outubro 15, 2009

Apoiamos a manifestación pola língua


Desde a A.C. Almuinha queremos facer público o noso total apoio á manifestación convocada para este domingo, día 18 de outubro, en Compostela en favor da nosa lingua e dos dereitos d@s galegofalantes.


Consideramos que estamos a vivir un momento histórico dunha importancia enorme para a nosa lingua, no que asistimos a un ataque directo e brutal contra a lingua deste país por parte do goberno galego e o partido que o sustenta, que supostamente debera defendelo e promovelo. Observamos, pois, con indignación como @s membros do goberno galego, cada quen na súa área, e outr@s representantes públicos do PP e algún/ha do PSdeG, están dando mostras sobradas de menosprezo nalgúns casos, e de ataque directo noutros. Vemos, por exemplo, como conselleir@s se negan sistematicamente a empregar a lingua deste país, agás cando lles escriben o que teñen que ler, algo do que nos últimos 30 anos non hai constancia n@s representantes polític@s; actitudes hostís que se manifestan a través da eliminación dos limitados avances do anterior goberno da Xunta, tentando por todos os medios que o galego continúe nunha posición de inferioridade con respecto ao castelan no ensino, derrogando o decreto do ensino; a eliminación da obriga de coñecer o galego no acceso á función pública; recurtando as axudas á tradución de libros ao galego ou recurtando de xeito substancial as axudas ao libro escrito en lingua galega. Por se isto non fose dabondo tamén temos os casos de representantes provinciais ou locais que teiman na súa loita contra o galego, abrindo temas supostamente fechados como nomes de cidades, o idioma das administracións ou colaboran financiando integramente actividades de grupos hostís ao galego.


Son tan só uns poucos exemplos da actitude vergoñenta que está a amosar o goberno galego e outr@s representantes públicos do PP, que xa non é que non estea a cumprir coas súas obrigas no que se refire á promoción do galego, senón que están a atacalo de xeito frontal e virulento, seguindo á perfección as directrices marcadas polos grupos galegófobos, que pretenden coas súas solicitudes o enterramento da nosa lingua.


É por todo isto que consideramos fundamental a mobilización e a defensa da nosa lingua en todos os ámbitos. A nosa lingua non deixa de perder falantes, como reflicten todos os estudos. É hora de que a cidadanía resposte a estes ataques, e tome conciencia de que a lingua da nosa terra está recuando a pasos axigantados, fora ou en posición subordinada en todos e cada un dos ámbitos sociais (escola, medios de comunicación, comercio, administración, empresa privada...), e de que ou mudamos as nosas actitudes e pasamos a defender con orgullo a dignidade da nosa lingua ou o galego carece de futuro. É hora de que nos paremos a pensar o que estamos a facer para a nosa lingua perviva. A nosa lingua ten un valor como lingua propia, unha lingua milenaria que é nosa, e tan só por iso xa ten un gran valor, que nos permite comunicarnos entre nós e nos define como colectividade humana diferenciada. Mais ademais permítenos comunicarnos a través do mundo lusófono con máis de 300 millóns de persoas de todo o mundo (Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Timor...), co que o seu valor vese incrementado, e é unha oportunidade que non debemos deixar pasar. Non podemos renunciar a este patrimonio, o maior que temos @s galeg@s, non podemos deixar que esmoreza.


Por todo isto, facemos un chamamento á participación na manifestación da dignidade convocada para este domingo a todos os homes e mulleres da nosa vila, que por riba de diferencias ideolóxicas ou políticas, aman a nosa lingua, para amosar que o pobo galego quere a súa lingua. Mais non consideramos que sexa suficiente e facemos un chamamento máis amplo na defensa e na promoción da nosa lingua no día a día e en todos os ámbitos, que é o realmente importante, o compromiso no día a día. Só coa firmeza na defensa do galego conseguiremos mante-lo vivo e transmiti-lo ás xeracións posteriores. É o noso deber como galeg@s.


Marín, a 15 de outubro de 2009


A.C. Almuinha

a.c.almuinha@gmail.com

www.acalmuinha.blogspot.com

Tlf: 677 049 789

Sem comentários: