán e Cela, monte Bermello, monte Castelo, monte Paralaia, monte do Ermelo, Carballal de Coiro, serra da Magdalena, montes de Varalonga, Borrallido e Campelo, montes do Hio, monte de Tirán, Outeiro de Campolongo e monte Cernello, monte de Cabalo; e as áreas fluviais de ribeira dos vales contíguos; un corredor ecolóxico de suma importancia para permitir a supervivencia das especies animais e vexetais que conforman a biodiversidade, e a viabilidade das súas poboacións, ó conectar as rías de Vigo e Pontevedra, e os espazos da Rede Natura existentes no litoral da comarca e península do Morrazo, a Enseada de San Simón, Costa da Soavela e Cabo Udra, entre si e coas terras do interior; dentro dunha comunidade autónoma que destaca tristemente por estar no vagón de cola do Estado e de Europa en protección de espazos naturais.

Polo arriba citado e máis solicitamos que se cumpra coa legalidade e se proceda á protección íntegra, real e efectiva do espazo natural Montes do Morrazo.


março 21, 2011

Palestra sobre a prehistoria na Galiza e roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños

Este venres 25 de marzo comezará un ciclo de palestras co que pretendemos achegar e dar a coñecer as diversas etapas historicas na nosa terra ao longo do 2011.
A primeira das palestras tratará sobre a prehistoria e contaremos para ela co arqueólogo e membro do Instituto de Estudo Miñoranos, Xosé Lois Vilar.
Para o sábado 26 temos organizado un roteiro para dar a coñecer a todas aquelas persoas interesadas en que consiste o proxecto do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Este roteiro que comezará ás 10 da mañá ten unha duración aproximadas dunhas 4 horas durante as cales os e as asistentes poderán gozar alén de diversas mámoas e petróglifos dunhas impresionantes vistas sobre a nosa vila e a ría en xeral.

Manifesto contra a Lei de Augas

Máis de 2.000 persoas congregáronse, o 20 de marzo (antevéspera do Día Mundial da Auga) en Santiago de Compostela, para esixir do Goberno de Feijoó a derrogación da Lei de Augas de Galicia. A marcha cívica, convocada pola Plataforma Galega contra a Lei de Augas, partiu ás 12:30 horas da Alameda, e rematou na Praza da Quintana, onde representantes dasdiversas organizacións que integran este movemento contra a privatización da nosa auga deron lectura a un manifesto.

março 17, 2011

Apoiamos Plataforma Galega contra a Lei de Águas e a movilizaçom deste domingo

Vem-se de criar umha Plataforma em Defesa da Água para botar abaixo a Lei de Augas aprovada polo Parlamento Galego o passado mes de novembro. O processo de privatizaçom das competências públicas em matéria de água, que arrinca com esta lei, assí como a fixaçom de um preço a um bem básico e natural, imprescindível para a vida, som o suficientemente graves como para que desde todos os colectivos sociais impulsemos o debate cidadá sobre o tema. Almuinha já tem manifestado a sua adesom a Plataforma Galega contra a Lei de Águas e á movilizaçom convocada para este próximo domingo dia 20 em Compostela.

março 16, 2011

Obradoiro: "Construíndo igualdade a partir das nosas diferenzas"

Desde A.C. Almuinha informamos de que, con motivo do pasado Día Internacional da Muller, o día 18 de marzo ás 20.00 terá lugar no Ateneo un Obradoiro de Igualdade que leva por lema: “Construíndo igualdade a partir das nosas diferenzas”.

O Obradoiro permitirá as persoas asistentes reflexionar sobre as nosas diferenzas como homes e mulleres e a necesidade da igualdade material en dereitos, mais alá da meramente formal recollida en diferentes normas xurídicas. Ademais, preténdese crear un debate grupal, no que cada persoa reflexionará sobre as accións que pode emprender na súa vida cotiá para acadar esa igualdade de dereitos e a superación das desigualdades de xénero.

Dada a situación actual, caracterizada por unha banda polas dificultades que continuamos a ter as mulleres para o acceso ao mundo laboral, para promocionar no traballo, para acceder a postos directivos na empresa, para compaxinar a xornada laboral e doméstica e de coidado, para acceder a traballos tradicionalmente masculinizados, etc, e por outra banda, polos recortes de dereitos sociais e laborais no contexto da crise económica actual e que supoñen un duro golpe aos sectores máis desfavorecidos, entre elas as mulleres, fai que desde a A.C. Almuinha consideremos moi importante a realización dun Obradoiro que permita ao conxunto da poboación a análise da realidade, a reflexión e a acción para mudar esta situación.

O Obradoiro será impartido por unha pedagoga e unha psicóloga-sexóloga pertencente ao Gabinete Proceso Psicoloxía e con ampla e acreditada experiencia.

Dende a A.C. Almuinha convidamos a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas, maiores de 16 anos, a que asistan, sendo por suposto a entrada de balde.

Para maior información, podedes poñervos en contacto no teléfono 647 06 23 99 ou no mail a.c.almuinha@gmail.com

março 13, 2011

Pola posta em valor do nosso património arqueológico

Há algum tempo, desde a A.C. Almuinha desenvolvimos umha pequena campanha que tinha por objecto chamar a atençom sobre o estado de abandono do património arqueológico do nosso concelho. Malia que temos um importante património pre-románico, nunca mereceu a atençom nem da administraçom local nem da galega, tendo como consequência o contínuo deterioro dos restos.


Durante vários meses solicitamos, tanto ao concelho de Marim como a própria Xunta, diferentes actuaçons para proteger e pôr em valor o nosso património arqueológico: a posta em valor do castro da Subidá e a melhora do entorno dos petróglifos de Mogor eram as intervençons mais prioritárias desde o nosso ponto de vista.

O castro da Subidá, que é o melhor exemplo de povoado castrejo existente no nosso concelho, ficou ao longo dos anos completamente abandonado e desprotegido ante diferentes acontecimentos, provocando que as desfeitas no jacimento da Subidá fossem quantiosas nos últimos 15 anos: lumes, espólios, vegetaçom, actuaçons irresponsáveis e inconcevíveis como forom a apertura de caminhos e estradas na área de protecçom, a construçom dumha canteira que provocou que a muralha defensiva que até há bem pouco era visível rematara desaparecendo, ou a instalaçom dumhas torretas de Fenosa, que finalmente forom retiradas.

Pola sua banda, os petróglifos de Mogor, que som o principal valor arqueológico de Marim e um dos conjuntos de arte prehistórica mais relevantes da Galiza, estiverom durante anos bastante abandonados, sem ningum tipo de indicaçom que permitisse às pessoas que se achegavam ao lugar vê-los com facilidade e sem nengúm tipo de informaçom sobre eles, a excepçom de trabalhos de limpeça e de adequaçom da área, mas carente de qualquer tipo de mantimento, provocando que por exemplo os caminhos de pedras que se colocarom há vários anos na atualidade estejam bastante deteriorados nalgumha zona.

Atualmente estám-se a levar a cabo trabalhos nas duas áreas, trabalhos que desde a A.C. Almuinha valoramos positivamente: na zona dos petróglifos de Mogor está a se construir um pequeno centro de interpretaçom, e no castro limpou-se a área e fara-se umha especie de passeio para unir o centro de Marim com o castro. Desde Almuinha cremos que este é o caminho a seguir, e devem marcar o começo dumha nova etapa de recuperaçom e posta em valor do nosso património arqueológico, polo que queremos felicitar o concelho de Marim por estas actuaçons.


Mas também queremos manifestar que agardamos que estas actuaçons nom fiquem em intervençons para tirar umha foto, e depois fique todo abandonado outra vez durante anos. Se bem nos petróglifos de Mogor, com a construçom do centro de interpretaçom, a colocaçom de paineis informativos e o arranjo do caminho de pedras, consideramos que seria suficiente para a sua posta em valor, no castro haverá que dar novos passos umha vez se rematem os trabalhos atuais. É preciso fazer umha investigaçom arqueológica moderna, séria e completa (que nunca se fixo), que consista na sua recuperaçom integral e no seu estudo.

Marim, a 13 de março de 2011


A.C. Almuinha

março 09, 2011

10 DE MARÇO, DIA DA CLASSE OBREIRA GALEGA

A movilizaçom das e dos trabalhadores deve manter-se firme enquanto nom se conquira paralisar a involuçom geral das condiçons sócio-laborais e o aumento do desemprego como válvulas de escape abertas polos poderes políticos e económico para combater a crise do sistema financeiro privado e que repercute nas tensons de liquidez que sofrem particulares e empresas. Denunciamos o modelo espanhol de saida da crise que faz pagar os custos da mesma aos trabalhadores.


O governos espanhois do Psoe no estado e do PP na Junta da Galiza estám a aplicar um recurte no gasto público para cumprir os objectivos de défice público que marcam as autoridades financeiras internacionais com a ameaça de que no caso de nom serem cumpridos realizarám umha intervençom directa nas economias públicas para garantir a sua solvência ante os mercados especulativos que financiam estes estados adquirindo a sua dívida pública. E mentres com cada alarme que fazem soar de possível insolvência e possibilidade de intervençom as percentagens de rendibilidade, quer dizer, o preço a pagar por esse financiamento tam necessário, seguem a medrar para encher os petos dos especuladores apoiados pola laboura colaborativa das agências de rating ou mediçom do risco dos investimentos financeiros.

Assistimos a um desmantelamento dos serviços públicos, umha reforma das pensons e do sistema financeiro galego que percuram pagar ao sector da grande banca espanhola os supostos favores em apoio financeiro de determinadas opçons políticas. Estám a precarizar os serviços públicos para entrega-los em maos da oferta privada.

A situaçom para os trabalhadores agráva-se com o estancamento ou reduçom da remuneraçom do trabalho como a proposta desde a chéfia empresarial e mesmo do Banco de Espanha, a indexaçom do aumento salarial em funçom da produtividade em lugar da inflaçom, considerando que os salários na Galiza já som menores que a média estatal; o aumento do preço dos combustíveis que agrava um cenário já preocupante de inflaçom subjazente da mao de um crescimento quase nulo no contexto de um sistema ecónomico capitalista que contudo já carece de racionalidade e justiça social.


Desde Almuinha advogamos por que as entidades sindicais galegas continuem a percurar um marco galego de relaçons laborais onde concentrar as nossas reivindicaçons e caminhar para umha Galiza soberana e dona de si própria.


A.C.ALMUINHA
10 de Março de 2011

março 07, 2011

Dia Internacional da Mulher Trabalhadora

Este 8 de marzo de 2011, Día Internacional da Muller Traballadora, vén marcado por un contexto de grave crise económica. Este contexto dá lexitimidade ás distintas administracións e gobernos para aprobar medidas, como as recentes Reformas laboral e das pensións, que non teñen outra xustificación que respostar ás demandas da banca e o gran capital (únicos culpábeis da actual crise económica), recortando e atentando contra os dereitos sociais e laborais do conxunto da poboación, colocando as persoas máis vulnerables (entre elas, as mulleres) nunha situación de maior vulnerabilidade.



Este novo contexto, que se ben afecta ao conxunto da poboación, provocará sen dúbida un aumento na feminización da pobreza existente xa con anterioridade á crise, e dificultará aínda máis que as mulleres poidan acceder ao mundo laboral, a condicións laborais e a pensións dignas, xa que atrasar a idade de xubilación e alongar o período para o cálculo de pensións, dificulta o acceso e reduce a contía por mor da precariedade laboral que levan asociada (temporalidade, contratos parciais e por horas, traballo non remunerado, longos períodos de inactividade ata que acadan contratos estábeis, etc.), ou ben por interrupcións ou diminucións da cotización, derivadas de situacións como a maternidade e conciliación (excedencias, reducións de xornada, etc).


Ademais, neste 8 de marzo de 2011, as mulleres continuamos a ter, nas chamadas “sociedades desenvolvidas”, dificultades no acceso ao mundo laboral, para promocionar laboralmente, para acceder a postos directivos na empresa, para compaxinar a xornada laboral e doméstica e de coidado, para acceder a traballos tradicionalmente masculinizados e un longo etcétera. Se ben é certo que algo se avanzou nesta materia, tamén é ben certo que aínda fica moito camiño por percorrer.


É por isto, que A.C. Almuinha non pode deixar a un lado unha data coma esta e quere, ademais de reivindicar a loita polos dereitos sociais e laborais das mulleres, convidar ao conxunto da poboación marinense a participar o vindeiro 18 de marzo ás 20:00 no local do Ateneo a un Obradoiro de Igualdade que leva por lema: “Construíndo igualdade a partir das nosas diferenzas”. Neste Obradoiro pretendemos reflexionar sobre as nosas diferenzas como homes e mulleres e a necesidade da igualdade material en dereitos, mais alá da meramente formal recollida en diferentes normas. Alén disto pretendese crear un debate grupal, no que cada persoa reflexionará sobre as accións que pode emprender na súa vida cotiá para acadar esa igualdade de dereitos e a superación das desigualdades de xénero.


Para rematar, cabe dicir que esta celebración, nesta data, non debe facernos esquecer ningún dos demais días do ano, a necesidade imperiosa de acadar a igualdade “efectiva e real” entre xéneros para poder avanzar como sociedade.


En Marín, a 7 de marzo de 2.011