Nos últimos días, malia non contar con ningunha partida nos orzamentos deste ano, o PP vén de anunciar a través da súa portavoz en Marín, María Ramallo, que pretenden comezar na nosa vila as obras do novo centro de saúde este mesmo ano.
A construción dun novo centro de saúde é umha necesidade para a veciñanza marinense que non se pode demorar por máis tempo, posto que a asistencia sanitaria dispensada no obsoleto edificio da Casa do Mar e no inapropiado centro de saúde deixan bastante que desexar, con moitas carencias e deficiencias tanto para os/as trabalhadores/as como para os/as doentes.
O Partido Popular coa vista posta nas municipais do ano que vén e conscientes da urxencia que ten Marín de contar cun novo centro de saúde tentan con este anuncio tirarlle proveito electoral ao inicio das obras aproveitando ademais a crise e a por eles proclamada “austeridade” para dar un paso máis na privatización da sanidade.
O novo centro de saúde construirase seguindo os principios que se pretenden aplicar para a a construción dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra e que están a xerar un grande malestar social. O financiamento, a construción e a xestión vanse pór nas mans dun consorcio privado de construtoras, aseguradoras e bancos supoñen un paso adiante no desmantelamento da sanidade pública o que xa provocou que milleiros de persoas saisen ás rúas para amosar o seu rexeitamento a estas políticas privatizadoras.
Este modelo de construción e xestión de hospitais que se pretende levar a cabo tamén co centro de saúde de Marín xa ten demostrado as súas carencias noutras comunidades autónomas, resultando máis cara e aumentando a precariedade dos/as traballadores/as e empeorando a asistencia pública, resultando unicamente beneficiadas unhas empresas privadas que no canto de seren castigadas por ser parte da crise que atravesamos son premiadas co goloso pastel da sanidade.
A.C. Almuinha considera que non podemos nin debemos consentir que a sanidade sexa posta en mans privadas, submetida ás regras do mercado, subordinando as necesidades dos/as doentes ao lucro de varias empresas privadas máis interesadas en acadar beneficios que en proporcionar un bo servizo aos/ás doentes aforrando custes para incrementar beneficios.
Sem comentários:
Enviar um comentário