maio 07, 2012

Almuinha organiza a Festa da Lingua en Marín este sábado 12 de maio






Baixo o lema “O galego, a nosa forma de estar no mundo”, a A.C. Almuinha organiza este sábado 12 de maio a 5ª Festa da Lingua. Con este lema queremos reivindicar a nosa lingua como extensa e útil, unha lingua viva e en movemento que nos permite comunicarnos entre nós e co resto do mundo.

Esta festa, coma en anos anteriores, quere parecerse o máximo á nosa lingua, para iso deseñamos unha festa de rúa, feita para a participación popular que terá como escenario principal a alameda de Marín mais que tamén percorrerá as rúas de Marín con diversos pasarrúas.

A festa que comezará ás 11 da mañá contará coa presenza dos grupos de música Os Chichisos, Son de Marín e as pandeireteiras A Chaneiras que interpretarán diversas pezas da música tradicional galega. Coma en anos anteriores para @s máis pequen@s haberá unha solta de libros cedidos pola editorial Kalandraka, xogos populares e a actuación dun magnifico contacontos pertencente ao grupo de teatro A Esmorga que promete ser un divertido e entretido espectáculo. Durante toda a mañán tamén se proxectarán diversos videos realizados a prol do galego e da súa plena normalización.

Como novidade este ano contaremos tamén coa presenza dunha asociación cultural basca, Bixi Bixi, que nos trae dende Pasaia unha demostración do entroido típico de Euskal Herria.

A partir das 2 da tarde a festa trasládase ao pavillón da Cañota onde antes do último aberto de billarda da tempada na conferencia sur ás 16:30 da tarde, haberá un xantar a base de churrasco, ensaladilla, sobremesa, café e licores ou menú vexetariano cuxo prezo é de 10€ sendo necesario reservar con antelación no teléfono 606 59 53 10 ou ben enviando un correo a a.c.almuinha@gmail.com

Sem comentários: