A Asociación Cultural Almuinha, en colaboración coa Asociación Cultural A Revira, organiza para o vindeiro sábado 15 de outubro o Roteiro polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. A saída será ás 10:00 horas da Área Recreativa do Pornedo e a visita ó espazo será guiada por un arqueólogo.
Desta maneira, ambas asociacións queren mostrar o seu apoio ó proxecto de creación deste Espazo Natural e Arqueolóxico no contorno dos Sete Camiños, entre as parroquias de Lourizán, Salcedo e San Xulián, que xa apoian unha vintena de colectivos da bisbarra, e colaborar deste xeito na divulgación da riqueza patrimonial que atesoura.
A instalación da Liña de Alta Tensión (LAT) Lourizán-Cangas e a construción da Variante de Marín en 2003 afectaron ós xacementos arqueolóxicos existentes neste lugar. En 2009 produciuse, con total impunidade por parte da Brilat, a destrución da Mámoa de Louredo. Outras ameazas, como o proxecto do Concello de Marín do polígono industrial do Pituco ou a Franxa de Seguridade da Brilat, fan máis necesario que nunca o impulso a este Espazo Natural e Arqueolóxico para garantir a conservación dos elementos patrimoniais existentes e o seu desfrute por parte da cidadanía.
Coa realización deste roteiro, Almuinha e A Revira queren reivindicar a importancia da conservación dos montes periurbáns das cidades como cintos verdes e zona de esparcemento da poboación, máis importante aínda no caso de Marín, ameazado polo proxecto do polígono do Pituco, e que suporía o encorsetamento da vila entre o porto e o polígono.
E por outra banda, reivindicar a defensa do espazo natural dos Montes do Morrazo, do que forma parte o espazo dos Sete Camiños, denunciando a actitude cínica da Xunta de Galicia, que pretende construír un parque eólico en plena Serra de Domaio, despois de desestimar as alegacións de diversos colectivos ás DOT para que os Montes do Morrazo conservasen a protección como espazo natural, argumentando que xa estaban suficientemente protexidos.
Sem comentários:
Enviar um comentário