junho 27, 2012

Instamos a proteçom do nosso património ante a barbárie destrutora

Intáncia apresentada no Concelho de Marim pola nossa associaçom:

"Enterados/as que dentro das actividades da VII Concentración Mototurística Vila de Marín, promovidas polo Concello de Marín e o Moto Club Pontus Veteris Pontevedra, o vindeiro 1 de xullo ás 9 da mañá está previsto a celebración dunha proba do Campionato Galego de Trial nas instalacións municipais do Eco-parque do Bosque do Cadro, onde figura tamén como organizador o Motor Club de Aldán. Polo que informamos e denunciamos que;

No recinto do citado lugar e dentro de solo rústico de protección de espazos naturais Montes do Morrazo, localízase o complexo rupestre denominado "Petróglifos do Bosque do Cadro", xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce consistente en 5 grupos de petróglifos e catalogado no Inventario Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia co nº de Rexistro GA36026024, englobado na categoría de "Ben de Interese Cultural" (BIC).

Segundo a Lei 8/1995, de 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia calquera actuación no seu ámbito de protección necesita de autorización por parte da Consellaría de Cultura, da que non temos constancia.

A parte da área integral, a área de protección dentro de solo rústico de protección patrimonial, segundo o art. 30 de ordenanza reguladora do solo non urbanizable de protección do patrimonio incluída na Orde 14/5/1991, de 14 de maio, polo que se aproban as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra é de 200 metros para os restos arqueolóxicos, incluídos os petróglifos, a partir do vestixio máis exterior do ben que se protexe, ou , cando varios elementos singulares se articulan en conxunto, trazarase a partir dos elementos exteriores do conxunto abarcando a totalidade del.

Unha parte dos petróglifos, debido a décadas de abandono, están na actualidade ilocalizables polo que, xa simplemente por precaución, entendemos que non debería autorizarse a citada proba no lugar ante posibles danos ao patrimonio existente.

A realización desta proba pode ter unha afección negativa sobre estes petróglifos, sobre todo se temos en conta o tipo de proba, dado que o trial ten apetencia polas rochas ao ar libre e que para a organización da proba e o deseño do circuito non se tivo en conta a presenza dos petróglifos.

Polo exposto;

SOLICITA:

A comprobación dos feitos e que non se autorice a citada proba do campionato galego de trial na área de protección nin nas proximidades do complexo rupestre dos Petróglifos do Bosque do Cadro.

A recuperación e posta en valor do citado complexo rupestre.

A inspección e catalogación dun novo petróglifo atopado nas proximidades do Bosque do Cadro, sito a maior altitude, no alto dos Pedrouzos e preto do xacemento medieval catalogado de Castelo de Barbudo (GA36026005), dentro da súa área de protección."

Sem comentários: