novembro 01, 2010

Repúblicas de homes libres: na procura dos Lordomani. Manuel Gago no C.S. Almuinha

A presenza dos normandos na Galiza ten xenerado centos de páxinas. Feitos, lendas e suposicións mestúranse entre si, e non é doado desbrozar. A relación de contactos cos normandos é longa, dilatada no tempo e desde logo intensa en sangue e ferro. Os homes do norte tocaron Galicia en catro vagas, algunhas veces deberon ser expedicións curtas de pillaxe e abastecemento no camiño cara as ricas cidades mediterráneas, e outras veces a cousa foi moito máis seria. Houbo unha política ao redor dos viquingos, unha política complexa que se traduciu en movementos bélicos, en políticas de defensa e en movementos de poboación.
Para falar dos viquingos, dos que se opuxeron a eles, dos que colaboraron con eles e das trazas que deles puideron quedar na Galiza este venres 5 de novembro ás 20:30 impartirá unha conferencia no centro social Almuinha, rúa Ezequiel Massoni nº 63, o xornalista e profesor da USC, Manuel Gago.
Manuel Gago é licenciado en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet. Os últimos son Sistemas Digitales de Información (Pearson Prentice Hall, 2006) e Diseño Periodístico en Internet (UPV, 2007). É membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blogue persoal, Capítulo 0 (wwww.manuelgago.org/blog/) fundado en 2004, é o máis antigo en activo escrito en lingua galega.

Sem comentários: