COLECTIVOS A PROL DA CONSERVACIÓN DO MONTE PORNEDO DENUNCIAN AS AGRESIÓNS QUE SOFRE ESTE ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO
Diversos colectivos veciñais e sociais de Marín, como Defende o Monte Pituco (Pornedo), a Asociación de Veciños de San Xulián, a Asociación Cultural Almuinha, o Colectivo Nacionalista de Marín, e a comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, alertan ás Administracións local e autonómica das agresións que vén sufrindo este contorno onde abundan gravados rupestres, elementos etnográficos e miradoiros naturais.
Recentemente localizouse no Alto do Pornedo un vehículo totalmente calcinado; trátase dun turismo que foi sustraído en Vigo, segundo averiguou a Policía Nacional de Marín.

Os restos deste vehículo tamén representan un risco para a saúde e a seguridade das persoas que acoden ao monte nunha época, en pleno outono, especialmente propicia: afeccionados á micoloxía que percorren esta zona recolectando cogomelos, cazadores cos seus cans, e cidadanía en xeral que se despraza a este enclave para visitar os seus restos arqueolóxicos, os seus elementos etnográficos e para recrearse nos miradoiros naturais que ofrece o Monte Pornedo.
Outro motivo de queixa vai dirixido á acción dos pilotos de quads e motos que se desprazan ao Monte Pornedo para realizar prácticas de condución que están a provocar o deterioro desta zona e da súa orografía. O paso constante das rodas altera progresivamente a consistencia do chan, impide o crecemento da vexetación e, coa chuvia, provoca que se formen lameiras de considerables dimensións que rebordan monte abaixo. Sendo unha actividade irregular nun espazo de propiedade comunal, estes colectivos instan aos organismos competentes a intensificar a vixiancia para disuadir os pilotos que adoitan exercitarse neste lugar, desoindo a
veciñanza que os insta a respectar este contorno.
Fronte á indiferenza das entidades responsables da súa conservación, Defende o Monte Pituco (Pornedo), a Asociación de Veciños de San Xulián, Almuinha, o Colectivo Nacionalista de Marín e a comisión do Espazo Sete Camiños comprométense a velar polos valores ambientais e culturais deste enclave marinense, rexeitando e denunciando calquera acción de deterioro ou agresión: dende os efectos do botellón que emporcan con frascos e lixo o lugar, ata os verquidos incontrolados de cascallos, pasando polo grave extremo da queima ou abandono de enseres, e a práctica motorística nas ladeiras do monte.
Sem comentários:
Enviar um comentário