Este 8 de marzo de 2011, Día Internacional da Muller Traballadora, vén marcado por un contexto de grave crise económica. Este contexto dá lexitimidade ás distintas administracións e gobernos para aprobar medidas, como as recentes Reformas laboral e das pensións, que non teñen outra xustificación que respostar ás demandas da banca e o gran capital (únicos culpábeis da actual crise económica), recortando e atentando contra os dereitos sociais e laborais do conxunto da poboación, colocando as persoas máis vulnerables (entre elas, as mulleres) nunha situación de maior vulnerabilidade.

Ademais, neste 8 de marzo de 2011, as mulleres continuamos a ter, nas chamadas “sociedades desenvolvidas”, dificultades no acceso ao mundo laboral, para promocionar laboralmente, para acceder a postos directivos na empresa, para compaxinar a xornada laboral e doméstica e de coidado, para acceder a traballos tradicionalmente masculinizados e un longo etcétera. Se ben é certo que algo se avanzou nesta materia, tamén é ben certo que aínda fica moito camiño por percorrer.
É por isto, que A.C. Almuinha non pode deixar a un lado unha data coma esta e quere, ademais de reivindicar a loita polos dereitos sociais e laborais das mulleres, convidar ao conxunto da poboación marinense a participar o vindeiro 18 de marzo ás 20:00 no local do Ateneo a un Obradoiro de Igualdade que leva por lema: “Construíndo igualdade a partir das nosas diferenzas”. Neste Obradoiro pretendemos reflexionar sobre as nosas diferenzas como homes e mulleres e a necesidade da igualdade material en dereitos, mais alá da meramente formal recollida en diferentes normas. Alén disto pretendese crear un debate grupal, no que cada persoa reflexionará sobre as accións que pode emprender na súa vida cotiá para acadar esa igualdade de dereitos e a superación das desigualdades de xénero.
Para rematar, cabe dicir que esta celebración, nesta data, non debe facernos esquecer ningún dos demais días do ano, a necesidade imperiosa de acadar a igualdade “efectiva e real” entre xéneros para poder avanzar como sociedade.
En Marín, a 7 de marzo de 2.011
Sem comentários:
Enviar um comentário